Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 03 de xaneiro de 2001 Páx. 53

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 295/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, en relación co pacto ambiental na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, recoñece a importancia do pacto ambiental como actuación encamiñada a obter

acordos nos que se acade a compatibilidade de medidas preventivas e correctoras coa viabilidade das empresas a través de innovacións tecnolóxicas nos procedementos de fabricación e nos sistemas de eliminación de axentes contaminantes.

En aplicación do pacto ambiental, indica o seu artigo 25.3º, que se establecerá un sistema de ecoxestión e auditoría que permita a participación voluntaria das empresas que desenvolvan actividades industriais para a avaliación e mellora das súas actividades en relación co ambiente e que facilite a correspondente información ó público.

O principio de prevención, reducción da contaminación na súa orixe e promoción dun desenvolvemento sostible esixe que as empresas adopten unha política e xestión ambiental axeitada. Por iso, é misión das administracións públicas o fomento da participación voluntaria daquelas nestes obxectivos mediante a adopción de compromisos destinados á mellora continua e razoable da súa actuación.

Así mesmo, o pacto ambiental permitirá establecer pautas de adaptación das empresas á normativa ambiental e inclusive promover estratexias e accións ambientais de carácter local ou comarcal como instrumento orientado á harmonización de posibles conflictos entre valores ambientais e industriais, compatibilizando as medidas correctoras co principio de viabilidade das empresas.

Mediante Decreto 185/1999, do 17 de xuño, estableceuse o procedemento para a aplicación, no ámbito da Comunidade Autónoma, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental, de acordo co Regulamento (CEE) 1836/1993, do Consello, do 29 de xuño, e o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, que establece normas para súa aplicación. Sen embargo, non foi regulado o procedemento que debe presidi-lo pacto ambiental previsto na Lei 1/1995.

Este decreto díctase en virtude das competencias establecidas no artigo 149.1.23 da Constitución e o artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia, e a citada Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, en canto norma adicional de protección autonómica no marco da lexislación básica estatal e, así mesmo, o Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, de conformidade co dictame do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinteún de de decembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto regula-lo procedemento que se vai seguir para a formalización da

participación voluntaria das empresas que desenvolvan actividades industriais e que desexen acollerse ó pacto ambiental na Comunidade Autónoma de Galicia, como actuación encamiñada a obter acordos voluntarios entre a Administración e as empresas que permitan o establecemento de medidas ambientais preventivas e correctoras, especialmente en situacións con formulacións ambientais conflictivas, innovacións tecnolóxicas nos procesos de producción, sistemas de eliminación de axentes contaminantes e, en xeral, a mellora continua e razoable da súa actuación ambiental.

2. O pacto ambiental poderá dirixirse tamén, de acordo co principio de viabilidade, a establecer unha periodificación de obrigas ambientais cando supoñan, para empresas xa instaladas, adaptación ás condicións ou requisitos técnicos que deban reuni-las súas instalacións industriais segundo nova normativa, ou disposicións legais en vigor.

Artigo 2º.-Ámbito subxectivo.

1. Terá a consideración de empresa para os efectos deste decreto toda unidade productiva con organización específica e autónoma que, calquera que sexa a súa titularidade e a forma xurídica que adopte, estea destinada á producción de bens ou prestación de servicios e, no desenvolvemento dos seus procesos productivos, poida afectar ó ambiente, así como ás unións ou asociacións de entidades empresariais que se constitúan con este mesmo fin.

Artigo 3º.-Solicitude.

1. As empresas que desenvolvan as súas actividades no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que voluntariamente desexen subscribir un pacto ambiental coa Administración deberán, a través do seu representante legal, solicitalo á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, xuntando á súa solicitude a documentación xustificativa dos seguintes extremos:

-A denominación da empresa.

-Denominación e localización do centro ou centros de traballo.

-Breve descrición das actividades de cada centro.

-Breve descrición do seu sistema actual de xestión ambiental.

-Auditoría ambiental do centro ou centros de traballo e proposta de política e de sistema de xestión ambiental cos requisitos previstos nos anexos I letra C e II E.2 do Regulamento CEE 1836/1993.

2. A Administración ambiental poderá promover, cando circunstancias económicas e sociais así o aconsellen, a formalización dun pacto ambiental, solicitando á empresa a presentación dos datos indicados no número anterior.

Artigo 4º.-Informes e datos complementarios.

1. Á vista da documentación presentada, e sen prexuízo da petición de informe a organismos públicos ou entidades sociais, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental poderá solicitar á empresa a presentación doutros datos complementarios ou aclaración daqueles aspectos que considere pertinentes.

2. Así mesmo, poderá pedi-la incorporación do informe do Comité de Empresa ou dos delegados de persoal e o exame da política, programa ou sistema de xestión da empresa por un verificador medioambiental acreditado, de acordo co previsto no Decreto 185/1999, do 17 de xuño.

Artigo 5º.-Proposta de pacto ambiental.

1. Recibido o complemento de documentación, as aclaracións pertinentes ou, se é o caso, o informe do verificador ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental redactará unha proposta que, de ser favorable ó outorgamento do pacto ambiental, deberá concreta-lo seu posible contido.

2. A proposta de pacto ambiental remitirase á empresa interesada e á consellería sectorial correspondente co obxecto de que no prazo de 15 días poidan realiza-las alegacións que coiden oportunas.

Artigo 6º.-Subscrición do pacto ambiental.

1. Transcorrido o prazo de alegacións e realizadas as modificacións á proposta que se consideren convenientes para incorpora-las alegacións presentadas pola empresa, a dirección xeral redactará no prazo de 15 días, unha proposta definitiva e solicitarase a conformidade da empresa.

2. De estar conforme a empresa coa subscrición do pacto ambiental, a dirección xeral remitirá a proposta, xunto co seu informe, ó conselleiro de Medio Ambiente, que autorizará, sen prexuízo do previsto no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, a subscrición do pacto ou denegará motivadamente o seu outorgamento.

Artigo 7º.-Actuación en sectores sociais e económicos.

1. O pacto ambiental poderá servir de canle para a promoción de estratexias e accións ambientais de carácter local ou comarcal e ser instrumento de harmonización de conflictos que, en determinados sectores sociais e económicos, se presenten entre valores ambientais e industriais, compatibilizando as medidas correctoras que deban establecerse co principio de viabilidade das empresas.

Nestes casos, o pacto ambiental deberá subscribirse cos sectores sociais e económicos implicados, ponderando o sistema actual de xestión ambiental e a proposta que estes sectores ou a Administración formulen.

2. As empresas que, conforme este criterio, se adhiran voluntariamente ó pacto, quedarán sometidas ós mecanismos de vixilancia e seguimento previstos no artigo 9º deste decreto.

Artigo 8º.-Contido.

O pacto ambiental describirá os obxectivos que pretenden conseguirse e, así mesmo, valorará as medidas ambientais, innovacións tecnolóxicas e sistemas de eliminación de axentes contaminantes propostas polas empresas suscritoras do devandito pacto, concretando aquelas que definitivamente se aproben, e precisando, se é o caso, motivadamente as súas vantaxes fronte ás incluídas na proposta inicial, así como o prazo ou prazos parciais de execución que se establezan.

Artigo 9º.-Vixilancia e seguimento.

1. O pacto ambiental establecerá mecanismos de vixilancia e seguimento, podendo prever auditorías periódicas da empresa e o seu posterior exame e validación por un verificador ambiental acreditado.

2. Nas actuacións de inspección e actividades de verificación, a empresa deberá presta-la cooperación necesaria para o exame de documentos, realización de entrevistas ó persoal e, en xeral, obtención da información precisa para concreta-la actuación da empresa en relación co cumprimento dos obxectivos e coa periodicidade establecida no pacto.

3. Serán por conta da empresa os custos de inspección e seguimento do pacto ambiental e das verificacións ambientais previstas neste decreto, así como o pagamento das taxas correspondentes que sexan esixibles de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 10º.-Beneficios e custos.

1. A subscrición dun pacto ambiental favorecerá a empresa nas medidas económicas, financeiras e fiscais que, no ámbito da súa competencia, estableza a Comunidade Autónoma para o fomento da prevención ambiental e promoción das mellores técnicas dispoñibles.

2. En ningún caso o pacto ambiental poderá implica-la pervivencia de situacións que produzan agresións ou deterioracións ó ambiente ou inaplicabilidade das condicións, medidas preventivas e requisitos técnicos esixidos polas normas estatais, autonómicas ou locais.

Artigo 11º.-Resolución do pacto.

O incumprimento, total ou parcial, pola empresa das prescricións contidas no pacto ambiental, ou dos prazos nel establecidos, poderá dar lugar á súa denuncia e, se é o caso, de non ser atendido o requirimento que se lle dirixa, á resolución de efectos e extinción dos beneficios concedidos, sen prexuízo da adopción das medidas legais ou administrativas que sexan pertinentes para a restauración do ambiente danado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Medio Ambiente para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteún de decembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente