Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 09 de febreiro de 2001 Páx. 1.783

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de xaneiro de 2001 pola que se convocan tres bolsas de biblioteconomía e documentación.

O artigo 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, considera entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

En execución do plan de actividades da escola para o ano 2001, e de conformidade coa referida lei, convócanse tres bolsas de biblioteconomía e documentación, segundo as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

A Escola Galega de Administración Pública convoca tres bolsas de biblioteconomía e documentación para a execución de tarefas desta natureza na biblioteca desta escola.

Segunda.-Duración e dotación económica.

As tarefas relativas a estas bolsas iniciaranse a partir da incorporación dos bolseiros e rematarán o 31 de decembro de 2001. Poderán ser prorrogadas, en función do aproveitamento do adxudicatario, sempre que exista crédito adecuado e suficiente por un ano ou, se é o caso, ata que se resolva a convocatoria do ano 2002.

A dotación económica de cada bolsa será de 132.850 pesetas mensuais brutas coa retención fiscal que lle corresponda. Respecto ó pagamento, rexerá o disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e o artigo 40 da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, acordando o pagamento parcial á conta da liquidación definitiva a medida que se xustifiquen os libramentos anteriores, ata a porcentaxe do 80% da subvención concedida. O importe citado será pagado mensualmente na conta bancaria indicada polo interesado, logo da certificación emitida polo xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións da escola acreditativa das tarefas executadas.

Os pagamentos serán efectuados pola escola con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.122 A.480.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001.

Antes de proceder ó último pagamento, os beneficiarios deberán efectuar unha declaración xurada ou responsable conforme non tiveron outra bolsa que a adxudicada en virtude desta convocatoria.

Tercerira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social. Será incompatible co desfrute doutras bolsas.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser titulado/a superior universitario con especialidade en bibliotecas ou licenciado en dereito con formación e experiencia en bibliotecas.

b) Acreditar formación e/ou experiencia en traballos de biblioteconomía e documentación.

c) Acreditar formación e/ou coñecementos da lingua galega.

d) Acreditar formación e/ou experiencia en informática.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no Rexistro da Escola Galega de Administración Pública, dentro dos quince días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo.

b) Certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura.

c) Documentos que acrediten a formación e/ou experiencia esixida no punto 4 b), 4 c) e 4 d).

d) Memoria descritiva, en tres folios como mínimo e cinco como máximo, das tarefas de colaboración dun bolseiro na biblioteca dun centro de formación de funcionarios públicos.

e) Declaración xurada ou responsable comprometéndose a renunciar se fose seleccionado para outra bolsa.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: o secretario xeral da Escola Galega de Administración Pública.

Vocais: o xefe de estudios da EGAP.

Secretario: o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións da EGAP.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Formación ou experiencia en temas relacionados co obxecto desta bolsa: ata dous puntos.

c) Coñecementos da lingua galega: ata dous puntos.

d) Coñecementos de informática: ata dous puntos.

e) Memoria: ata cinco puntos.

O tribunal non valorará aqueles méritos dos candidatos que non estean acreditados documentalmente.

O tribunal poderá realizar unha entrevista cos aspirantes. Á vista da valoración dos méritos dos candidatos, o tribunal determinará a puntuación mínima para acceder á entrevista. A entrevista versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de quince minutos. A puntuación máxima pola entrevista non superará o 25% da que corresponda pola aplicación do baremo.

Finalmente, o tribunal fará pública no taboleiro de anuncios da escola a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ó da notificación da adxudicación.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración, baixo as indicacións do xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións, en horario de mañá e/ou tarde, de luns a venres na Escola Galega da Administración Pública. Os traballos realizados quedarán en propiedade da escola.

Os bolseiros presentarán ó remate das bolsas un informe sobre os traballos realizados.

Así mesmo, deberán asistir ás actividades que a EGAP considere convenientes para a súa formación. Os gastos ocasionados con motivo destas actividades serán pagados pola EGAP, logo de que o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións certifique os gastos producidos; os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención non poderán supera-la contía establecida para o grupo II do Decreto 299/1990, do 24 de maio, sobre as indemnizacións por razón do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica.

No caso de que un adxudicatario, por calquera motivo, non poida presta-la súa colaboración será substituído polo candidato seguinte por orde de puntación. En caso de renuncia á bolsa, non se entenderá que existe incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, sempre e cando se certifique polo órgano xestor o correcto desempeño por parte do bolseiro das tarefas inherentes á bolsa, garantindo a continuidade delas coa substitución por outro bolseiro. Cando a data da renuncia non coincida co derradeiro día de cada mes, aboarase a parte proporcional correspondente ó desfrute da bolsa.

Novena.-Anulación da bolsa.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, a escola poderá, por proposta do xefe de Servicio de Estudios, Investigación e Públicacións e logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e a aceptación destas bases.

Décima.-Resolución e recursos.

A resolución administrativa relativa á concesión ou denegación da bolsa seralles notificada ós interesados no prazo de tres meses, contados a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Esgotado o dito prazo, sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición por silencio administrativo.

As resolucións expresas ou presuntas que se dicten esgotarán a vía administrativa e poderá interpoñerse, chegado o caso, recurso potestativo de reposición perante o director da Escola Galega de Administración Pública no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa notificación, sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que consideren oportuno.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública