Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 2001 Páx. 1.906

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de febreiro de 2001 pola que se anuncian encontros e actividades de formación e de intercambios de experiencias para os responsables e os compoñentes dos equipos de normalización lingüística, e para o profesorado en xeral, dos centros de ensino non universitario públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, encoméndalles ás autoridades educativas que tomen as medidas oportunas para promove-lo uso progresivo do galego no ensino. Ese uso debe contribuír a que os alumnos do ensino non universitario vaian acabando os distintos ciclos cun dominio similar de galego e de castelán.

Entre as medidas que a Administración educativa está levando a cabo figuran a formación do profesorado en lingua galega e a constitución dos equipos de normalización lingüística nos centros educativos. Estes equipos, actualmente regulados polo disposto nos Decretos 324/1996, do 26 de xullo, e 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 9 de agosto e do 21 de outubro, respectivamente), teñen como función principal a de potencia-lo uso da lingua galega nos centros de ensino non universitario, e son os encargados de elaborar e dinamizar un plan anual de actividades tendentes á consecución dos obxectivos establecidos polo centro en relación coa normalización do idioma e a cultura de Galicia.

Cómpre entón dinamiza-las actuacións deses equipos, promovendo a formación dos seus membros e

o intercambio e a difusión das experiencias dos distintos centros.

Por outra banda, e dado que o labor de promoción lingüística é tarefa xeral de todo o profesorado, é preciso mellora-la formación, especialmente lingüística, non só dos membros deses equipos senón tamén de todo o profesorado en xeral.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Anúncianse encontros e actividades de formación e de intercambios de experiencias para os responsables e os compoñentes dos equipos de normalización lingüística constituídos nos centros educativos non universitarios públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, e para o profesorado en xeral deses mesmos centros.

2. O gasto ocasionado pola realización destes encontros e actividades financiaranse con cargo á partida 07.06.353E.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2001, por unha contía máxima de dezanove millóns (19.000.000) de pesetas.

Artigo 2º

1. A finalidade destes encontros e actividades é a formación lingüística do profesorado, co fin de consegui-la progresiva utilización da lingua galega no ensino e, en consecuencia, mellora-lo dominio que os alumnos teñen do idioma galego.

2. O contido destes encontros e actividades centrarase fundamentalmente nas competencias que nos Decretos 324/1996 e 374/1996 se lles encomenda ós equipos de normalización lingüística, e mais no establecido no Decreto 247/1995.

3. Tódalas actividades que se realicen faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ó uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ó establecido pola Real Academia Galega.

Artigo 3º

1. As localidades de celebración, as datas de comezo e mailos horarios dos encontros determinaraos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a súa distribución xeográfica.

2. Canto ás actividades, tanto o contido concreto de cada unha delas coma todo o referente á súa organización, anunciaraos a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no segundo trimestre de 2001.

Artigo 4º

1. A duración de cada encontro ou actividade poderá variar segundo a programación que se dispoña por parte da Dirección Xeral de Política Lingüística.

2. A asistencia a tódalas sesións destes encontros e actividades será obrigatoria.

3. Ás persoas que participen nos encontros e actividades outorgaráselles un certificado de asistencia.

4. En cada anuncio de actividades determinarase a priorización dos asistentes e a temporalización daquelas.

Artigo 5º

1. As solicitudes presentaranse, utilizando os formularios que figuran como modelos nos anexos desta orde, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou tramitaranse por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes para calquera actividade será o dos vinte días hábiles seguintes ó do anuncio de cada actividade.

3. Sobre a admisión das solicitudes resolverá a correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

De non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, contados desde a publicación desta convocatoria no DOG, as solicitudes entenderanse desestimadas.

4. O número de asistentes a cada encontro ou actividade será de 20 persoas como mínimo.

Artigo 6º

Os módulos económicos que se fixen para cada encontro e actividade poderán comprender:

-Retribución ós relatores ou conferenciantes, no caso de que os haxa, polas súas conferencias ou relatorios.

-Retribución ó coordinador ou coordinadora e mais ó persoal subalterno, cando sexan necesarios.

-Dotación específica para material.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria