Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Martes, 02 de xaneiro de 2001 Páx. 8

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 22 de decembro de 2000 pola que se aproba o Plan de Inspección Sanitaria para o ano 2001.

A Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Saúde, no seu artigo 4, regula as competencias que lle corresponden á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e, entre elas, na letra m) atribúelle a inspección sanitaria do Sergas, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

O Decreto 126/1992, do 14 de maio, sobre ordenación das funcións de Inspección da Comunidade Autónoma de Galicia referenda as ditas atribucións e establece:

-A necesidade de avalia-la actuación dos centros, servicios e establecementos sanitarios tanto desde o punto de vista da calidade da asistencia prestada, como do gasto realizado e do grao de cumprimento dos obxectivos que se lles marquen ós centros.

-O exercicio da tutela, control e avaliación eficiente sobre tódolos centros, servicios e establecementos e prestacións sanitarias de titularidade pública ou privada da Comunidade Autónoma de Galicia.

-A inspección e control de todos aqueles aspectos de atención sanitaria recollidos como dereitos dos usuarios na Lei xeral de sanidade.

O Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, estipula que á Inspección Sanitaria lle corresponde o exercicio das actuacións de inspección no relativo ós centros, servicios e establecementos sanitarios civís públicos e privados que desempeñen a súa actividade no ámbito da Comunidade Autónoma, así como, neste contexto, a avaliación das súas actividades con especial atención ás prestacións do sistema sanitario público.

Tendo en consideración o exposto, e que para levar a cabo as actividades de inspección é imprescindible dispoñer dos recursos humanos suficientes e con formación adecuada, utilizaranse de maneira integral e coordinadamente tódolos efectivos dos que poida dispoñe-la Consellería de Sanidade e Servicios Sociais co fin de cumprir adecuadamente os obxectivos fixados.

Seguindo as tendencias xa reflectidas nos plans de Inspección Sanitaria dos dous últimos anos, elaborouse o Plan de Inspección Sanitaria para o ano 2001 tendo en conta os cambios producidos e as novas tendencias xurdidas no ámbito da actividade sanitaria, orientándose así mesmo cara a un papel incentivador e de colaboración ó mesmo tempo respecto ós cometidos de xestión que lle competen ó Servicio de Saúde.

As actividades da Inspección Sanitaria de forma global deben establecerse como garantes da eficacia-eficiencia do sistema sanitario.

Na actualidade continúa tendo unha importancia e relevancia transcendentais a loita contra a fraude centrada especialmente no control da incapacidade temporal e a prestación farmacéutica, evitando dese modo as posibles desviacións que poidan producirse nas ditas prestacións básicas.

Por outra banda, de conformidade co establecido no artigo 10 do Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e co obxecto de conformar un marco xeral aplicable a tódalas funcións de inspección atribuídas a dita consellería, resulta conveniente seguir incluíndo, tal e como xa se fixo nos dous últimos anos, na presente orde, un punto específico dedicado á inspección no ámbito da saúde pública.

Por todo iso, conforme o establecido no artigo 5 do Decreto 126/1992, do 14 de maio, sobre ordenación das funcións de Inspección de Servicios Sanitarios e no artigo 10 do Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, por proposta do secretario xeral,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o Plan de Inspección Sanitaria para o ano 2001, que figura como anexo á presente orde.

Os servicios de Inspección Sanitaria das direccións provinciais remitirán antes do 31 de xaneiro do ano 2002 á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a memoria anual das actividades dos seus respectivos ámbitos competenciais.

Así mesmo, a memoria anual de actividades da Inspección Sanitaria correspondente ó ano 2001 confeccionarase acorde cos resultados obtidos respecto das actuacións incluídas no plan que se aproba.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2000.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

I. Ámbito da incapacidade temporal (IT) e da saúde laboral.

-Xeneralización da fase de explotacións do novo programa informático para a obtención das estatísticas e indicadores de actividade en tódalas unidades prescritoras e controladoras.

-Desenvolvemento das actuacións de seguimento derivadas das funcións dos coordinadores de IT das xerencias de Atención Primaria.

-Realización de cursos de formación dirixidos a médicos de Atención Primaria para a actualización na xestión, seguimento e control da incapacidade temporal (3ª fase-7 edicións-210 facultativos).

-Aplicación e seguimento do convenio de control sanitario de IT, subscrito pola Comunidade Autónoma co INSS, no marco do financiamento dos servicios sanitarios.

-Subprograma de reducción de taxa global de absentismo por IT do persoal de centros propios do Sergas, e aplicación e seguimento das medidas de optimización do dito subprograma.

-Subprogramas de reducción de taxa global de absentismo do persoal da Xunta de Galicia e da poboación en xeral.

-Desenvolvemento de actividades dirixidas á optimización da prescrición, no relativo á formalización da documentación clínico-laboral e indicadores mediante entrevistas e remisión de información ós facultativos de Atención Primaria, priorizándose as entrevistas cos facultativos que presenten desviacións nos seus indicadores.

-Responder nos prazos legais establecidos o 100% das propostas de alta emitidas polas entidades xestoras e o 100% das intencións de alta regulados no R.D. 1117/1998.

-Selección e revisión de tódolos procesos de IT ó alcanza-la duración estándar e revisión e informe de tódolos procesos nos prazos regulamentariamente establecidos.

-Realización de inspeccións da actividade sanitaria e dos centros e servicios asistenciais dedicados a saúde laboral.

-Inspección e avaliación en materia de prevención de riscos laborais na especialidade de medicina do traballo:

a) Servicios de prevención alleos.

-Verificación do mantemento das condicións de autorización sanitaria.

-Avaliación da actividade sanitaria desenvolvida.

-Subprograma especial de verificación da non subcontratación da actividade sanitaria básica.

b) Servicios de prevención propios.

-Elaboración dun censo de servicios de prevención propios existentes na Comunidade Autónoma.

-Verificación do mantemento das condicións de autorización sanitaria.

-Avaliación da actividade sanitaria desenvolvida.

-Avaliación do cumprimento dos criterios das auditorias preceptivas realizadas para a súa aprobación.

c) Realización das inspeccións e informes de actividades sanitarias dos servicios de prevención, tanto propios como alleos, para a súa autorización sanitaria.

-Verificación do mantemento das condicións de autorización sanitaria nas empresas que teñen concedida a asistencia médico-farmacéutica.

II. Ámbito da prestación farmacéutica.

-Deseño e aplicación dun protocolo orientado a coñece-los recursos materiais dispoñibles nas oficinas de farmacia para a elaboración de fórmulas maxistrais.

-Verificación do cumprimento da normativa vixente relativa á dispensación de especialidades farmacéuticas segundo o establecido polo sistema de prezos de referencia:

a) Verificación por mostraxe da correcta dispensación das especialidades farmaceuticas afectadas polo sistema de prezos de referencia.

b) Análise das receitas afectadas polo previsto no artigo 5.2º do Real decreto 1035/1999, do 18 de xuño, que regula o sistema de prezos de referencia. Valoración e proposta de actuacións.

-Seguimento e control da correcta aplicación da Orde do 22 de outubro de 1999 da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se regula a subministración e uso de talonarios de receitas oficiais do Sergas.

-Verificación do cumprimento das prácticas correctas da súa actividade polos centros de distribución de medicamentos e productos sanitarios da nosa Comunidade Autónoma, segundo o Real decreto 2259/1994, do 25 de novembro, polo que se regulan os almacéns farmacéuticos.

-Inspección e control das condicións en que se está a realiza-la dispensación de especialidades farmacéuticas con principios activos susceptibles de reacción positiva en test antidopaxe.

-Participación nas campañas de control de calidade de medicamentos da Axencia Española do Medicamento, para a verificación dos estándares de calidade fixados na autorización de comercialización das especialidades farmacéuticas.

III. Ámbito de concertos.

-Control e seguimento dos concertos establecidos para a realización de procesos asistenciais en tódolos centros concertados da Comunidade Autónoma de Galicia a pacientes derivados da lista de espera cirúrxica dos hospitais do Sergas.

-Análise do tempo medio de demora desde a súa remisión ata que son intervidos os pacientes derivados da lista de espera cirúrxica dos hospitais do Sergas ós centros concertados, na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Avaliación control e seguimento da prestación dos servicios concertados de fisioterapia, logopedia, rehabilitación e diálise na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Avaliación do nivel de calidade asistencial nos centros concertados a partir da análise das historias clínicas e estudio da formalización do consentimento informado na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Control e seguimento de concertación de servicios sociosanitarios nas áreas de saúde de Pontevedra e Vigo así como o grao de adaptación ás modificacións introducidas pola orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 3 de outubro de 2000.

-Implantación, seguimento e avaliación do programa de mellora do novo concerto entre o Sergas e o Policlínico Vigo, S.A. 2001 a 2008.

-Control e seguimento do concerto entre o Sergas e Medtec na provincia de Pontevedra.

-Implantación e desenvolvemento do concerto entre o Sergas e a Fundación Pública Hospital do Salnés, así como avaliación do programa de mellora establecido no dito concerto.

-Promove-la implantación dun programa normativo para a provisión de asistencia sanitaria concertada de procesos médicos en pacientes crónicos en fase de agudización ou descompensación do seu estado clínico na provincia de Pontevedra con medios alleos ó Sergas.

-Establecemento dun sistema de seguimento e control conxuntamente co Servicio de Admisión do C.H. Juan Canalejo, para detección de tódolos pacientes, que tendo estado hospitalizados en centros concertados con cargo ó Sergas, precisan reingresar en calquera outro centro concertado ou público nos 15 días seguintes á alta.

-Estudio comparativo dos consumos e custos derivados da subministración de eritropoetina ós pacientes de hemodiálise por parte das unidades de diálise dos centros concertados na provincia da Coruña.

IV. Ámbito das prestacións sanitarias, incluíndo a tutela dos dereitos dos usuarios e a mellora da calidade asistencial.

-Publicación e aprobación dunha nova circular da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais sobre procedemento disciplinario ó persoal facultativo do Servicio Galego de Saúde.

-Elaborar un protocolo para os efectos e levar a cabo un programa especial de inspeccións periódicas dos vehículos de ambulancias, co obxecto de comproba-lo cumprimento dos requisitos contidos na normativa vixente.

Avaliación da calidade do transporte sanitario, tanto individual como colectivo, verificando a correspondencia entre prescrición efectuada e prestación realizada. Subprograma especial de análise da procedencia e adecuación das prescricións.

-Estudio, avaliación e seguimento da prestación ortoprotésica na Comunidade Autónoma, trala entrada en vigor das novas disposicións contidas na Orde do 17 de xullo de 2000 pola que se modifica a regulación da prestación ortoprotésica na Comunidade Autónoma de Galicia. Avaliación da indicación e calidade da dita prestación.

Subprograma especial de seguimento do gasto, analizando separadamente o gasto procedente de atención especializada e primaria.

Subprograma especial de análise, avaliación e seguimento da prestación ortoprotésica -vertentes sanitaria e económica-, no Complexo Hospitalario Juan Canalejo da Coruña.

-Estudio e análise funcional, sanitario e económico das próteses cirúrxicas fixas en tódolos hospitais, tanto os propios do Sergas como os concertados.

-Implantación e adaptación dos programas informáticos para o seguimento da prestación de osixenoterapia, ventiloterapia e gases medicinais a domicilio, adaptados ás peculiaridades dos novos concertos na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Control do grao de cumprimento por parte dos pacientes dos tratamentos domiciliarios con terapias respiratorias na Comunidade Autónoma. Avaliación da indicación e da calidade da prestación de osixenoterapia domiciliaria na Comunidade Autónoma.

-Análise e avaliación das prestacións de osixenoterapia con especial incidencia naquelas non recollidas nos concertos vixentes.

-Contesta-lo 100% das reclamacións asistenciais presentadas nas direccións provinciais do Sergas da Comunidade Autónoma de Galicia nun prazo de tempo non superior a 30 días.

Posta en marcha na Comunidade Autónoma dun protocolo de procedemento de tramitación de reclamacións asistenciais. Constitución dun grupo de traballo para tales efectos.

-Elaboración, control e seguimento dun rexistro de pacientes en tratamento cos principios activos vigabatrina e cisaprida na provincia da Coruña.

-Elaboración de modelos de informe para a prescrición daqueles medicamentos de visado que esixan seguimento trimestral na Comunidade Autónoma.

-Estudio das úlceras por decúbito en pacientes crónicos hospitalizados en centros concertados e con autorizacións de uso na Comunidade Autónoma.

-Realización de enquisas de satisfación de usuarios do Sergas atendidos en centros, servicios e establecementos sanitarios concertados.

-Auditoría-avaliación da atención de enfermería e da atención hosteleira nas áreas de urxencia de tódolos hospitais do Sergas, incluíndo as fundacións públicas hospitalarias.

V. Ámbito da avaliación sanitaria e da autorización e avaliación de centros sanitarios.

-Realización de inspeccións dos centros sanitarios públicos e privados de reproducción humana asistida.

-Programa específico de avaliación anual, inspección e seguimento dos centros sanitarios públicos de reproducción humana asistida autorizados no trimestre 1998-1999-2000.

-Avaliación da carteira de servicios de tódolos centros do Sergas tanto de atención primaria como de atención especializada, trala aprobación por parte do Sergas para as xerencias das ditas carteiras de servicios.

-Avaliación e estudio sanitario e económico da actividade en RMN e TAC en tódolos hospitais do Sergas e no Medtec.

-Avaliación da actividade de telerradioloxía en tódolos centros do Sergas que estea implantada e desenvolvan esta actividade.

-Inspeccións dos centros sanitarios públicos e privados en materia de extracción e implante de órganos e tecidos.

-Programa especial de inspección e autorización dos laboratorios clínicos da Comunidade Autónoma de Galicia, promovendo a súa legalización, de conformidade coa normativa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais publicada no ano 2000 (Decreto 252/2000).

-Publicación, posta en marcha e seguimento de nova normativa reguladora na Comunidade Autónoma sobre autorización de centros, servicios e establecementos sanitarios.

-Auditoría ós servicios de rehabilitación e unidades de fisioterapia da área sur da provincia de Pontevedra. Inclúe os seguintes centros:

Do Sergas: Hospital Xeral Cíes e Hospital do Meixoeiro.

Concertados: San Rafael e Nuestra Señora de la Esperanza.

-Posta en marcha dun novo programa informático na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais de rexistro de centros, servicios e establecementos sanitarios.

-Publicación do catálogo de centros, servicios e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Programa especial de publicación da regulación normativa e posta en marcha da acreditación sanitaria de centros hospitalarios tanto públicos e concertados como privados na Comunidade Autónoma de Galicia. Inicio das auditorías.

-Programa de inspeccións de seguimento e control a diferentes centros, servicios e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma. Subprograma especial de promoción de legalización administrativa de centros, servicios e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma.

-Continuación do programa anual de inspeccións a establecementos balnearios.

(Actuación conxunta que se levará a cabo mediante programa de colaboración entre a Inspección de Servicios Sanitarios e a Inspección de Saúde Pública).

-Continuación do programa especial de análise, avaliación e estudio das Mipse producidas durante o ano 2000 nos centros hospitalarios propios e concertados co Sergas.

(Actuación incluída no marco de especial colaboración entre a Inspección de Servicios Sanitarios e a Dirección Xeral de Saúde Pública).

VI. Ámbito de saúde pública.

Plan de Protección da Saúde fronte a Riscos Específicos:

-Inspección do 100% dos campamentos públicos de turismo (cámpings) e dos campamentos xuvenís.

-Inspección do 100% dos centros escolares, dos centros escolares de infantil e primaria (CEIP) e dos centros de atención á primeira infancia (garderías infantís).

-Unha inspección anual do 75% dos establecementos de restauración colectiva de alto risco non específicos e o 15% dos establecementos de baixo risco.

-Unha inspección trimestral do 100% dos establecementos de restauración colectiva de alto risco específicos.

-Inspección do 100% das piscinas de uso colectivo que vaian abrir durante o ano.

-Inspección e toma de mostras de auga do 100% das zonas de baño marítimas e continentais habilitadas no ano.

Plan de Protección da Saúde fronte a Riscos Xerais:

-Inspección do 100% das industrias alimentarias suxeitas á obriga de inscrición no Rexistro Sanitario de Alimentos.

-Control documental diario en salas de despezamento de carnes.

-Control documental semanal de almacéns frigoríficos de carne.

-Control documental trimestral en centros de depuración e/ou expedición e cocedoiros de moluscos bivalvos.

-Control documental bimestral en cocedoiros de mariscos (crustáceos e angulas).

-Control documental semestral en industrias cárnicas, lácteas, ovos e ovoproductos, augas de bebida envasada.

-Toma de mostras e análises de productos en mercado.

-Toma de mostras e análises en depuradoras e cocedoiros, tanto bivalvos coma de crustáceos e angulas.

-Tramitación do 100% das redes de alerta comunicadas a través do Sistema Coordinado de Intercambio Rápido de Información (SCIRI).

-Cumprimento do 100% das mostraxes e análises do Plan Nacional de Investigación e Residuos.

-Inspección anual de seguimento de cemiterios, tanatorios, velorios, crematorios e empresas funerarias.