Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 19 de xaneiro de 2001 Páx. 792

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 5 de xaneiro de 2001 pola que se modifica a do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades de formación da Escola Galega de Administración Pública.

O Consello Rector da Escola Galega de Administración Pública ten atribuída, entre outras facultades, a de establece-las bases e condicións xerais de participación e acceso ós cursos ou actividades que convoca a escola (artigo 6.6º da Lei 4/1987, do 27 de maio).

Na súa reunión do 27 de decembro de 2000 aprobou a modificación dos letras A) 3 e C) da Resolución do 27 de xuño de 1994 (DOG nº 149, do 3 de agosto) relativas ós cursos de galego.

Ó terse modificada a natureza dos cursos de linguaxe administrativa galega, por considerarse como un nivel máis de coñecemento de galego cómpre modifica-los criterios de selección dos participantes neses cursos para adaptalos a nova situación.

Para coñecemento do persoal afectado por este tipo de actividade,

RESOLVO:

Artigo único.-Publicar no Diario Oficial de Galicia as modificacións dos letras A) 3 e C) da Resolución do 27 de xuño de 1994, que quedan redactados deste xeito:

«Letra A) Cursos de perfeccionamento:

3. O menor número de cursos realizados en escolas ou institutos de Administración pública (excepto os cursos os que se refire a letra C) desta resolución.

Letra C) Cursos de galego:

Nos cursos que organice a EGAP aplicaranse os seguintes criterios:

a) Nos cursos de iniciación, e por esta orde:

1º Os máis antigos na Administración.

2º Os que realizaron un menor número de cursos en escolas ou institutos de Administración pública.

b) Nos cursos de perfeccionamento, e por esta orde:

1º A antigüidade na finalización do curso de iniciación. No caso de que na certificación de validación do curso de iniciación de lingua galega non figure a data exacta de remate, terase en conta a data de expedición da certificación.

2º O menor número de cursos realizados en escolas ou institutos de Administración pública.

3º Os máis antigos na Administración.

c) Nos cursos básicos de linguaxe administrativa galega, e por esta orde:

1º A antigüidade na finalización do curso de iniciación á lingua galega. No caso de que na certificación de validación do curso de iniciación de lingua galega non figure a data exacta de remate, terase en conta a data de expedición da certificación.

2º O menor número de cursos realizados en escolas ou institutos de Administración pública.

3º Antigüidade na Administración.

d) Nos cursos medios de linguaxe administrativa galega, e por esta orde:

1º A antigüidade na finalización do curso básico de linguaxe administrativa galega ou o de perfeccionamento da lingua galega. No caso de que na certificación de validación do curso de perfeccionamento de lingua galega non figure a data exacta de remate, terase en conta a data de expedición da certificación.

2º O menor número de cursos realizados en escolas ou en institutos de Administración pública.

3º Antigüidade na Administración».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública