Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 09 de febreiro de 2001 Páx. 1.823

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

CÉDULA do 14 de decembro de 2000, da Delegación Provincial de Lugo, de notificación da proposta de resolución do expediente sancionador 38/2000 a Cruceiro, S.A.

A Delegación Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Lugo, tramitou expediente sancionador 38/2000, seguido en virtude de denuncia formulada por Domingo Quiroga Tallo, contra Cruceiro, S.A., finalizando este trámite con proposta de resolución de expediente sancionador por non realiza-las obras necesarias para emenda-las deficiencias denunciadas.

O citado acordo é do seguinte teor:

«Proposta de resolución de expediente sancionador 38/2000.

Vista a denuncia presentada por Domingo Quiroga Tallo da vivenda 6º E da rúa Angelo Colocci, 32 desta cidade de Lugo, e logo das actuacións previas practicadas, de acordo cos seguintes:

Feitos

Primeiro.-Con data 11 de marzo de 1998, por Domingo Quiroga Tallo formula denuncia diante desta delegación do Instituto Galego da Vivenda e Solo, sobre vicios e defectos de construcción na vivenda 6º E do inmoble citado.

Segundo.-Consecuente coa denuncia formulada, abríronse dilixencias previas baixo o nº 15/98, que finalizaron con requirimento á promotora inmobiliaria Cruceiro, S.A., para que efectuase as reparacións que se sinalaban, concedéndoselle un prazo de 10 días para remisión do proxecto e de 30 días para a súa execución.

O requirimento foi notificado a través do Diario Oficial de Galicia nº 128 en data 3 de xullo de 2000, ó encontrarse a empresa en cuestión ausente do domicilio social.

Terceiro.-Que con data 18 de setembro de 2000 díctase resolución pola que se vén iniciar expediente sancionador, baixo o número 38/2000, o cal foi notificado a través do Diario Oficial de Galicia, en data 20 de novembro de 2000, ó encontrarse a empresa en cuestión ausente do domicilio social.

Feito probado

Único.-Determínase, así, como feito probado, ó non ter constancia nesta delegación da realización das obras de reparación requiridas, que a promotora Cruceiro, S.A. incumpriu a obriga de emenda-las deficiencias observadas.

Fundamentos de dereito

1. É competente para a resolución do presente expediente o delegado provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Lugo, de acordo co disposto no Decreto 134/1997, do 22 de maio.

2. Ó amparo do disposto no artigo 3.2º do Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora R.D. 1398/1993, do 4 de agosto, os interesados teñen dereito a formular alegacións e a presentar tódolos documentos que consideren convenientes en calquera momento do procedemento con anterioridade ó trámite de audiencia.

Poderán así mesmo, recoñecer voluntariamente a súa responsabilidade conforme o establecido no artigo 8 do citado regulamento.

3. Segundo o artigo 16.1º do Regulamento do procedemento, os interesados dispoñen dun prazo de 15 días contados desde a notificación da presente proposta para presenta-los documentos ou informacións que estimen convenientes e propoñer probas, concretando os medios dos que pretendan valerse.

4. De acordo co artigo 153 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, Lei 30/1992, do 26 de novembro, o presunto responsable ten dereito a coñecer, entre outros extremos, o instructor do procedemento sancionador, dereito que o artigo 13.1º do Regulamento do procedemento estende ó coñecemento do secretario, sendo o seu réxime de recusación o previsto nos artigos 28 e 29 da dita lei.

Vistos os preceptos sinalados e os demais de aplicación xeral, este instructor propón:

1. Impoñerlle a Cruceiro, S.A. unha sanción de 500.001 pesetas de multa.

2. Que conforme o disposto no número 2º, do artigo 8, da Lei 13/1996, do 30 de decembro, de infraccións en materia de vivenda, sen prexuízo da sanción imposta, deberá realiza-las obras de reparación das cales a execución foi requirida por este organismo na tramitación do expediente sancionador.

Notifíquese a presente proposta ós interesados con indicación de que, de conformidade co establecido no artigo 19 do Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, poderán presentar alegacións no prazo de 15 días, ó termo dos cales a Delegación Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo dictará a resolución que corresponda».

Lugo, 14 de decembro de 2000.

P.A.

Francisco Centeno Márquez

Instructor