Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 08 de febreiro de 2001 Páx. 1.727

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

CENTRO DE EXTENSIÓN UNIVERSITARIA E DIVULGACIÓN AMBIENTAL DE GALICIA

ANUNCIO do 26 de xaneiro de 2001 polo que se fan públicas as bases da convocatoria da praza de director xerente do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, na súa nova redacción dada polas leis 4/1991, do 8 de marzo e 3/1995, do 10 de abril, e o Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e no uso das facultades recollidas nos estatutos do consorcio, creado para o desenvolvemento do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña e o Concello de Oleiros, relativo á xestión do Ceida, a Comisión de Dirección do Ceida,

DISPÓN:

Anucia-la convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de director/a xerente do Ceida, nivel 28 B, con sede no Castelo de Santa Cruz, Oleiros, 15179 A Coruña.

De conformidade co disposto no artigo 12 dos estatutos do consorcio, relativos ó convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña e o Concello de Oleiros, o director xerente terá a condición de funcionario público, con titulación superior, e será designado pola Comisión de Dirección en virtude de convocatoria pública.

O artigo 2 dos estatutos do Ceida dispón que o consorcio creado se rexerá pola normativa en materia de función pública aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia; polo tanto, fanse as continuas referencias á dita normativa.

Poderán concorrer a esta convocatoria os funcionarios que, de conformidade cos estatutos do Ceida, reúnan os requisitos esixidos nela: estar en posesión da titulación superior e te-la condición de funcionario público.

As solicitudes presentaranse, segundo calquera dos procedementos da LPA na sede do Ceida, Castelo de Santa Cruz, Illa de Santa Cruz en Oleiros, C.P. 15179 A Coruña, no prazo de 15 días contados a partir do día seguinte ó da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia, e irán dirixidas ó presidente da Comisión de Dirección do Ceida.

Os aspirantes xuntarán á súa solicitude un currículum vitae xustificando documentalmente os méritos achegados, tendo en conta que os méritos alegados e non probados documentalmente non lles serán computados, e unha memoria explicativa do

seu proxecto de dirección do Ceida en relación cos aspectos técnicos de deseño e desenvolvemento de actividades propias do Ceida, considerando as dúas áreas de extensión universitaria e divulgación ambiental.

De conformidade co disposto nos estatutos polos que se rexe o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, a convocatoria será resolta pola Comisión de Dirección nun prazo máximo de dous meses, de conformidade co disposto no artigo 16.2º do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna na Comunidade Autónoma de Galicia.

A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia, e poderase declarar deserto se é oportuno.

Como méritos específicos para os efectos de valoración teranse en conta os seguintes aspectos relacionados na táboa adxunta, ademais de calquera outros que o solicitante coide oportuno presentar.

CONCEPTOS

* Por formación e titulacións académicas:

-Título de doutor/a.-Titulacións de grao superior distintas á esgrimida para a participación na convocatoria.-Titulacións de grao medio ou diplomaturas distintas das anteriores.

* Por asistencia a cursos, encontros, congresos, simposios e grupos de traballo en relación coa educación ambiental e a divulgación ambiental.

* Por participación en programas de investigación educativa e innovación curricular, investigación-acción e proxectos de formación relacionados coa educación ambiental e a divulgación ambiental.

* Por experiencia en organización e dirección de actividades de formación e información, especificamente en educación ambiental e divulgación ambiental.

* Por publicacións impresas, audiovisuais ou informáticas de carácter científico e divulgativo directamente relacionadas coa educación e a divulgación ambiental.

* Por publicacións impresas, audiovisuais ou informáticas de carácter didáctico-pedagóxico sobre a educación ambiental e a divulgación ambiental.

* Por coñecemento da lingua galega (cursos de iniciación, de perfeccionamento e de especialización).

* Pola dirección ou xestión de centros ou organismos de carácter ambiental dentro da Adminstración pública local, autonómica, estatal ou da Unión Europea.

O prazo de toma de posesión, de conformidade co disposto no artigo 14, que se remite ó artigo 16 do Decreto 93/1991, será de 3 días se o posto de

traballo está na mesma localidade, e dun mes se está en localidade distinta.

O prazo de toma de posesión contarase a partir do día seguinte ó do cesamento, que deberá producirse dentro dos tres días seguintes ó da publicación da resolución desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A situación do funcionario que acceda á praza convocada determinarase de conformidade coa normativa en materia de función pública da Comunidade Autónoma.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2001.

Carlos del Álamo Jiménez

Presidente da Comisión de Dirección do Ceida