Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 10 de xaneiro de 2001 Páx. 361

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de decembro de 2000 pola que se clasifica como de interese turístico a Fundación Centro de Estudios Culinarios de Galicia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Centro de Estudios Culinarios de Galicia, con domicilio en Vigo.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o día un de agosto de 2000, ante o notario Xosé Luis Lorenzo Areán, co número dous mil cento noventa e sete do seu protocolo, por Manoel Nóvoa Novelle, Xosé Manoel Lomba Domínguez, Francisco Feixó Oubiña e Francisco Outeiro Fernández; interveñen todos no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a defensa dos intereses profesionais do sector hostaleiro de Galicia e tamén no tocante ó acceso á profesión e na formación dos que aspiran a facer da hostalería a súa vocación e profesión. Establecen, polo tanto, como primeiro obxectivo xenérico a defensa dos intereses profesionais do colectivo, tanto dos que formen parte do padroado e da fundación como dos que non, e a

dignificación e homologación dos mecanismos de formación dos futuros profesionais.

4. O padroado da fundación estará composto por Francisco Feixó Oubiña como presidente, Xosé Manoel Lomba Domínguez como vicepresidente, Manoel Nóvoa Novelle como tesoureiro e Francisco Outeiro Fernández como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese turístico da Fundación Centro de Estudios Culinarios de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese turístico e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 28 de novembro de dous mil.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese turístico a Fundación Centro de Estudios Culinarios de Galicia adscribíndoa á Consellería de Cultura, Comunicación Social

e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, catro de decembro de dous mil.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública