Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 04 de xaneiro de 2001 Páx. 161

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO NÚMERO UN DA CORUÑA

EDICTO (219/2000-6).

Eu, Ángel-Javier Martín Sánchez, secretario xudicial do Xulgado do Contencioso-Administrativo número un da Coruña, fago saber:

Que en virtude do acordado por resolución desta data, recaída nos autos de autorización de entrada número 219/2000-6, notifícaselles ós posibles herdeiros de Antonio Picos Barro o auto dictado nestes, que ten o teor literal seguinte:

«Auto. Na Coruña, 10 de xullo de 2000.

Antecedentes de feito.

1. Mediante atento oficio dirixido a este Xulgado do Contencioso-Administrativo número un dos desta capital polo letrado da Xunta de Galicia en representación do Instituto Galego da vivenda e Solo, solicitábase o outorgamento de autorización de entrada naquel lugar que se referencia en canto sometido ó eventual consentimento ó respecto do seu titular e co fin da execución forzosa de previo acto daquela Administración institucional.

2. En definitiva, mediante a dita solicitude solicitábase autorización de entrada na vivenda sita na rúa Masalla, portal 5, 2º A, esquerda, de Ferrol (A Coruña), co fin de proceder ó lanzamento do seu ocupante Antonio Picos Barro, radicándose esta como autos número 219/2000 deste Xulgado do Contencioso-Administrativo número un da Coruña.

3. En calquera caso, o exame do presente expediente determina que par execución forzosa da resolución administrativa do 10 de decembro de 1999, do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, pola que se acorda a resolución de pleno dereito do contrato de arrendamento da vivenda sita na rúa Masalla, portal 5-2º A, esquerda, de Ferrol (A Coruña), e o lanzamento do seu ocupante Antonio Picos Barro, faise necesaria a autorización para a entrada na citada vivenda, sen que pola outra parte conste a existencia de previa contenciosidade xurisdiccional contencioso-administrativa acerca de semellante extremo.

Fundamentos xurídicos.

1. A sentencia número 22/1984, do 17 de febreiro, do Tribunal Constitucional, abordou o problema da execución por parte das administracións públicas dos seus propios actos e, en particular, cando estes implican a entrada forzosa en domicilios. En síntese, a doutrina sentada ó respecto por aquel máximo intérprete constitucional establece a conformidade coa nosa Carta Magna do exerciio de potestades administrativas de autotutela pola parte da Administración, de modo que se permite que esta emane actos declaratorios da existencia dos seus propios dereitos con eficacia executiva inmediata, sen

prexuízo de que a Administración -de carácter institucional neste caso- teña que respecta-los dereitos fundamentais individuais e, no caso particular, a inviolabilidade do domicilio establecida no art. 18.2º da Constitución, aínda que semellante ente público proceda á execución forzosa dos seus propios actos.

2. Pola outra parte, nada autoriza a pensar que o xuíz a quen se lle pide aquela autorización de entrada deba outorgala baixo un mero automatismo formal, debido a que -conforme apunta a sentencia número 144/1987, do 22 de setembro, daquel igual máximo intérprete constitucional-, o correspondente órgano xurisdiccional -agora de natureza contencioso-administrativa e outrora de instrucción- actúa nos ditos supostos como garante do dereito fundamental á inviolabilidade de domicilio e, en consecuencia, o único que ten que asegurar é que se requira efectivamente a entrada alí en execución dun acordo que prima facie pareza dictado por autoridade competente no exercicio de facultades propias garantindo ó tempo que esa irrupción no ámbito da intimidade se produza sen máis limitacións de dereitos fundamentais..., que aquelas que sexan estrictamente indispensables para executa-la resolución administrativa.

3. Non se somete pois a xuízo do órgano xurisdiccional unipersoal para o efecto competente unha valoración da actuación da Administración senón simplemente se se atopa xustificada a penetración en eventual domicilio -ou mesmo de lugar que precise o consentimento-, de ningunha persoa; se o dito extremo resulta indispensable para o dito efecto ou mesmo, de se-lo caso, se existe lugar con semellante carácter, de forma que, tendo en conta neste específico caso a executividade daquela actuación administrativa da Administración agora promovinte, de conformidade co teor do art. 91.2º da L.O. 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, en relación cos artigos 8.5º e 80. d) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, en canto establecen que lles corresponde ós titulares dos ditos xulgados outorga-la autorización mediante resolución motivada para a entrada tanto en domicilios coma nos restantes edificios ou lugares de acceso dependentes do consentimento

do seu titular, cando semellante extremo sexa preciso para a execución daqueles actos das administracións públicas, non constando tampouco -segundo se colixe do contido daquel expediente agora adxunto-, o previo inicio de terceira vía xurisdiccional contencioso-administrativa, segundo sinala para o efecto oportuna doutrina xurisprudencial sentada para o efecto por sentencia número 199/1998, do 13 de outubro, do Tribunal Constitucional, estímase procedente outorgar aquela autorización outrora solicitada por aquela Administración para o efecto promovente en canto sequera prima facie se cohonesta con aqueles principios de legalidade, autotutela, subsidiariedade e proporcionalidade para o efecto esixibles in limine

nun plano formal, de forma que, vistos os artigos citados e demais de pertinente e xeral aplicación.

Acórdase autoriza-lo Instituto Galego da Vivenda e o Solo e concederlles por ende ós seus órganos competentes para o efecto a entrada na vivenda ocupada por Antonio Picos Barro e sita na rúa Masalla, portal 5 2º A, esquerda, de Ferrol (A Coruña).

Notifíqueselle-la presente resolución ás correspondentes partes comparecidas para os seus oportunos efectos e signifíqueselles que, sen prexuízo do seu carácter executorio, esta non é firme en canto cabe eventual recurso de apelación nun só efecto ante este mesmo órgano xurisdiccional unipersoal aquí radicado e perante a Sala do Contencioso-Administrativo do TSX de Galicia no prazo de quince (15) días, contados a partir da data seguinte ó da súa correspondente notificación.

Así acórdao, mándao e asínao o maxistrado-xuíz titular do Xulgado do Contencioso-Administrativo número un dos da Coruña, José Manuel Ramírez Sineiro».

E para que lles sirva de notificación ós posibles herdeiros do demandado Antonio Picos Barro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Na Coruña, 13 de novembro de 2000.

Ángel-Javier Martín Sánchez

Secretario