Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 30 de xaneiro de 2001 Páx. 1.142

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 9 de xaneiro de 2001 pola que se publica a normativa de creación de cargos académicos.

Aprobada a normativa de creación de cargos académicos pola Xunta de Goberno con data do 24 de xuño de 1999 e polo Claustro Universitario con data do 5 de maio de 2000, este rectorado resolveu publica-la devandita normativa, que figura no anexo desta resolución.

Vigo, 9 de xaneiro de 2001.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo

CREACIÓN DE CARGOS ACADÉMICOS

Os estatutos da Universidade de Vigo, no seu artigo 90, establecen o seguinte:

«A creación de cargos académicos distintos dos previstos nestes estatutos deberá ser aprobada polo Claustro, por proposta da Xunta de Goberno, que a remitirá ó Consello Social».

Cómpre, pois, establecer unha normativa que dea abeiro ós cargos xa existentes na actualidade e que fixe o procedemento para os que se poidan crear no futuro.

1. Créase o cargo académico de director de área, con responsabilidade nun determinado ámbito de competencias non dependente necesariamente de forma directa dun membro do equipo de goberno.

2. A súa exención de obrigas docentes será de 2 horas lectivas e de 2 horas de titoría.

3. Estes cargos poderán ter carácter estable ou conxuntural.

4. A iniciativa para a creación efectiva dunha área, así como para a súa supresión ou modificación, corresponde ó equipo de goberno ou á Xunta de Goberno. As propostas de creación deberán vir acompañadas das funcións e da retribución económica e deberán ser aprobadas pola Xunta de Goberno.

5. O nomeamento da persoa que ocupe o cargo corresponde ó rector, quen informará debidamente á Xunta de Goberno.

6. Os membros da Comunidade Universitaria que desempeñen este cargo terán dedicación a tempo completo e non poderán exercer simultaneamente a titularidade de máis dun cargo unipersoal (artigos 87 e 88 dos estatutos).

7. A presente normativa será aprobada polo Claustro, tralo informe da Xunta de Goberno.

8. Coa súa aprobación considéranse creados os seguintes cargos:

-Director da Oficina de I+D.

-Director da ORI.

-Director do CACTI.

-Director da Área de Calidade.

-Director da Área de Tecnoloxías de Información e as Comunicacións.

-Director da Oficina de Medio Ambiente.

-Director da Área de Deportes e Participación Estudiantil.

-Director da Área de Cultura.

-Director da Área de Residencias e Aloxamentos.