Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 04 de xaneiro de 2001 Páx. 133

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2000, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se convoca un curso de diplomados en enfermería de empresa.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia, de acordo coas previsións legais e coa finalidade de potencia-la formación e capacidade dos profesionais sanitarios, no ámbito da saúde laboral, convoca un curso de diplomados en enfermería de empresa, en colaboración coa Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais, a través do Colexio de Enfermería de Ourense, en execución das previsións contidas no convenio de colaboración subscrito entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e a Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais, con data do 15 de decembro de 2000, e de acordo cos criterios da Escola Nacional de Medicina do Traballo.

Polo tanto, esa secretaría xeral, en exercicio das atribucións conferidas convoca o citado curso para a formación en ATS/DUE con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria.

I. Normas xerais.

1. Convocáse un curso de diplomados en enfermería de empresa en colaboración coa Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais a través do Colexio de Enfermería de Ourense, para realizar nesta mesma cidade.

2. O número de prazas que se convocan para este curso é de 40, que se cubrirán por concurso de méritos se o número de solicitudes excede da citada cifra.

3. Os méritos valorables no concurso serán os que se establecen no baremo que figura como anexo I da presente convocatoria.

4. Non serán valorables os méritos que non sexan debidamente acreditados.

5. A presentación de documentación acreditativa dos méritos alegados, distinta á requirida ou a súa non presentación, producirá a non valoración dos correspondentes méritos, pero non será causa de exclusión do aspirante para participar no proceso de selección.

II. Requisitos.

1. Será requisito común para tódolos aspirantes posuí-lo título de diplomado en enfermería ou axudante técnico sanitario, ou practicante ou enfermeira, que se acreditará mediante a presentación do título orixinal ou fotocopia compulsada.

2. Os aspirantes ás prazas deberán posuí-la nacionalidade española, que se acreditará coa presentación da copia compulsada do documento nacional de identidade.

3. Os requisitos establecidos nas bases 2.1 e 2.2 deberanse cumprir no momento de remata-lo prazo de presentación de instancias.

III. Solicitudes.

1. A solicitude para tomar parte no curso axustarase ó modelo oficial, que figura como anexo II da presente convocatoria.

2. Xunto coa solicitude, os aspirantes presentarán a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos específicos na base II, así como a documentación acreditativa dos méritos presentados.

3. As solicitudes serán dirixidas ó director do curso de diplomados de enfermería de empresa, Colexio de Enfermería de Ourense, rúa do Progreso, 89-91, entreplanta H 32003 Ourense.

4. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, que contarán a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

5. Rematado o prazo de presentación de instancias, a dirección do curso e os respectivos organismos competentes farán públicas as listas de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

6. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ó da publicación das listas, para emenda-lo defecto que motivase a súa exclusión.

IV. Comisión de selección.

1. O proceso de selección será levado a cabo pola comisión de selección, que será presidida polo director do curso ou persoa en quen expresamente delegue estas funcións.

2. A comisión de selección, ademais do presidente, contará con catro vocais. Dous deles serán representantes do Colexio de Enfermería de Ourense e os outros dous, da Sociedade Galega de Riscos Laborais. Cada membro da comisión de selección terá un suplente.

3. A composición da comisión de selección determinarase mediante resolución da Sociedade Galega de Riscos Laborais, publicarase nos taboleiros de anuncios da sede da Sociedade Galega de Riscos Laborais e do Colexio de Enfermería de Ourense.

V. Proceso de selección.

1. A comisión de selección a que fai referencia a base IV procederá a valora-los méritos que, debidamente acreditados, sexan achegados polos solicitantes, aplicando para iso o baremo que figura como anexo I da presente convocatoria.

2. No caso de posible empate, terá prioridade o aspirante que conte con maior puntuación no capítulo 2 de baremo establecido que figura no anexo I Méritos profesionais en saúde laboral, e no caso de novo empate, o aspirante de maior idade.

3. Rematado o proceso de valoración, a comisión de selección elaborará unha lista provisional dos aspirantes por orde correlativa da puntuación obtida por cada un deles.

4. As listas provisionais publicaranse no taboleiro de anuncios da Sociedade Galega de Riscos Laborais e no Colexio de Enfermería de Ourense.

5. Contra as listas provisionais os interesados poderán formular reclamación ante o director do curso, no prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación nos taboleiros de anuncios sinalados na base V.4. Estas reclamacións serán resoltas mediante resolución da comisión avaliadora.

6. Rematado o prazo de reclamacións, e tendo en conta as resolucións recaídas nelas, elaboraranse as listas definitivas de admitidos a cada curso, ás que se dará a mesma publicidade que as listas provisionais.

7. Ó se publicaren as listas de admitidos, especificaranse os prazos para formaliza-la matrícula, o lugar en que deberá facerse, o seu importe, a data de comezo do curso e o centro onde se desenvolverá.

VI. Desenvolvemento do curso.

1. O curso desenvolverase por medio de ensinanzas teóricas e prácticas de trescentas horas e nas materias establecidas no anexo III.

2. Os alumnos matriculados estarán obrigados a asistiren ás clases teóricas e prácticas. A ausencia superior a un 10% das horas lectivas dará lugar á perda de tódolos dereitos do alumno incluído o importe da matrícula.

3. A Sociedade Galega de Prevención, Riscos Laborais e o Colexio Oficial de Enfermería de Ourense, de acordo coa comisión de seguimento, determinarán o tipo de probas que deberán de supera-los aspirantes ó diploma, que será expedido pola Escola Nacional de Medicina do Traballo.

VII. Comisión de seguimento.

1. Co fin de establece-la necesaria coordinación, vixilancia e arbitraxe da convocatoria e determina-los criterios para o desenvolvemento e avaliación dos cursos, crearase unha comisión de seguimento.

2. A comisión de seguimento constituirase no Colexio Oficial de Enfermería de Ourense e será presidida polo director do curso, e dela formarán parte os coordinadores dos módulos correspondentes ó programa do curso.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2000.

Manuel Antonio Silva Romero

Secretarío xeral da Consellería de Sanidade

e Servicio Sociais

ANEXO I

BAREMO DE MÉRITOS ACADÉMICOS E PROFESIONAIS

1. Méritos académicos correspondentes ós estudios de diplomado en enfermería ou axudante técnico sanitario ou practicante ou enfermería.

Cualificación por curso, nota media:

Puntuación:

Sobresaliente con matrícula de honra: 2.

Sobresaliente: 1.

Para a obtención da nota media non se terán en conta as cualificacións obtidas nas materias de relixión, moral profesional, deontoloxía e ética, educación física, formación política, ensino de fogar e idiomas.

Estes méritos acreditaranse coa certificación académica oficial orixinal ou fotocopia, debidamente legalizada ou compulsada.

2. Méritos profesionais en saúde laboral.

2.1. Cursos de saúde laboral: valoraranse os desenvoltos na Escola Nacional de Medicina do Traballo, Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo, Escolas Profesionais de Medicina do Traballo da Universidade e da Escola Nacional de Sanidade, así como aqueles organizados por institucións privadas acreditadas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia.

Valoraranse as horas lectivas acreditadas por diploma ou certificado (especificando a duración total do curso), con 0,2 puntos cada dez horas, ata un máximo de 2 puntos.

2.2. Traballos científicos en saúde laboral: valoraranse os traballos científicos sobre saúde laboral publicados en revistas científicas españolas ou estranxeiras, así como comunicacións sobre saúde laboral aceptadas e presentadas en congresos. Para a súa valoración deberanse presentar separatas ou fotocopias legalizadas ou compulsadas dos traballos xa publicados.

Concederase unha puntuación de 0 a 1 punto por traballo publicado, a criterio da comisión de selección, ata un máximo de 3 puntos.

2.3. Servicios prestados en servicios de prevención das empresas, como ATS, diplomado en enfermería ou pertenza ó corpo de ATS-visitador da Seguridade Social, Sistemas Autonómicos de Saúde ou do Instituto Social da Mariña.

Valoraranse os servicios prestados en servicios médicos de empresa, ou en actividades de prevención de mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais con carácter interino, eventual ou contratado, que se desempeñen na data en que se publica esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Os devanditos servicios acreditaranse con certificación oficial, na que consten de xeito expreso os anteriores requisitos, ou coa demostración dun vínculo laboral fidedigno (TC2, nómina oficial, etc.), e a súa validez será determinada pola comisión de selección.

Os aspirantes que pertenzan ó corpo de ATS-visitadores da Seguridade Social (Insalud ou Instituto Social da Mariña ou Sistemas Autonómicos de Saúde), deberán atoparse en activo no desempeño da

súa praza e realizando funcións relacionadas coa saúde laboral, o que se acreditará coa presentación de certificacións expedidas pola autoridade correspondente, que asuma as competencias en saúde laboral en cada ámbito territorial.

Valorarase con 0,1 punto por mes traballado, ata un máximo de 4 puntos.

ANEXO II

SOCIEDADE GALEGA DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

COLEXIO OFICIAL DE ENFERMERÍA

Don/anacido/a

natural de, provincia de

con domicilio en, provincia de

rúa,nºCP

En posesión do título de diplomado en enfermería (axudante técnico sanitario/practicante/enfermeira/o),

EXPÓN:

Que desexa participar no curso de diplomado en enfermería de empresa, que vai ter lugar no Colexio Oficial de Enfermería de Ourense, polo que acepta todas e cada unha das condicións expresadas nas súas bases da convocatoria, polo que

SOLICITA:

Que se lle admita a presente solicitude e documentación adxunta, co fin de tomar parte no devandito curso.

Director do curso de diplomado de enfermería de empresa

Colexio Oficial de Enfermería de Ourense

Rúa do Progreso nº 89-91, entreplanta H 32003 Ourense

Baremo de méritosBaremoAutovaloraciónComprobación

Cualificación por expediente académico (nota media)

Sobresaliente con matrícula de honra2

Sobresaliente1

Méritos profesionais en saúde laboral

Horas lectivas en cursos de saúde laboral0 a 2

Traballos científicos en saúde laboral0 a 3

Servicios prestados en saúde laboral0 a 4

Total

ANEXO III

TEMARIO DO CURSO

(300 horas lectivas)

1. Módulo 1. Normativa.

1.1. Coñecemento xeral da lexislación española e comunitaria.

1.2. Lei de prevención de riscos laborais.

1.3. Regulamento dos servicios de prevención.

1.4. Actuación da Comunidade Autónoma galega en prevención.

1.5. A incapacidade temporal e a incapacidade permanente.

1.6. Conceptos de accidente de traballo e enfermidades profesionais.

2. Módulo 2. Conceptos xerais.

2.1. Saúde e traballo: no risco laboral, o dano para a saúde e a prevención.

2.2. Enfermería do traballo.

2.3. Seguridade no traballo.

2.4. Hixiene industrial.

2.5. Ergonomía e psicosocioloxía do traballo.

2.6. A saúde pública e a saúde laboral.

2.7. A medicina legal na saúde laboral.

2.8. A saúde laboral e o Sistema Nacional de Saúde.

3. Módulo 3. Patoloxía laboral.

3.1 Psicopatoloxía do traballo.

3.2. Toxicoloxía laboral.

3.3. Traumatoloxía laboral.

3.4. Oftalmoloxía laboral.

3.5. Otorrinolaringoloxía laboral.

3.6. Enfermidades respiratorias no ámbito laboral.

3.7. Dermatoloxía laboral.

3.8. Enfermidades infecciosas no ámbito laboral.

3.9. Cancro e a actividade laboral.

3.10. Trastornos cardíacos e actividade laboral.

3.11. Outras patoloxías relacionadas co ámbito laboral.

4. Módulo 4. Intervención en prevención de riscos.

4.1. A avaliación de riscos e a planificación da prevención.

4.2. Estudio e prevención do absentismo laboral.

4.3. A urxencia no medio laboral.

4.4. Actualización en urxencias médicas.

4.5. A vixilancia médica da saúde.

4.6. A vixilancia epidemiolóxica.

4.7. A educación sanitaria no medio laboral.

4.8. A promoción da saúde no medio laboral.

4.9. A prevención postural e cinética.

4.10. A rehabilitación e readaptación laboral.

4.11. A documentación en prevención de riscos laborais.

4.12. A xestión en prevención de riscos laborais.

4.13. As auditorías en prevención de riscos laborais.

4.14. A investigación en saúde laboral.

4.15. A informatización en saúde laboral.

4.16. Os riscos laborais no persoal sanitario.

5. Módulo de prácticas.

P.1. Prácticas en emerxencias no medio laboral.

P.2. Prácticas nun servicio de prevención propio.

P.3. Prácticas en actuacións preventivas diversas.

P.4. Prácticas nun servicio de prevención externo.