Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 12 de xaneiro de 2001 Páx. 504

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

AUGAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2000 pola que se anuncia o sometemento a información pública da petición de concesión e autorización administrativas para a instalación dun aproveitamento de augas con destino á producción de enerxía eléctrica de potencia nominal non superior a 5.000 kVA no río Mandeo, xunto co proxecto e estudio de impacto ambiental do concurso AC/122/00.

Neste organismo autónomo, Augas de Galicia, presentouse a petición de outorgamento de concesión e autorización administrativas para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico con potencia nominal de ata 5.000 kVA dun tramo libre do río Mandeo, cos proxectos das obras e instalacións e estudio de impacto ambiental correspondentes.

No anexo que se inclúe máis abaixo transcríbese o peticionario do aproveitamento solicitado, onde figuran os datos máis relevantes que o definen, ademais dunha breve descrición das obras quen se van executar. Tamén se fai mención da clase de estudio ambiental presentado polo promotor, despois da cualificación do proxecto do aproveitamento, segundo dispón a lexislación vixente.

Co presente anuncio, para dar cumprimento ó disposto nos artigos 6 do Real decreto 916/1985, do 25 de maio, en concordancia co artigo 2.1º do dito Real decreto 916/1985, segundo a redacción esta

blecida polo Real decreto 249/1988, do 18 de marzo; e 5.2º do Decreto 442/1990, do 25 de setembro, sométese de forma simultánea, unha vez rematadas as actuacións de comprobación e de remisión ás consellerías e organismos competentes por razón da materia dos documentos presentados, ó trámite de información pública, no uso das facultades conferidas polo Decreto 63/1997, do 14 de marzo, a petición e documentación técnica e ambiental que se trata en concreto no anexo para os efectos do seu coñecemento xeral, co fin de que aquelas persoas naturais ou xurídicas que se consideren afectadas nos seus dereitos poidan formular, por escrito, cantas alegacións, observacións, suxestións e reclamacións estimen procedentes (indicando a clave do concurso sinalada no encabezamento), persoalmente ou por medio do seu representante con poder suficiente, ante o rexistro xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda-edificios administrativos San Caetano, s/n. 15071 Santiago de

Compostela-e dentro do prazo improrrogable de trinta (30) días hábiles.

O prazo comezará a contarse e entenderase aberto a partir da data da última das publicacións que corresponden facer da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e no BOP da Coruña. Transcorrido o dito período de tempo non se admitirá nin se terá en conta ningún escrito.

Para os expresados efectos, este anuncio, ademais da súa inserción nos diarios oficiais mencionados, será obxecto de exposición ó público no taboleiro de anuncios dos concellos de Coirós e Paderne (A Coruña).

Os que se consideren interesados terán, para efectos informativos, á súa disposición unha copia da petición e dos exemplares da documentación técnica e estudio ambiental para que poidan ser examinados, nos días e horas habituais de oficina, nas seguintes dependencias administrativas:

Proxectos das obras constitutivas do aproveitamento e das instalacións electromecánicas da central:

-Augas de Galicia-Demarcación Centro: praza Camilo Díaz Valiño (Estación de Autobuses), Santiago de Compostela (A Coruña).

-Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Industria e Comercio: edificios administrativos Monelos-praza de Luis Seoane, 1ª planta-15008 A Coruña.

-Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Medioambiental: r/ Feáns, 1-3. 15706 Santiago de Compostela (A Coruña).

Estudio de impacto ambiental do proxecto:

-Augas de Galicia-Demarcación Centro: praza Camilo Díaz Valiño (Estación de Autobuses), Santiago de Compostela (A Coruña).

-Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Medioambiental: r/ Feáns, 1-3. 15706 Santiago de Compostela (A Coruña).

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2000.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Presidente de Augas de Galicia

ANEXO

Relación de peticionarios

Peticionario e promotor: Sociedad Española de Generación Eléctrica-Segel, S.L.

Enderezo: r/ San Roque, 4-5º A-27002 Lugo.

Denominación do aproveitamento: aproveitamento hidroeléctrico no río Mandeo.

* Os aspectos máis destacados son:

Obxecto: producción de enerxía eléctrica.

Caudal de deseño: 23.000 l/sg .

Corrente de derivación: río Mandeo (cota do aliviadoiro do azude: 39).

Corrente de restitución: río Mandeo (cota de restitución: 10).

Desnivel (salto bruto): 29 m.

Altura do azude sobre o leito: varía entre 3 m no estribo dereito e 5 m no estribo esquerdo.

Potencia xerador: 5.000 kVA.

Concellos onde radica a toma e demais obras: concello de Coirós e concello de Paderne (A Coruña).

* Breve descrición das características principais das obras e instalacións:

Azude e obra de toma:

O azude será de gravidade de planta curva e altura variable entre 3 e 5 m sobre o leito do río. O vertedoiro proxéctase á cota 39.

O azude disporá dunha escada de peixes na marxe dereita do río.

O encanamento de derivación e encanamento forzado:

O encanamento de derivación comeza no azude e discorre pola marxe esquerda do río Mandeo, é de aceiro ó carbono, a súa lonxitude é de 1.800 m e o seu diámetro de 3.300 m con 4 mm de espesura.

A encanamento forzado vai unido ó de derivación, tamén é de aceiro ó carbono e ten unha lonxitude de 85 m e un diámetro de 3.000 m con 6 mm de espesura.

Edificio da central:

O edificio aloxará os equipos electromecánicos, con dimensións totais en planta de 16,40x14,10 m.

Equipos electromecánicos:

A central estará equipada cunha turbina Kaplan de eixe vertical, para un caudal de equipo de 23.000 l/s e de potencia nominal 4.965 kW.

O alternador será síncrono de 600 rpm velocidade, cunha potencia de 5.000 kVA, unha tensión de 6 kV e unha frecuencia de 50 Hz.

Completa o equipamento un transformador de potencia de 6.000 kVA.

Ademais, colocaranse diversos equipos auxiliares.

* Afeccións:

Non se efectúa a solicitude de declaración de utilidade pública do aproveitamento.

* Estudio de impacto ambiental:

Este documento presentouse conforme a normativa aplicable.