Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2001 Páx. 1.837

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 30/2001, do 4 de xaneiro, polo que se acorda a imposición da afectación secundaria sobre unha parcela situada no porto de Muxía, a favor da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

O porto de Muxía está integrado no patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 3214/1982, do 24 de xullo (BOE nº 285, do 27 de novembro) e adscrito ó ente público Portos de Galicia, segundo o establecido no artigo 17 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do dito ente.

Mediante Decreto 301/1999, do 11 de novembro, acordouse a imposición de afectacións secundarias sobre parcelas situadas nos portos de Muxía, Burela e Cariño a favor da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, publicado no DOG nº 227, do 24 de novembro de 1999.

Con data do 25 de outubro de 2000, a dita consellería solicitou a ampliación da parcela do porto de Muxía obxecto de afectación secundaria, para a instalación nela da Axencia para o desenvolvemento do litoral da Costa da Morte.

Con data do 20 de decembro de 2000, Portos de Galicia emitiu informe favorable sobre a afectación secundaria solicitada.

Segundo o establecido nos artigos 12.3º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 31 do seu regulamento, a afectación secundaria de bens de dominio público require acordo do Consello da Xunta de Galicia baixo a forma de decreto, logo da instrucción do correspondente expediente pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de xaneiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a imposición dunha afectación secundaria a favor da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura sobre unha parcela de 90 m situada no porto de Muxía, estremeira da parcela que foi obxecto doutra afectación secundaria mediante Decreto 301/1999, do 11 de novembro e delimitada segundo o plano incorporado ó expediente, con destino á instalación das dependencias da Axencia para o desenvolvemento do litoral da Costa da Morte.

Artigo 2º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo

tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, catro de xaneiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda