Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 03 de xaneiro de 2001 Páx. 53

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 294/2000, do 9 de novembro, polo que se modifican os estatutos da sociedade pública Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.

Polo Decreto 59/1997, do 20 de febreiro, foi creada a sociedade pública Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., asumindo, en virtude do artigo 2 dos seus estatutos, a xestión de infraestructuras, sistemas e servicios de telecomunicación da Xunta de Galicia.

A Lei 11/1998, de 24 de abril, xeral de telecomunicacións, así como as diferentes ordes que a desenvolven, dispoñen que para poder prestar servicios e establecer ou explotar redes de telecomunicacións, se requirirá a obtención do correspondente título habilitante. Neste sentido e co obxecto de obte-la correspondente licencia individual ante a Comisión Nacional do Mercado das Telecomunicacións, é preciso modifica-los estatutos da sociedade pública Redes de Telecomunicación Galegas, Retegal, S.A. para que poida prestar tanto os actuais servicios como portador soporte de difusión á Compañía de Radiotelevisión de Galicia, así como para prestar servicios de telecomunicacións a terceiros.

Por todo o anterior e de conformidade co disposto nos artigos 45 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma e no artigo 106 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo polo que se aproba o regulamento que a desenvolve, e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de novembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-O artigo 2 dos estatutos da sociedade Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., aprobados polo Decreto 59/1997, do 20 de febreiro, queda redactado nos seguintes termos:

Artigo 2º.-Obxecto e fins.

A sociedade terá por obxecto o establecemento e explotación de redes e a prestación de servicios de telecomunicacións a terceiros, para o que obterá os títulos habilitantes que sexan en cada momento necesarios. Así mesmo, terá como obxecto a realización por si ou a través de terceiros da xestión das infraestructuras, sistemas e servicios de telecomunicacións en Galicia, ou o seu mantemento e a elaboración de propostas, análises e estudios relacionados coas telecomunicacións que corresponden á Xunta de Galicia.

En especial, e con carácter non excluínte, a sociedade terá as seguintes funcións respecto das infraestructuras, servicios e sistemas de telecomunicación da Xunta de Galicia:

a) Xestión de infraestructuras, sistemas e servicios de telecomunicación.

b) Elaboración de propostas de planificación de infraestructuras, sistemas e servicios de telecomunicacións.

c) Mantemento de infraestructuras, sistemas e servicios relacionados coas telecomunicacións.

d) Mantemento e xestión das infraestructuras e equipamentos da rede de transporte e difusión, utilizadas pola Radio e a Televisión de Galicia.

e) Deseño de estratexias de futuro en relación coas telecomunicacións.

f) Análise de viabilidade de proxectos que teñan relación coas telecomunicacións.

g) Asesoramento técnico na toma de decisións pola Administración galega en materia de telecomunicacións.

h) A formación de persoal técnico mediante a organización, a promoción de cursos e outras posibilidades de formación para a implantación de sistemas e prestación de servicios.

i) Xestiona-la explotación das redes de telecomunicacións.

j) Participación noutras sociedades, o cal poderá acordarse coas autorizacións previas legalmente previstas.

k) Implantación e posta en marcha de calquera tipo de redes e servicios de telecomunicación.

l) En xeral, calquera actividade comercial ou industrial que estea directamente relacionada con estas funcións, e coa explotación de redes e servicios de telecomunicacións.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de novembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda