Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 02 de febreiro de 2001 Páx. 1.341

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2001 pola que se convoca un curso de reciclaxe.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso de reciclaxe para policías locais, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos dota-los policías dunha formación complementaria en materia de actualización policial, que lles sexa útil no desempeño posterior da súa profesión.

Destinatarios.

O curso vai dirixido a todos aqueles policías locais de Galicia que non ingresaran no corpo da policía local a través da Academia Galega de Seguridade.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, debéndose comunicar esta antes do 23 de febreiro de 2001 para efectua-la correspondente reserva de praza.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. Os policías que desexen asistir a este curso deberán remitir un escrito, a través do concello, á Academia Galega de Seguridade, solicitando a participación no curso de reciclaxe para policías locais, para efectua-la correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 23 de febreiro de 2001.

3. Os escritos deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.

Contido e duración.

O curso realizarase na Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, no Concello da Estrada, e terá unha duración de 180 horas lectivas.

O curso está composto polas seguintes áreas:

-Área xurídica.

-Área humanística.

-Área técnica policial.

-Área operativa policial.

Datas.

O curso realizarase nas seguintes datas:

-Marzo: días 6, 7, 13, 14, 20, 21, 27 e 28.

-Abril: días 3, 4, 17, 18, 24 e 25.

-Maio: días 2, 3, 8, 9, 15 e 16.

O horario será de 9.30 a 14 horas, e de 15.30 a 20 horas.

Desenvolvemento do curso.

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade, durante o seu período de permanencia na academia, rexeranse polo Regulamento de réxime interior desta, publicado no DOG do 28-7-1995, nº 144.

Certificado.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada, e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 16 de xaneiro de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade