Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 15 de xaneiro de 2001 Páx. 559

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 308/2000, do 28 de decembro, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da antiga estrada C-531 Xinzo de Limia-Vilagarcía de Arousa a prol do Concello de Ramirás.

O Concello de Ramirás solicitou a cesión por parte da Xunta de Galicia dun treito da antiga estrada C-531 (Xinzo de Limia-Vilagarcía de Arousa), comprendido no termo municipal e que queda fóra do novo trazado da referida estrada logo das obras de mellora e ampliación efectuadas nela.

Conforme o sinalado nos artigos 4 e 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, logo de acordo entre as administracións afectadas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de decembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o cambio de titularidade, en favor do Concello de Ramirás, do treito correspondente á modificación do trazado da estrada C-531 (Xinzo de Limia-Vilagarcía de Arousa; treito: Celanova-Ramirás) que a seguir se relaciona:

Treito: Pambre.

A antiga estrada C-531 discorre nunha lonxitude de 130 metros a través do núcleo de Pambre, parroquia de Casardeita.

O treito enlaza coa actual C-531 nos p.k. 33,271 e 33,100.

Antigo 2º

Corresponderalle ó Concello de Ramirás a xestión, o mantemento, a conservación e a explotación da vía cedida.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de decembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda