Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 10 de xaneiro de 2001 Páx. 377

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2000, do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, pola que se convocan e establecen as bases reguladoras aplicables á concesión de bolsas de especialización para a realización de estudios sobre a muller e a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en Galicia e se procede á súa convocatoria.

A Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, establece entre os seus obxectivos o de realizar estudios sobre a muller e a igualdade de oportunidades.

Na Conferencia Mundial da Muller celebrada en Pequín en setembro de 1995, baixo os auspicios das Nacións Unidas, aprobouse o documento Plataforma de Acción, obrigándose tódolos estados membros a desenvolve-las distintas áreas contidas nela; e o Consello da Unión Europea, nas súas decisións do 22 de decembro de 1995, modificada por decisión do 2 de decembro de 1996 relativa ó cuarto programa de acción comunitaria a medio prazo para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, establece como un medio de execución das áreas previstas na Plataforma de Acción as de realización de estudios sobre a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Parece conveniente tratar de impulsar estudios específicos sobre determinadas áreas, mediante bolsas de estudios que impulsen os traballos relacionados coa igualdade de oportunidades de mulleres e homes na sociedade galega e nas áreas que se relacionan no anexo III.

A tramitación desta resolución acóllese ó disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modi

ficada pola Orde do 27 de novembro de 2000, toda vez que o Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión celebrada o día 13 de outubro de 2000, aprobou o proxecto de orzamentos xerais para a Comunidade Autónoma para o ano 2001.

Na sua virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A presente convocatoria ten por obxecto a concesión de tres (3) bolsas ou axudas económicas dun ano de duración, para a realización de estudios sobre a muller e a igualdade de oportunidades de mulleres e homes en Galicia.

2. A concesión destas axudas rexerase polas bases do anexo I desta resolución.

Artigo 2º

O importe global máximo que alcanzarán as axudas é de tres millóns novecentas sesenta mil pesetas (3.960.000 pesetas), a razón dun millón trescentas vinte mil pesetas (1.320.000 pesetas) por bolsa, das que serán deducidas as correspondentes retencións fiscais, que serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 14.50.212A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das bolsas reguladas nesta resolución estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Segunda.-Procederá o reintegro total ou parcial da bolsa percibida e os xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 78.9º do Decreto lexislati

vo 1/1999, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da bolsa sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

Disposicións derradeiras

Única.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2000.

Aurora Montes Santa-Olalla

Directora xeral do Servicio Galego de Promoción

da Igualdade do Home e da Muller

ANEXO I

Bases

Primeira.-Obxecto e dotación.

1. As bases contidas neste anexo teñen por obxecto determina-las condicións e requisitos que deben rexer-la concesión de bolsas de acordo co establecido no artigo 1º da presente resolución.

2. A contía das axudas será dun millón trescentas vinte mil pesetas (1.320.000 pesetas) cada unha, aboables en doce mensualidades de cento dez mil pesetas (110.000 pesetas) nas que se aplicará a correspondente retención fiscal.

Segunda.-Carácter da bolsa.

1. Dado o seu carácter formativo e de apoio ó estudio que realizará o/a bolseiro/a, a concesión destas bolsas non implica relación laboral ou administrativa entre o/a beneficiario/a e o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, nin dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

2. O/A bolseiro/a deberá dedicarse de maneira plena a realiza-los estudios para os que foi concedida a bolsa, con aceptación das indicacións da dirección do traballo. Esta bolsa é incompatible coa percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas.

Terceira.-Condicións xerais.

Para optar a estas bolsas é necesario:

a) Posuír, na data da solicitude, a titulación de licenciado/a universitario/a referida á área do estudio que se vai realizar.

b) Que no momento de presentación da solicitude non transcorresen máis de cinco anos desde a obtención da devandita licenciatura.

Cuarta.-Centros de realización.

Os estudios ou traballos serán realizados en calquera centro universitario ou departamento de investigación de Galicia, ó que o/a bolseiro/a se incorporará, segundo o que se estableza no escrito de aceptación do dito centro sobre a realización e dirección do estudio.

Quinta.-Documentación e trámites.

1. A solicitude destas bolsas farase mediante escrito dirixido á directora xeral do Servicio Galego de

Promoción da Igualdade do Home e da Muller, segundo modelo do anexo II, xunto cos seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI compulsada.

b) Currículum vitae do/a solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

c) Certificación académica completa e fotocopia do título de licenciatura correspondente ou, no seu defecto, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

d) Outros datos que se poidan xustificar documentalmente e que o/a solicitante considere de interese en relación coa bolsa.

e) Escrito da entidade ou departamento onde se vai desenvolve-lo traballo no que figure a súa aceptación expresa.

f) Escrito do/a director/a do traballo no que manifeste a súa aceptación e o compromiso de dirixilo.

g) Memoria descritiva do estudio que se vai realizar, con mención dos seus obxectivos, metodoloxía, tempo de duración previsto, e cantos outros se consideren de interese, en especial se o dito estudio forma parte dun proxecto máis amplo realizado pola entidade na que se integra o/a bolseiro/a. A memoria debe estar conformada polo/a director/a do traballo.

h) No caso de formar parte dun proxecto máis amplo, memoria sinxela onde se relacionen os traballos xa realizados e en curso, e composición e pequeno currículo do equipo que o integra, asinado polo/a director/a do proxecto.

i) Declaración das bolsas solicitadas ás distintas administracións públicas competentes para a realización do estudio.

2. A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller (praza de Europa, 15-A-2º. Área Central, As Fontiñas, Santiago de Compostela) ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller comprobará que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente resolución e exporá no taboleiro de anuncios da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, así como nas delegacións provinciais da mencionada consellería unha resolución coa lista de admitidos/as e excluídos/as, na que se indique, se é o caso, as causas de exclusión. Contra a dita resolución poderán os/as interesados/as formular reclamación, para emendar erros ou achegar documentos, ante a Dirección Xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, no prazo de 10 días a partir da publicación da resolución. Se transcorrido este

prazo algún/ha dos/das solicitantes non corrixiu as causas de exclusión, procederase a declaralo/a desistido/a da súa petición, nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Sexta.-Outorgamento das bolsas.

1. A comisión de selección será nomeada pola directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, e a súa composición farase pública no taboleiro de anuncios do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. Na fase de selección teranse en conta como criterios de valoración:

a) Obxecto do estudio que se vai realizar, que en todo caso corresponderá a algunha das áreas relacionadas no anexo III.

b) Expediente académico e currículum vitae.

c) A integración do estudio obxecto da bolsa en programas de traballo máis amplos, e en equipos de investigación que xa traballen sobre o tema.

Só se valorarán os méritos acreditados documentalmente.

Ademais, a comisión poderá convoca-los/as solicitantes para unha entrevista persoal e para as probas obxectivas que coide procedentes.

3. Efectuada a selección pola comisión, a Dirección Xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller fará pública a relación provisional de beneficiarios/as seleccionados/as mediante anuncio no taboleiro do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, no da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e as súas delegacións provinciais. Contra esta resolución poderase formular reclamación no prazo de 10 días; transcorrido o dito prazo, a comisión procederá a estudia-las reclamacións presentadas e elevará a proposta definitiva á directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para que resolva.

4. Por proposta da cominión de selección, a directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller dictará resolución, pola que se adxudicarán as bolsas, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Esta resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse postestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación.

5. Se, transcorridos 10 días desde a publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia, o/a bolseiro/a non formalizase a adscrición, será considerado/a desistido/a da súa solicitude, logo de resolución, e procederase a cubri-las vacantes co/a suplente nomeado/a.

6. As solicitudes entenderanse desestimadas se, nun prazo de seis meses contados a partir do día seguinte á publicación da presente resolución, non se publicou a resolución de adxudicación.

Sétima.-Do pagamento e efectividade.

1. Formulada a adscrición e ratificada polo/a director/a do estudio, procederase ó pagamento da cantidade mensual fixada na base primeira, con efecto a mes vencido.

O abandono inxustificado da realización dos traballos será causa de perda da bolsa e a devolución das cantidades percibidas.

2.a) A Dirección Xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá en calquera momento da realización da bolsa, solicitarlle ó/á bolseiro/a un informe sobre as súas actividades. En todo caso, o/a bolseiro/a remitirá o citado informe trimestralmente desde o outorgamento da bolsa.

b) Con anterioridade ó aboamento da derradeira mensualidade, o/a bolseiro/a achegará unha declaración na que acredite que durante o período de percepción da bolsa non percibiu ningunha axuda, remuneración, nin outra bolsa.

c) O/a bolseiro/a fará entrega do estudio en soporte escrito e informático en lingua galega, realizado no prazo máximo dun ano contado desde a concesión da axuda, e un informe por escrito do traballo desenvolvido ó que se xuntará informe do/a director/a do proxecto. En tanto en canto non se presente o mencionado informe non se efectuará o pagamento correspondente á última mensualidade. O incumprimento inxustificado deste requisito dará lugar á perda da bolsa e á devolución da cantidade percibida.

Oitava.-Renuncia á bolsa concedida.

No caso de renuncia á bolsa concedida, o/a bolseiro/a presentará a correspondente renuncia fundamentada. Neste suposto, reintegraranse ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller os importes percibidos ata a citada data.

Novena.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, e en todo caso a obtención concorrrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderán dar lugar á modificación da resolución da concesión.

En todo o non recollido nesta bases, aplicarase o disposto para esta materia no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e en particular o réxime sancionador previsto nel.

Décima.-Publicación do estudio.

O/A bolseiro/a cederalle en exclusiva ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller os dereitos de propiedade intelectual que se deriven do estudio realizado, reservándose por conseguinte este organismo a facultade da súa publicación total ou parcial.