Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Xoves, 28 de decembro de 2000 Páx. 17.019

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2000, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a L.M.T. subterránea para alimentación a un C.T. na avenida de Arcadio Pardiñas, s/n, no concello de Burela. (Expediente 37/1999 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., con domicilio para os efectos de notificación na rúa Cidade de Viveiro 4, Lugo, que solicita aprobación do proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os ordenados nos capítulos III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV do regulamento de aplicación da Lei 40/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación a este expediente segundo o establecido pola disposición transitoria primeira da indicada Lei 54/1997.

Visto que durante o período no que se someteu o expediente ó trámite de información pública se formularon as seguintes alegacións:

1. Antonio Barrionuevo Freijo quen manifesta ser titular, coa súa muller, do predio identificado co número 3 deste expediente e solicita que non se

proceda á súa autorización administrativa, aprobación do proxecto e declaración de utilidade pública baseándose no seguinte:

a) A traza da liña subterránea proxectada, que ten por finalidade a alimentación a un C.T. situado no edificio Proel de Burela, transcorre por un camiño de serventío desviándose posteriormente, de forma inexplicable segundo o alegante, para invadi-lo predio número 3 que é o único acceso á súa vivenda e que se vería gravemente minguado pola imposición da servidume, o que lle causaría prexuízos de difícil ou imposible reparación, por exemplo, ante unha posible reparación da liña que lle impediría o libre acceso á súa vivenda.

b) Aínda que o alegante admite que tería que soporta-lo gravame que o paso da liña supón se non existisen outras solucións menos gravosas, manifesta que tal solución existe, polo que propón unha variante consistente en realizar un xiro ó norte, achegándose ó C.T., e producíndose invasión dun terreo sen urbanizar que ademais é propiedade, entre otros, do administrador da sociedade titular dos terreos nos que se sitúa o edificio Proel segundo consta na documentación que achega.

2. Gloria Pérez Freijo, quen manifesta o seu carácter de copropietaria da parcela identificada co número 3 deste expediente, polo que se considera, conforme o estipulado no artigo 31 da Lei 30/1992, interesada no procedemento reproducindo posteriormente de forma substancial as alegacións formuladas por Antonio Barrionuevo Freijo.

Considérase que estas alegacións, vista a contestación a estas por parte da empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. e o resto da documentación que consta no expediente, non impiden continuar coa súa tramitación polas seguintes razóns:

1. Tívose en conta o manifestado por Gloria Pérez Freijo en canto á copropiedade do predio.

2. O predio número 3 dos sinalados neste expediente, tal e como manifestan os alegantes, é un camiño privado destinado a servidume que xa está afectado polo paso da canalización subterránea existente nel, sendo unha arqueta desta canalización o que obrigou a modifica-lo trazado da L.M.T. proxectada.

3. A alternativa proposta suporía a afección a novos afectados, non só ó administrador do sociedade titular dos terreos nos que se sitúa o edificio Proel, segundo se desprende das propias manifestacións feitas polos alegantes. Por iso a realización da alternativa suporía unha afección máis gravosa cá proxectada, máxime cando a primeira afectaría a unha parcela particular e a segunda a un camiño particular de servidume no que xa hai unha canalización telefónica.

4. Debe considerarse, así mesmo, o feito de que a canalización subterránea para o cruzamento da avda. Arcadio Pardiñas xa está executada segundo acordo entre Barras Eléctricas Galaico-Asturia

nas, S.A. e o Ministerio de Fomento con motivo da mellora por parte deste último da dita vía de circulación, a alternativa proposta polos alegantes suporía modificar esta canalización xa existente.

5. A alternativa proposta polos afectados incumpre as condicións establecidas no artigo 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, por supoñer, segundo o orzamento achegado polo autor do proxecto, un custo superior ó 10 por 100 da parte da liña afectada pola dita variante.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que ó seu paso polos predios relacionados na información pública non se dá ningunha das prohibicións ou limitacións sobre os predios en expropiación, ós que se refiren respectivamente os artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, en concordancia co artigo 57 da Lei 54/1997 antes citada.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio de competencias atribuídas polos decretos 2617/1966 e 2619/1966,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

1. Liña de media tensión subterránea con orixe na L.M.T. S.T. Magazos-Burela-Cangas e remate no C.T. do edificio Proel en avda. Arcadio Pardiñas s/n (Burela), de 153 m de lonxitude a 20 kV baixo tubo en conductor R.H.Z.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sistema eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó seu proxecto de execución, unha vez cumpridos os trámites que se sinalan no capítulo IV do citado Decreto 2617/1966, e visto o contido dos informes técnicos do 17 de abril de 2000.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e 31 do regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, acordo que o representante da Administración dea comezo, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos nas relacións publicadas no xornal El Progreso con data do 10 de maio, Diario Oficial de Galicia con data do 13 de xuño e no BOP de Lugo do 3 de xuño de 2000, expostas no taboleiro de anuncios desta delegación provincial e no taboleiro de edictos do Concello de Burela. Ata o momento do levantamento das actas, poderanse formula-las alegacións, por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ó seu dereito.

Lugo, 15 de novembro de 2000.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo