Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 15 de xaneiro de 2001 Páx. 560

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de decembro de 2000 pola que se autoriza unha convocatoria extraordinaria de probas de acceso ó grao superior de música do plan de estudios regulado polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro.

Segundo o artigo 31 do Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se establece o calendario de implantación do novo sistema educativo, modificado polos reais decretos 1487/1994, 1468/1997, 173/1998 e 1112/1999, o curso 2000-2001 será o último no que se realizarán probas de acceso ó primeiro curso do grao superior de música do plan de estudios regulado no Decreto 2618/1966, do 10 de setembro.

Ademais, é preciso ter en conta que os conservatorios e centros autorizados de música veñen convocando uns exames extraordinarios no mes de febreiro, ós que poden presentarse os alumnos que teñan unha ou dúas materias pendentes para remata-lo grao. Ós alumnos que superasen o grao medio nesta convocatoria dáselle-la posibilidade de formalizar unha matrícula extraordinaria.

Por outra parte, os alumnos que teñen rematado o grao medio do citado plan de estudios, pero que non superaron a preceptiva proba de acceso ó grao superior en anteriores convocatorias, solicitan autorización para participar na devandita convocatoria extraordinaria de febreiro correspondente ó ano 2001, podendo así continuar co plan de estudios que viñan cursando ata a actualidade.

En consecuencia, á vista das solicitudes presentadas e tendo en conta o carácter de excepcionalidade da situación debido á extinción do plan de estudios regulado polo mencionado Decreto 2618/1966, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

Outorgar autorización dunha convocatoria extraordinaria de probas de acceso ó grao superior de música do plan de estudios regulado polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro (BOE do 24), modificado polo Real decreto 970/1994, do 13 de maio (BOE do 21 de xuño).

Artigo 2º

1. Poderán tomar parte nas probas de acceso anteriormente indicadas os alumnos que superaran o grao medio do plan de estudios regulado polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro, na convocatoria extraordinaria de exames no mes de febreiro, así como os aspirantes que xa o tivesen superado con anterioridade.

2. Esta convocatoria terá lugar antes da finalización do mes de febreiro de 2001 nos conservatorios superiores de música da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A superación desta proba de acceso dará dereito a obter posto escolar no centro onde o aspirante realice a proba, unicamente para o ano académico 2000-2001.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa a dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria