Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2001 Páx. 1.084

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 23 de xaneiro de 2001 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións á corporacións locais para actividades de fomento ó investimento en mercados retallistas, en rúas e zonas peonís-comerciais, e noutros equipamentos comerciais de carácter social, en desenvolvemento do programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2001.

A promoción, adecuación e mellora dos equipamentos comerciais de uso colectivo e de carácter social constitúen un elemento clave para o mantemento e desenvolvemento do pequeno comercio e a revitalización dos centros urbanos e dos núcleos históricos.

Así o considera o Programa Cuadrienal de Modernización do Sector Comercial Minorista de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, en sesión celebrada o 13 de outubro de 2000, entre as medidas do cal figura o Apoio á Ordenación Territorial do Comercio a través das corporacións locais para equipamentos comerciais de carácter social e eixes comerciais, sendo como son os concellos protagonistas indiscutibles no discorrer da actividade

comercial da poboación e, moi especialmente, no relativo a actuacións de carácter urbanístico e de adecuación de contornos.

Polo tanto, parece oportuno establecer unha liña de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Industria e Comercio e as corporacións locais para posibilitar medidas e actuacións que sirvan para modernizar e potencia-lo comercio naquelas áreas que son, ou poden chegar a ser, polos de atracción con efectos expansivos para o tráfico comercial. O desenvolvemento dos eixes comerciais, é dicir, aquelas partes neurálxicas e de atracción ó redor das que xira ó tráfico mercantil máis representativo, potenciará a zona no seu conxunto tendo como obxectivo revitalizar, impulsar e dotar dunha personalidade propia, atractiva e dinamizadora, o comercio do centro ou de certas partes do núcleo urbano dunha poboación.

O contido desta orde de axudas axústase ó establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o que, «Mentres non recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómica axustándose ás directrices, tanto horizontais, como sectoriais, dictadas pola comisión, así como, de se-lo caso, os límites de intensidade autorizados a Galicia no mapa rexional de axudas de España para o período 2000-2006».

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería de Industria e Comercio en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. Poderán beneficiarse das actividades de fomento obxecto de subvención os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia e para os investimentos que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2001 e a data de xustificación do investimento recollida nesta orde.

2. Son actividades de fomento susceptibles de subvención:

a) A realización de estudios para establecer plans concretos de actuación sobre determinadas áreas urbanas de proxección comercial. Estes estudios deberán ter por obxecto unha área territorial limitada en municipios de máis de 10.000 habitantes, debendo analiza-la situación actual do comercio da dita área e do seu contorno inmediato, problemas de accesibilidade, transporte público, déficit e superávit de actividades comerciais, locais vacantes, valores do solo, polos de atracción e de centralidade, e desenvolver en concordancia con esta análise, propostas de mellora do tecido urbano, do amoblamento, sinalización, zonas de carga e descarga, inserción ou reconversión de actividades, rotulación comercial, mellora do transporte público e dos aparcamentos.

b) A realización de estudios de mellora da organización tanto física como funcional, dos mercados minoristas e centros comerciais de barrio, especialmente naquelas áreas que se atopen degradadas e/ou nas que recentemente se implantaran algunhas novas fórmulas comerciais, especialmente de gran superficie, así como a realización dos proxectos de investimento de mellora física, xestión, ou accesibilidade, como consecuencia das propostas concretas formuladas nos ditos estudios.

c) O investimento en rúas ou zonas peonís-comerciais, en concreto, as derivadas de proxectos de creación, modificación e mellora de rúas e zonas peonís-comerciais, como consecuencia das propostas especificamente formuladas.

d) A actuación nos eixes comerciais, é dicir, aqueles puntos neurálxicos e de actuación ó redor dos que xira o tráfico mercantil máis representativo. Os proxectos deberán promover o amoblamento urbano, sinalizacións, rotulación comercial e todos aqueles complementos que estimulen unha mellor actividade comercial.

e) O investimento en mercados retallistas, en concreto, a construcción, reparación, modernización e remodelación da estructura física e das instalacións de uso comunitario de mercados retallistas de titularidade municipal.

f) O investimento noutros equipamentos comerciais de carácter social, en particular, as dotacións de equipo e instalacións xerais ou complementarias que se integren en unidades comerciais afíns.

Artigo 2º.-Contía e ámbito.

1. Para a concesión das subvencións propias dos investimentos que se convocan, destinaranse os créditos globais correspondentes á aplicación orzamentaria 08.04.521-A.761.1, «Transferencias de capital. Corporacións locais. Equipamentos comerciais de carácter social», coa seguinte distribución para o ano 2001 e as plurianualidades correspondentes do ano 2002 e 2003, con independencia dos orzamentos que se aproban nos ditos exercicios.

Aplicación orzamentaria: 08.04.521-A.761.1.

Ano 2001: 529.114.000.

Ano 2002: 158.734.200.

Ano 2003: 105.822.800.

Tódalas cantidades antes citadas poderán ser incrementadas en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

2. A contía máxima da subvención que se vai outorgar non poderá superar en ningún caso o 70% do investimento subvencionable, non podendo á vez supera-lo o tope do 90% o conxunto de axudas que poidan existir para o mesmo proxecto investidor, sendo á vez de aplicación as seguintes limitacións:

Para os investimentos considerados nos puntos c, d, e) do artigo 1º, a subvención poderá alcanzar ata un máximo do 70%.

Para os investimentos considerados na letra f) do artigo 1º, a subvención poderá alcanzar ata un máximo do 50%.

Para os investimentos considerados nos epígrafes a e b) do artigo 1º, a subvención poderá alcanzar ata un máximo do 30%, excepto os referentes á materialización dos estudios, que poderán alcanzar ata o 70%.

3. Poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual nos termos e límites do artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Para os investimentos plurianuais entenderase que os investimentos e pagos que se efectúen desde a data límite de xustificación do exercicio corrente ata o final do ano corresponderán á anualidade seguinte, e, polo tanto, poderanse presentar como xustificantes para o cobramento da referida anualidade.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ó conselleiro de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais ou a través de calquera das formas sinaladas no art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñen subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á solicitude de subvención, segundo modelo normalizado do anexo, deberá xuntarse a documentación que a seguir se relaciona por triplicado exemplar, en orixinal ou copia compulsada, polo menos unha delas:

a) Certificación do acordo de aprobación polo correspondente órgano municipal do proxecto de investimento da solicitude de subvención coa súa contía exacta e do plan de financiamento do proxecto.

b) Certificación acreditativa da titularidade municipal dos inmobles onde estea o mercado retallista ou das vías nas que estea previsto realiza-lo investimento, segundo os casos.

c) Memoria xustificativa de:

-O interese, oportunidade e necesidade do investimento.

-O programa de execución do investimento, con especificación das datas de inicio e remate previstas.

-O estado actual do equipamento de que se trate, e, se é o caso, detalle das súas instalacións, antigüidade, capacidade comercial e adecuación entre necesidades e funcións que cumpren.

d) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto ante as administracións públicas, ou ante outras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais.

3. Así mesmo, deberá presentarse a seguinte documentación específica segundo as actividades que se relacionan:

-Realización de estudios: memoria explicativa do seu contido e finalidades perseguidas.

-Actividades de fomento en mercados retallistas: memoria técnica, anteproxecto ou proxecto de obra realizado por técnico facultativo, visado polo colexio profesional correspondente, cando proceda.

-Actividades de fomento en rúas, zonas peonís-comerciais e eixes comerciais: estudio técnico de viabilidade do proxecto.

-Actividades de fomento noutros equipamentos comerciais de carácter social: orzamento ou factura pro forma, con expresión das características do investimento que se vai realizar.

4. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Emenda de defectos.

1. Se a solicitude ou documentación que se xunta non reúne os requisitos establecidos no artigo 3º ó concello solicitante será requirido para que, nun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ó da recepción do devandito requirimento, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer, considerarase desistido da súa petición despois da correspondente resolución, de conformidade co disposto polo artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamarlles ós concellos solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión e contía das subvencións, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

a) A realización de estudios para establecer plans concretos de actuación sobre determinadas áreas urbanas de forte contido comercial, coas seguintes prioridades:

1. Ter por obxecto unha área territorial limitada, analizando a súa problemática actual e desenvolvendo propostas de mellora e de establecemento de medios profesionais de xestión.

2. Ter por obxecto a mellora da organización tanto física como funcional dos mercados retallistas e centros comerciais de barrio.

b) Os proxectos de obras en instalacións de rúas e zonas de uso peonil-comercial, cando se sitúen en núcleos con gran presencia comercial, e as actuacións nos exes comerciais das cidades coas seguintes prioridades:

1. Que sexan consecuencia de propostas concretas formuladas en base a estudios previos.

2. Que o proxecto sexa compartido polas asociacións de comerciantes beneficiadas coas actuacións que se van realizar, e que pola súa vez estas tivesen un proxecto de desenvolvemento comercial da dita área.

3. Que o proxecto responda a un plan integral que resolva os aspectos estructurais e funcionais da zona, de acordo con criterios de orde xeral en materia de urbanismo comercial.

4. Que se conte cun plan de rehabilitación de vivendas e edificios da zona, que se adecue a criterios específicos de ordenación dos usos e formas comerciais.

5. Que as características físicas e comerciais da zona aconsellen a súa creación ou modificación e estas sexan factibles no seu marco urbanístico.

c) Os proxectos destinados á adecuación de edificios, instalacións e equipos en caso de mercados municipais retallistas e de abastos.

1. Que se producira unha deterioración grave nas instalacións, nos accesos e demais particularidades do mercado.

2. Que o mercado se deba adaptar ás esixencias das normativas técnico-sanitarias e das normas básicas de seguridade en edificacións.

3. Que a natureza das obras proxectadas responda a unha reparación xeral, e non a actuacións de mantemento.

d) En relación coas actividades de fomento noutros equipamentos comerciais de carácter social, terase en conta:

1. Que se remodelen as superficies comerciais para procurar un hábitat máis racional nos puntos de venda e doutros elementos comúns dos mercados retallistas ou de unidades comerciais afíns.

2. Que se faga unha ordenación adecuada do conxunto, segundo criterios de accesibilidade, comodidade e información dos consumidores e usuarios.

Artigo 6º.-Informes de valoración.

Unha vez completos os expedientes e admitidos a trámite, os servicios competentes de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio avaliarán de acordo cos criterios previstos no artigo anterior para o seu posterior informe-proposta coa relación global de tódolos expedientes presentados na demarcación provincial e a súa correspondente valoración priorizada das solicitudes.

Artigo 7º.-Resolución e aceptación.

1. O conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, á vista dos informes de avaliación, dictarán as resolucións de subvención que procedan, motivadas de acordo cos criterios de outorgamento, nas que se especificarán as solicitudes beneficiarias, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda, dentro dos límites establecidos, o importe da subvención concedida e o centro directivo que se encargará da súa xestión.

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde a publicación da presente orde. O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

A resolución dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde agotará a vía administrativa, polo que de conformidade co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, poderase interpoñer contra ela recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se fose expresa; se non o for o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do proce

demento administrativo común, poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición ante o órgano que dictou a resolución no prazo dun mes se o acto fose expreso; se non o for, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

2. Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e se procederá conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A efectividade da resolución de concesión quedará condicionada a que o interventor municipal certifique, no prazo máximo dun mes desde a notificación da resolución, a existencia de consignación orzamentaria para a realización do proxecto concreto obxecto da subvención, concretando a aplicación e dotación orzamentaria destinada para tal fin.

Artigo 8º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acorda-la modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto esté comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación de axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicita-la dita modificación mediante unha instancia dirixida ó órgano concedente, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior; cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución, ou se é o caso, se denege, será dictado polo órgano concedente despois da instrucción do correspondente expediente.

Artigo 9º.-Publicidade en obras.

O concello adoptará as medidas e disposicións necesarias para garantir unha adecuada publicidade no lugar das obras durante o prazo de execución destas, debendo constar que están subvencionadas pola Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

Artigo 10º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez se presenten por triplicado os documentos que a continuación se relacionan:

a) En caso de obras:

-Proxecto de execución de obras que serviu de base para a adxudicación.

-Certificación acreditativa da adxudicación que indique o nome do contratista, o importe líquido da adxudicación, e, se é o caso, a baixa na licitación.

-Certificación da obra realizada, expedida polo técnico facultativo e aprobada polo órgano competente do concello beneficiario.

b) En caso de estudios:

-Acta de recepción de conformidade do referido estudio.

c) Nos demais casos, certificación acreditativa do investimento ou da adquisición dos equipamentos.

d) En tódolos casos:

-Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes, doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais.

-Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

2. A documentación acreditativa do investimento obxecto de subvención acollida á presente anualidade deberá presentarse polo beneficiario con data límite o día 30 de novembro de 2001, na respectiva delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención correspondente á presente anualidade farase nun único pagamento, unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, para o que se lle unirá a documentación da xustificación, certificación expedida pola propia entidade bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente, onde se debe realiza-lo aboamento.

2. Sen prexuízo do citado no parágrafo anterior, poderán efectuarse pagamentos parciais das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeición ó establecido no artigo 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ó orzado que serviu de base para a resolución da súa concesión e sempre que estea garantida a consecución do obxecto, ou de resulta-la concorrencia con outras subvencións ou axudas sempre que a contía total supere o 90% do investimento.

Artigo 12º.-Comprobación e control dos investimentos.

1. As delegacións provinciais, en calquera momento, poderán inspecciona-los investimentos realizados e, se é o caso, as obras en curso.

2. En todo caso, os beneficiarios someteranse ás actuacións de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 13º.-Reintegro das subvencións.

Non se poderá esixi-lo pagamento da subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ós beneficiarios con motivo da concesión da subvención.

Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Todo isto con suxeición ó procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 1 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14º.-Réxime xurídico.

Para todo o non previsto na presente orde, aplicarase o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na

Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio