Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2001 Páx. 1.104

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución e se modifican as condicións de inclusión no réxime especial de producción de enerxía eléctrica do parque eólico denominado Novo. (Expediente 16/1999).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Energías Ambientales, S.A. con enderezo para efectos de notificacións en r/ Bugallal Marchesi 10, 1º esqda. 15008 A Coruña, sobre autorización das instalacións do parque eólico denominado Novo, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 28 de febreiro de 2000, Ignacio Aguiriano Ramudo, en nome e representación de Energías Ambientales, S.A. solicitou a autorización administrativa, modificación das condicións de inclusión no réxime especial de producción de enerxía eléctrica e aprobación do proxecto de execución, do parque eólico denominado Novo, de 18,75 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

Segundo.-Mediante Resolución do 2 agosto de 1999, da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, someteuse a información pública para os efectos de solicitudes en competencia, que establece o artigo 11 Decreto 205/1995 mencionado anteriormente, publicada no BOE do 19-8-1999 e no DOG do 24-8-1999, non presentándose ningunha solicitude en competencia.

Terceiro.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos nos decretos 2617/1966, xa mencionado, artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia e Decreto 205/1995, mediante resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 14 de marzo, publicada no diario El Ideal Gallego do 18 de marzo, no BOE do 21 de marzo, no DOG do 23 de marzo, no BOP da Coruña do 25 marzo de 2000 e no taboleiro de anuncios dos concellos de Valdoviño e Narón.

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. O Grupo Gaper I, S.A., titular no predio Santa Mariña dunha explotación agropecuaria a pleno rendemento que ocupa 25 ha da súa superficie dentro da delimitación perimetral do parque eólico, o cal se opón á dita afección de 25 ha na súa explotación

agropecuaria, debido á posible alteración do ciclo biolóxico do gando vacún.

2. Yolanda Couce Matovelle, titular de predios no parque eólico, manifesta que non foi informada do grao de afectación deste e oponse á instalación do dito parque polo impacto visual e sonoro que lle ocasiona á poboación, así como ó turismo de Valdoviño, a instalación de 25 aeroxeradores.

3. A AA.VV. As Chaves, en San Pedro de Loira (Valdoviño), oponse á instalación do parque eólico, xa que poden apantallar aínda máis os débiles sinais das antenas receptoras de TV.

4. O Concello de Valdoviño manifesta o seguinte:

-Que terán que solicitarse os preceptivos informes e autorizacións establecidos no vixente Regulamento de dominio público hidraúlico e contar coa autorización da Consellería de Cultura, xa que conta cun catálogo de patrimonio arqueolóxico.

-Que non é aconsellable limitar tan radicalmente no ámbito delimitado polo parque eólico os usos ou construccións admitidas no momento actual polo planeamento en vigor nas categorías de S.N.U. afectadas, dado que se trata de usos que no peor dos casos xerarían edificacións de ata 7 m de altura máxima en plantas baixa e alta.

5. Pola súa banda o Concello de Narón reivindica:

-Que dispón dunha ordenanza municipal reguladora de emisión e recepción de ruídos e vibracións (BOP 213/1997), polo que non se poderá autoriza-la actividade sen un programa de vixilancia e seguimento ambiental de ruídos.

-Que o proxecto sectorial condiciona os usos establecidos no vixente Plan Xeral de Ordenación Urbanística, xa que modifica o posible aproveitamento establecido e protexe os ámbitos de actuación de cada instalación individual de posteriores actuacións edificatorias, se é o caso, resultando necesario un plano de localización no que figure acoutada a superficie afectada na que non se poderán construír vivendas.

6. A empresa Cerámicas Arzúa, S.A., titular do permiso mineiro, denominado María Elena Este, fracción 1ª, nº 6482-1, oponse á instalación eólica manifestando que afectaría de forma total ás oito cuadrículas mineiras que comprende o dito permiso, á parte de solicitar que prevalezan os seus dereitos consolidados.

7. Emilio Rodríguez Fernández manifesta que é titular das parcelas 763, 764 e 765 no polígono 19.

8. Manuela López Veiga manifesta que é titular dun monte no lugar das Penas, cunha superficie de 0,424 ha, situado no polígono 19, parcela 766, e que a dita propiedade figura descrita como masa común nº 25, nos mapas expostos no concello.

9. José Padín Martínez manifesta que é titular dun monte no lugar das Penas, cunha superficie de

0,476 ha, situado no polígono 19, parcela 769, e que a dita propiedade figura descrita como masa común nº 25, nos mapas expostos no concello.

10. Eduardo López Veiga manifesta que é titular dun monte no lugar das Penas, cunha superficie de 0,30 ha, situado no polígono 19, parcela 768, e que a dita propiedade figura descrita como masa común nº 25, nos mapas expostos no concello.

Cuarto.-O 14 de agosto de 2000, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña emitiu informe favorable sobre o citado proxecto, coas seguintes características básicas:

Localización e coordenadas poligonais:

NomeMunicipioVértices

X Y

NovoValdoviño e Narón569.5004.828.000

571.121,684.828.540,56

572.320,464.823.345,85

570.673,754.822.522,50

Características técnicas do parque.

Nº de aeroxeradores: 25.

Potencia unitaria por aeroxerador: 750 kW.

Xeradores: Ecotecnia 48/750.

Potencia total instalada: 18,75 MW.

Producción anual estimada: 44.643,75 MWh/ano.

Investimento previsto: 2.812.498.908 pesetas.

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión.

-25 de transformadores de 850 kVA c/u e con tensións de 20/0,69 kV, situados no interior da torre de cada aeroxerador.

-Rede eléctrica subterránea de tensión 20 kV con conductor R.H.V. 12/20 kV 3(1x150 a 400) mm Al, interconectado ós transformadores e á estación colectora.

-Estación colectora de dúas posicións de liña e un conxunto de cabinas de media tensión, que formarán o sistema de media tensión. Instalarase un centro de transformación equipado cun transformador trifásico 20/0,4 kV para servicios auxiliares.

Quinto.-O 9 de novembro de 2000, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a estas por parte da empresa promotora e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. As alegacións ambientais foron tidas en conta na Resolución do 9 de novembro de 2000, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se aprobou a declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

2. As alegacións relativas á utilidade pública serán tidas en conta cando se proceda á súa declaración, sendo o levantamento de actas o momento oportuno para demostra-la titularidade dos predios, achegando a documentación acreditativa necesaria.

3. As alegacións de carácter urbanístico serán consideradas no momento de proceder á aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.

4. Con respecto á alegación presentada pola empresa Cerámicas Arzúa, S.A., cabe dicir que, en caso de outorgarse a utilidade pública do proxecto, se iniciará o pertinente expediente de compatibilidade de ámbolos dous aproveitamentos.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os tramites procedementais sinalados no Decreto 2617/1966 e no Decreto 205/1995. Así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos esixibles.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que lle atribúen os artigos 11 e 14 do Decreto 2617/1966 e o artigo 13 do Decreto 205/1995,

RESOLVE:

-Autorizarlle a Energías Ambientais, S.A. a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Novo.

-Aproba-lo proxecto de execución da dita instalación.

-Recoñecerlle a esa instalación a condición de instalación acollida ó réxime especial do R.D. 2818/1998 e incluíla no grupo b.2) do art. 2 do dito real decreto.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Energías Ambientais, S.A., para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outorgamento da presente autorización, unha fianza de 56.249.978 pesetas, importe do 2% do orzamento que figura no expediente, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o disposto no artigo 15 do citado Decreto 205/1995, do 6 de xullo.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 1.1º, punto 39 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa cun orzamento de 2.812.498.908 ptas.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afectan a datos básicos do proxecto, será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Energías Ambientales, S.A. no seu plan eólico.

Quinta.-Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no art. 12 do R.D. 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orde. O parque conectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución e na declaración de efectos ambientais do 9 de novembro de 2000, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 3.2º do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

Sétima.-A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de

que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria