Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 02 de febreiro de 2001 Páx. 1.342

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 26 de xaneiro de 2001 pola que se convoca unha xornada sobre o dereito administrativo comunitario.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase unha xornada sobre sobre o dereito administrativo comunitario, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

O dereito comunitario está presente dunha forma cada vez máis patente na realidade xurídica dos países membros da Unión Europea. O obxectivo da xornada é contribuír á difusión dos últimos avances do dereito comunitario, tanto en relación cos temas que tradicionalmente mereceron un maior desenvolvemento desde a instancia europea coma naquelas materias que, aínda que incorporadas máis recentemente ás políticas comunitarias, adquiriron nos últimos tempos un desenvolvemento notable e suscitaron un crecente interese na doutrina, na xurisprudencia, nas instancias políticas, nos operadores xurídicos e na cidadanía.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea.

-Os principios articuladores da cultura no dereito comunitario.

-O principio de libre circulación de mercadorías.

-Os principios inspiradores do dereito sancionador comunitario.

-Os principios ordenadores da función pública comunitaria.

-Os principios do medio natural no dereito comunitario.

-Os principios ordenadores do proceso comunitario.

-A aplicación do dereito comunitario polos órganos xurisdiccionais nacionais.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: a xornada convocada desenvolverase no salón de actos da EGAP, (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela) o día 22 de febreiro de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 20 de febreiro de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 21 de febreiro, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento da xornada, así como a de cancelala, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate desta xornada, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a ela, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

8. Retransmisión por Internet.

As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento desta xornada por Internet poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública