O artigo 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, considera entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.
En execución do plan de actividades da escola para o ano 2001 e de conformidade coa referida disposición, convócanse cinco bolsas de colaboración en tarefas de estudio e análise sobre materias xurídicas e político-administrativas, segundo as seguintes bases:
Primeira.-Obxecto.
A Escola Galega de Administración Pública convoca cinco bolsas, das que catro serán para a realización de estudios e análise sobre materias xurídicas e unha sobre materias político-administrativas.
Segunda.-Duración e dotación económica.
As tarefas relativas a estas bolsas iniciaranse a partir da incorporación dos bolseiros e rematarán o 31 de decembro de 2001. Poderán ser prorrogadas, en función do aproveitamento do adxudicatario, sempre que exista crédito adecuado e suficiente por un ano ou, se é o caso, ata que se resolva a convocatoria do ano 2002.
A dotación económica de cada bolsa será de 132.850 pesetas mensuais brutas coa retención fiscal que lle corresponda. Respecto ó pagamento, rexerá o disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e o artigo 40 da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, acordando o pagamento parcial á conta da liquidación definitiva a medida que se xustifiquen os libramentos anteriores, ata a porcentaxe do 80% da subvención concedida. O importe citado será pagado mensualmente na conta bancaria indicada polo interesado, logo da certificación emitida polo xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións da escola acreditativa das tarefas executadas.
Os pagamentos serán efectuados pola escola con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.122A.480.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001.
Antes de proceder ó último pagamento, os beneficiarios deberán efectuar unha declaración xurada ou responsable conforme non tiveron outra bolsa que a adxudicada en virtude desta convocatoria.
Terceira.-Natureza xurídica da relación.
A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social. Será incompatible co desfrute doutras bolsas.
Cuarta.-Requisitos dos participantes.
Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:
a) Ser licenciado en dereito para as bolsas sobre materias xurídicas e licenciado en ciencias políticas para a bolsa sobre materias político-administrativas.
b) Acreditar formación e/ou experiencia en materias relacionadas co obxecto da convocatoria.
c) Acreditar formación e/ou coñecementos da lingua galega.
d) Acreditar formación e/ou experiencia en informática.
Quinta.-Solicitudes.
As persoas interesadas presentarán no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, dentro dos quince días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:
a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo.
b) Certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura.
c) Documentos que acrediten a formación e/ou experiencia esixida nos puntos 4 b), 4 c) e 4 d).
d) Memoria descritiva, en tres folios como mínimo e cinco como máximo, das tarefas de colaboración dun bolseiro nun centro de formación de funcionarios.
e) Declaración xurada ou responsable compromenténdose a renunciar se fose seleccionado para outra bolsa.
Sexta.-Tribunal.
Presidente: o secretario xeral da Escola Galega de Administración Pública.
Vocais: o xefe de estudios da EGAP.
Secretario: o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións da EGAP.
Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.
A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:
a) Expediente académico. Pola titulación requirida para a bolsa solicitada: ata catro puntos.
b) Formación ou experiencia en temas relacionados co obxecto desta bolsa: ata dous puntos.
c) Coñecementos da lingua galega: ata dous puntos.
d) Coñecementos de informática: ata dous puntos.
e) Memoria: ata cinco puntos.
O tribunal non valorará aqueles méritos dos candidatos que non estean acreditados documentalmente.
O tribunal poderá realizar unha entrevista cos aspirantes. Á vista da valoración dos méritos dos candidatos, o tribunal determinará a puntuación mínima para acceder á entrevista. A entrevista versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de quince minutos. A puntuación máxima pola entrevista non superará o 25% da que corresponda pola aplicación do baremo.
Finalmente o tribunal fará pública no taboleiro de anuncios da escola a relación de candidatos por orde de puntuación.
Oitava.-Réxime de colaboración.
Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ó da notificación da adxudicación.
Os bolseiros prestarán a súa colaboración, baixo as indicacións do xefe do Servicio de Estudios, Investi
gación e Publicacións, en horario de mañá e/ou tarde, de luns a venres na Escola Galega da Administración Pública. Os traballos realizados quedarán en propiedade da escola.
Os bolseiros presentarán ó remate das bolsas un informe sobre os traballos realizados.
Así mesmo, deberán asistir ás actividades que a escola considere convenientes para a súa formación. Os gastos ocasionados con motivo destas actividades serán pagados pola escola, logo de que o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións certifique os gastos producidos; os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención non poderán supera-la contía establecida para o grupo II do Decreto 299/1990, do 24 de maio, sobre as indemnizacións por razón do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica.
No caso de que un adxudicatario, por calquera motivo, non poida presta-la súa colaboración será substituído polo candidato seguinte por orde de puntación. En caso de renuncia á bolsa, non se entenderá que existe incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, sempre e cando se certifique polo órgano xestor o correcto desempeño por parte do bolseiro das tarefas inherentes á bolsa, garantindo a continuidade delas coa substitución por outro bolseiro. Cando a data da renuncia non coincida co derradeiro día de cada mes, aboarase a parte proporcional correspondente ó desfrute da bolsa.
Novena.-Anulación da bolsa.
No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, a escola poderá, por proposta do xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Públicacións e logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.
A solicitude das bolsas implica o coñecemento e a aceptación destas bases.
Décima.-Resolución e recursos.
A resolución administrativa relativa á concesión ou denegación da bolsa seralles notificada ós interesados no prazo de tres meses, contados a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición por silencio administrativo.
As resolucións expresas ou presuntas que se dicten esgotarán a vía administrativa e poderá intepoñerse, chegado o caso, recurso potestativo de reposición perante o director da Escola Galega de Administración Pública no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa notificación, sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que consideren oportuno.
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2001.
Domingo Bello Janeiro
Director da Escola Galega de Administración
Pública