Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 09 de febreiro de 2001 Páx. 1.782

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 2001 pola que se convoca un curso sobre fotografía en B/N e técnicas de laboratorio.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso sobre fotografía en B/N e técnicas de laboratorio, que deberá desenvolverse conforme as seguintes

Bases

-Obxectivos.

O curso ten por obxectivo principal dota-los membros dos corpos de seguridade dos coñecementos fundamentais para levar a cabo as tarefas máis importantes no campo da fotografía policial, nas facetas de reportaxe en laboratorio.

-Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos da Policía local de Galicia e membros da unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso de quedaren prazas vacantes, ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda civil.

-Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

-Prazas.

O número de prazas que se ofertan neste curso é 20.

-Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 1 de marzo, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico, e seladas; será este requisito indispensable para ser admitido nos cursos; o incumprimento deste requisito comportará a non admisión ó devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

-Datas.

O curso terá lugar do 12 ó 16 de marzo, das 16 ás 20 horas.

-Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 5 de marzo no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

-Lugar.

O curso desenvolverase na aula de fotografía da Academia Galega de Seguridade.

-Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el e que superen as correspondentes probas.

-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 24 de xaneiro de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade