Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2001 Páx. 1.855

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de rematantes, serradoiros e preparados industriais da madeira de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo de rematantes, serradoiros e preparados industriais da madeira de Ourense (código de convenio 3200275) con entrada na Delegación Provincial de Ourense, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Empresarial de Serradoiros e Rematantes da Madeira de Ourense, e da parte social UGT-MCA, CC.OO. e CIG, o día 7-11-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, e demais normas aplicables de dereito común;

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 22 de decembro de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo para a provincia de Ourense de rematantes, serradoiros e preparados industriais da madeira 2000

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo afectaralles a tódolos/as traballadores/as do sector de rematantes, serradoiros e preparados industriais da madeira e a tódalas empresas do mesmo sector que estean establecidas ou que se establezan na provincia de Ourense. Queda excluído deste convenio o persoal de alta dirección ou alto consello.

Artigo 2º.-Vixencia, prórroga e denuncia.

1. Este convenio colectivo será de aplicación a partir do 1 de setembro do ano 2000. A súa duración será de 1 ano, é dicir, ata o 31 de agosto do ano 2001.

2. Entenderase prorrogado tacitamente de ano en ano, sempre que non sexa denunciado por algunha

das partes alomenos con tres meses de antelación respecto do termo da súa vixencia. A devandita comunicación terá forma escrita e será dirixida á outra parte facendo consta-los aspectos do convenio que se pretenden negociar, así como a representación que ten a parte denunciante. Así mesmo, endenderase prorrogado durante o tempo que medie entre a data da súa finalización e a entrada en vigor do novo convenio que o substitúa.

Artigo 3º.-Compensación e absorción.

As melloras deste convenio poderán ser compensadas e absorbidas ata onde alcance o cómputo anual con aquelas condicións superiores que teñan establecidas as empresas ou as que se establezan por disposición legal, agás que expresamente se pacte o contrario.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións persoais máis beneficiosas, consignadas en anteriores convenios ou pactos entre a patronal e os traballadores, serán respectadas individualmente.

Artigo 5º.-Xornada de traballo.

1. Como consecuencia do convenio xeral da madeira, a xornada anual de traballo efectivo será, a partir do ano 2000, de 1.780 horas.

2. Para compensa-la xornada e axustala ás correspondentes 1.780 horas, os traballadores terán dereito a tres días e medio libres para desfrutar durante o período de vixencia deste convenio. Non obstante, para este período a parte empresarial, co gallo de non partir medias xornadas, concede medio día máis para que poidan ser desfrutados catro días completos.

3. Para efectos do parágrafo anterior fíxanse as seguintes datas: o 7 de decembro do ano 2000, e os días 30 de abril, 17 e 18 de maio do ano 2001, agás acordo entre a empresa e os traballadores para fixar outros distintos. Se algún día dos sinalados coincidise con festivo local, pasaría ó día anterior ou posterior, agás acordo entre empresa e traballadores para fixar outro distinto.

Artigo 6º.-Salarios.

1. Todo o persoal afectado por este convenio percibirá as retribucións consignadas na táboa salarial anexa, incrementadas, se é o caso, co prezo da antigüidade que corresponda e demais conceptos retributivos.

2. O incremento salarial para o período de vixencia deste convenio será do 4,2%, resultado de lle engadir ó IPC interanual de agosto-1999/agosto-2000 (3.6%) o 0,6% previsto na acta da comisión negociadora do convenio xeral da madeira do 18 de xaneiro do ano 1999, publicada no BOE nº 96, do 22 de abril, mediante resolución da Dirección Xeral de Traballo, do 5 de abril de 1999.

Artigo 7º.-Antigüidade.

1. Desde o 30 de setembro de 1996 non se veñen aboando por este concepto novos dereitos, quedando, por tanto, suprimidos.

2. Non obstante, os traballadores que xerasen antes do 30 de setembro de 1996 novos dereitos e contías en concepto de antigüidade, manterán a cantidade consolidada na devandita data. A dita contía quedará reflectida na nómina de cada traballador como complemento persoal, baixo o concepto de antigüidade consolidada, e non será absorbible nin compensable.

3. Para compensa-la perda económica que supón a desaparición deste concepto calcularase o equivalente a 8 anos (isto é segundo o criterio da antiga ordenanza laboral, 1 quinquenio máis tres quintas partes doutro quinquenio) das bases e porcentaxes de concepto de antigüidade de cada convenio ou, no seu lugar, das porcentaxes da ordenanza laboral. A contía resultante dividirase entre cinco. A cantidade resultante de efectua-la operación anterior será a que se engadirá ó importe anual do salario base durante os cinco primeiros anos.

4. Como consecuencia do anterior, para tódalas categorías a compensación da antigüidade para o ano 2000 (que será a última que se realice, de conformidade co convenio xeral da madeira) será de 1.380 pesetas/mes e o valor do quinquenio consolidado será de 3.520 pesetas/mes.

Artigo 8º.-Complemento de asistencia.

1. Establécese un complemento de asistencia que será o seguinte:

Peón: 3.461 pesetas/mes.

Axudante: 7.147 pesetas/mes.

Oficial de 2ª: 8.837 pesetas/mes.

Oficial de 1ª: 9.144 pesetas/mes.

Encargado: 9.451 pesetas/mes.

Conductor: 8.837 pesetas/mes.

Auxiliar administrativo: 8.837 pesetas/mes.

2. Este complemento de asistencia perderano aqueles traballadores que tivesen faltas de asistencia sen xustificar durante a xornada de traballo: o 20% do seu importe na primeira ausencia, o 40% na segunda e a totalidade a partir da 3ª. As faltas consideraranse tanto consecutivas como alternas dentro do mesmo mes natural.

Artigo 9º.-Axudas de custo e desprazamentos.

1. Tódolos/las traballadores/as que, por necesidades da empresa e por orde dela, teñan que efectuar viaxes ou desprazamentos que lles impidan realiza-las súas comidas ou pernoitas no seu lugar habitual ou domicilio, terán dereito ás seguintes axudas de custo diarias:

Axuda de custo completa con pernoita: 3.126 pesetas.

Axuda de custo completa sen pernoita: 2.084 pesetas.

Media axuda de custo: 1.042 pesetas.

2. Se por circunstancias excepcionais os gastos orixinados superasen os importes establecidos para o efecto, o exceso deberá ser pagado pola empresa, logo de autorización do empresario e posterior xustificación por parte do traballador.

3. Se a empresa se fixese cargo de tódolos gastos, non aboará cantidade ningunha por estes conceptos.

Artigo 10º.-Gratificacións extraordinarias.

1. Consideraranse gratificacións extraordinarias, coa denominación de paga de verán e paga de Nadal, aquelas que deberán ser aboadas, respectivamente, antes do 30 de xuño e do 20 de decembro de cada ano natural.

2. O importe das gratificacións extraordinarias de Nadal e de verán será o correspondente a 30 días de salario base máis antigüidade. A contía do salario base será a que se especifique para cada categoría na táboa que consta no anexo I deste convenio, á que haberá que engadi-la correspondente á antigüidade.

3. Para o rateo das devanditas pagas teranse en conta os dous semestres naturais do ano: para a paga de verán, do 1 de xaneiro ó 30 de xuño; e para a paga de Nadal do 1 de xullo ó 31 de decembro. Ó persoal de nova incorporación na empresa faráselle efectiva a parte proporcional das gratificacións extraordinarias conforme os criterios anteriores, no momento de realiza-la liquidación dos seus haberes.

Artigo 11º.-Contrato de aprendizaxe.

1. O contrato de aprendizaxe que realicen as empresas comprendidas dentro do ámbito funcional deste convenio terá por obxecto a formación práctica e teórica do traballador contratado. O devandito traballador non deberá ter ningún tipo de titulación, xa sexa superior, media, académica ou profesional relacionada con cada posto de traballo para desempeñar.

2. O contido do contrato, ó igual que as súas posibles prórrogas, deberá formalizarse por escrito e figurará neste de xeito claro, a actividade ou profesión obxecto da aprendizaxe.

3. En ningún caso, se poderá realizar este tipo de contratos naquelas actividades nas que concorran circunstancias tóxicas, penosas, perigosas ou nocturnas. Tamén estará prohibida a realización de horas extraordinarias.

4. A idade do traballador con contrato destas circunstancias non poderá ser inferior ós 16 anos nin superior ós 22 anos.

5. A duración máxima será de 3 anos, xa sexan alternos ou continuados, con unha ou varias empresas dentro do ámbito funcional do sector deste convenio.

6. Non se poderán realizar contratos de duración inferior a 6 meses, podendo prorrogarse ata tres veces por períodos, como mínimo, de 6 meses.

7. Este tipo de contrato realizarase a tempo completo. O 15% do total da xornada dedicarase a formación teórica. Concretaranse no contrato as horas e os días dedicados á formación. Así mesmo, especificarase o centro formativo, se é o caso, encargado do ensino teórico. O ensino teórico, a ser posible, deberá ser previo á formación práctica. O titor deberá velar pola adecuada formación do aprendiz así como de tódolos riscos profesionais.

8. O traballo efectivo que preste o traballador na empresa deberá estar relacionado coa especialidade ou obxecto do contrato.

9. O salario que percibirá o aprendiz será o 75%, 85% e 95% do salario do axudante ou categoría equivalente deste convenio, durante o primeiro, segundo e terceiro ano de contrato, respectivamente.

10. No caso de cesamento na empresa, entregaráselle ó traballador un certificado referente á formación teórica e práctica adquirida, no que constará a duración deste.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Conforme o disposto no Estatuto dos traballadores, as horas extraordinarias aboaranse con unha recarga do 75% sobre o valor da hora ordinaria.

Artigo 13º.-Vacacións.

1. A duración das vacacións anuais será de 30 días naturais a salario real ou parte proporcional que corresponda no caso de non levar traballando o ano requirido para o pleno desfrute deste dereito.

2. O total de días anuais de vacacións repartirase para os efectos do seu desfrute, con carácter xeral, da seguinte forma: 15 días seguidos para gozar no verán e o resto para gozar de acordo entre a empresa e os traballadores, atendendo de forma prioritaria ás necesidades de producción.

3. Deberá facerse pública cun mínimo de 2 meses á data das vacacións.

4. A retribución que percibirán por vacacións comprenderá a media da totalidade das retribucións salariais percibidas durante o trimestre natural inmediatamente anterior á data de inicio delas, coa excepción das horas extraordinarias e das gratificacións extraordinarias.

5. Os traballadores que cesen durante o transcurso do ano terán dereito a que, na liquidación que se lles practique no momento da baixa na empresa, se lles integre o importe da remuneración correspondente á parte proporcional das vacacións non desfrutadas.

6. Pola contra, nos cesamentos de carácter voluntario, se o traballador desfrutase de vacacións, a empresa poderá deducir na liquidación que se lle practique a parte correspondente ós días de exceso

xa desfrutados, en función do tempo de prestación de actividade laboral efectiva durante o ano.

7. Para os efectos do aboamento de vacacións, considerarase como tempo efectivamente traballado o correspondente á incapacidade temporal, sexa cal sexa a súa causa. Emporiso, dado que o dereito ó desfrute das vacacións caduca co transcurso do ano natural, perderase este se ó seu vencemento o traballador continuase de baixa, aínda que manterá o dereito a percibi-la diferencia entre a retribución de vacacións e a prestación de incapacidade temporal, de ser aquela de superior contía. O mesmo criterio aplicarase para os supostos de cesamentos por finalización de contrato.

Artigo 14º.-Contrato eventual por circunstancias da producción.

1. É o contrato celebrado ó amparo do artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, segundo redacción dada pola Lei 63/1997, do 30 de decembro, e que se concerta cando as circunstancias do mercado, a acumulación de tarefas ou o exceso de pedidos así o esixisen, mesmo tratándose da actividade normal da empresa.

2. A duración máxima deste contrato será de 13 meses e medio dentro dun período de 18 meses.

Artigo 15º.-Período de proba.

Poderase concertar por escrito un período de proba que, en ningún caso, poderá exceder de:

-Técnicos e titulados superiores, 6 meses.

-Técnicos de grao medio ou sen titulación, e persoal administrativo cualificado, 2 meses.

-Oficiais de oficio e auxiliares administrativos, 1 mes.

-Resto do persoal, 15 días.

Artigo 16º.-Roupa de traballo.

O persoal afectado por este convenio recibirá da empresa as pezas de protección, hixiene e seguridade no traballo, tales como guantes, botas ou calzado adecuado e traxes de faena ou roupa de traballo, estas últimas cada 6 meses; é obrigatorio o seu uso cando o traballo o requira. As mencionadas pezas serán, en todo momento, propiedade da empresa e o traballador estará obrigado á boa conservación e uso. As empresas poderán facer constar nas devanditas pezas o seu anagrama e o da actividade.

Artigo 17º.-Revisión médica.

1. As empresas afectadas por este convenio solicitarán unha revisión médica anual para todo o cadro de persoal.

2. O tempo que o traballador empregue para asistir á devandita revisión será aboado pola empresa.

Artigo 18º.-Incapacidade temporal por accidente de traballo.

As empresas afectadas por este convenio aboaranlles a aqueles dos seus traballadores que se ato

pen na situación de incapacidade temporal como consecuencia de accidente de traballo ocorrido no centro de traballo ou in itinere e durante o tempo que dure a incapacidade temporal por esta causa, unha compensación económica consistente na diferencia que exista entre as prestacións que o traballador perciba da Seguridade Social e o salario real que lle corresponda segundo a súa categoría profesional.

Artigo 19º.-Póliza de seguros.

1. As empresas estarán obrigadas a concertar con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de 3 meses a partir da contratación dun traballador, unha póliza de seguros para a cobertura de riscos de falecemento ou de incapacidade dos traballadores por accidente de traballo, incluídos os in itinere que lle garanta ó traballador accidentado ou ós seus habentes causa, no caso de falecemento poroducido por causa fortuíta, espontánea, exterior e independente.

2. As contías das primas serán as seguintes:

3.500.000 pesetas, no caso de morte.

3.500.000 pesetas, no caso de invalidez total.

3.750.000 pesetas, no caso de invalidez absoluta.

4.000.000 de pesetas, no caso de grande invalidez.

3. A referida póliza só abranguerá os procesos iniciados a partir da vixencia e validez desta.

4. Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou Montepío. Non obstante, a indemnización á que se fai mención neste artigo considerarase como entregada á conta da indemnización que, se é o caso, puidesen declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza, unha vez que exista sentencia definitiva, sobresemento ou renuncia de accións.

Artigo 20º.-Comisión mixta paritaria.

Para a interpretación, vixilancia e cumprimento deste convenio constitúese unha comisión mixta paritaria, que estará integrada polas partes asinantes deste convenio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-No non previsto neste convenio colectivo haberá que aterse ó disposto no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e ó acordo estatal da madeira, asinado o 21 de marzo de 1996 entre as centrais sindicais UGT, CC.OO. e Conemac, como dereito de directa aplicación para todas aquelas empresas e traballadores do correspondente ámbito territorial.

Segunda.-Cláusula de submisión ó AGA.

Ante a importancia que poida te-la resolución pacífica dos confilictos laborais, a elaboración dun acor

do interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo AGA, asinado entre a Confederación de Empresarios (CEG) e as centrais sindicais UGT, CC.OO. e a CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos nos que están formulados.

Terceira.-Cláusula de revisión.

No caso de que o IPC publicado no INE rexistrase o 31 de agosto do ano 2001 un incremento superior ó 2%, a diferencia que se produza adicionarase ó incremento que se deberá efectuar para a vixencia do próximo convenio no que supere o IPC previsto +0,2.

Disposición transitoria

Única.-En relación coa póliza de seguros, as partes asinantes acordan fixar un incremento para o vindeiro período de vixencia do convenio de 500.000 pesetas en cada unha das partidas sinaladas no artigo 19º, segundo figuran no anexo II.

ANEXO I

CategoríaSalario

inicial

AntigüidadeSalario base

total

Complemento

de asistencia

Salario total

mensual

Peón81.2081.38082.5883.46186.049

Axudante81.2081.38082.5887.14789.735

Oficial 2ª81.2081.38082.5888.83791.425

Oficial 1ª81.2081.38082.5889.14491.732

Encargado81.2081.38082.5889.45192.039

Conductor81.2081.38082.5888.83791.425

Aux. admon.81.2081.38082.5888.83791.425

ANEXO II

ConvenioMorteInvalidez

total

Invalidez

absoluta

Grande

invalidez

2001-20024.000.0004.000.0004.250.0004.500.000