Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Xoves, 28 de decembro de 2000 Páx. 16.952

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 15 de decembro de 2000 pola que se regulan os programas de axuda á cooperación ó desenvolvemento que se realizarán en 2001 pola Xunta de Galicia en colaboración coas Organizacións non Gobernamentais de Desenvolvemento (ONGD).

As políticas de cooperación ó desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade.

Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola mellora das condicións de vida dos pobos máis necesitados da comunidade internacional.

A política de cooperación ó desenvolvemento que realiza a nosa Comunidade Autónoma experimenta unha evolución positiva nos últimos anos, tanto no relativo a medios e instrumentos financeiros como á extensión da cobertura xeográfica que abarca, prestándose unha especial atención á cooperación que se realiza cos países latinoamericanos.

As peculiaridades positivas deste fenómeno non se limitan ós aspectos cualitativos e cuantitativos da cooperación, senón que afectan ás diversas formas

de organización ou xestión que utilizan as comunidades autónomas e administracións locais incorporando caracteres xenuínos, aínda que sempre tratando de adecuarse ós principios e obxectivos xerais da cooperación española e internacional.

A Xunta de Galicia en xeral e a Consellería da Presidencia e Administración Pública en particular veñen apoiando, mediante instrumentos diversos, calquera actuación de cooperación para o desenvolvemento, singularmente as destinadas a núcleos, sectores ou pobos menos desenvoltos da área iberoamericana.

En Galicia asígnanse recursos para campañas e actividades de sensibilización e educación para o desenvolvemento que promovan o valor universal da solidariedade por parte de todos. Canalízanse axudas a través de convenios con outros organismos ou entidades para actuacións directas. Apóianse os proxectos de cooperación que xestionan as ONGD e contribúese á dotación de fondos municipais que tratan de coordinar eficientemente as súas achegas. Finalmente, tamén se incide no marco da cooperación a través doutros instrumentos e axentes máis específicos de cada comunidade; como ocorre no caso de Galicia coas posibilidades de cooperación que ofrece a presencia das nosas comunidades galegas en moitos dos nosos países irmáns e a incidencia dos distintos programas de apoio social que estas realizan en colaboración directa coa Comunidade Autónoma de Galicia.

Unha das liñas de actuación máis consolidadas no ámbito da cooperación descentralizada é a de axuda canalizada a través de proxectos e actuacións das ONGD españolas e das súas contrapartes no exterior.

As ONGD cooperan coa Administración pública atendendo os principios de eficacia e sinerxia das actuacións, respectando o código de conducta propio deste tipo de organizacións non gobernamentais. En concreto, prestan unha positiva asistencia á Xunta de Galicia mediante a súa participación en órganos de asesoramento e en comisións técnicas de avaliación e apoian, informan e asesoran a outros axentes da cooperación en cantas accións son realizadas desde a Comunidade Autónoma de Galicia.

Finalmente, parece oportuno continuar promovendo, en colaboración coas ONGD, o interese pola cooperación ó desenvolvemento do terceiro mundo na sociedade civil galega, na que se percibe nos últimos anos un impulso importante dos valores da cooperación e a solidariedade internacional.

O Decreto 108/2000, de modificación da estructura orgánica da Consellería da Presidencia e Administración Pública, establece como función encomendada á Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias, centro directivo dependente desta consellería, a tramitación das axudas para a cooperación ó desenvolvemento dos países do terceiro mundo.

Procede, por tanto, establecer, coas adecuadas garantías de publicidade, concorrencia e obxectividade, as bases que regulen o réxime de concesión

de subvencións que, con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2001, sexan destinadas á cooperación ó desenvolvemento a través de proxectos canalizados polas ONGD establecidas en Galicia.

En atención a estes principios e obxectivos e para procura-la normalización e simplificación dos procedementos,

DISPOÑO:

Programa 1. Axudas a organizacións non gobernamentais de cooperación ó desenvolvemento (ONGD) para realización de proxectos descentralizados de desenvolvemento no exterior.

(Procedemento SGPA 803-A).

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

Estas axudas económicas tratan de apoia-las actuacións de cooperación ó desenvolvemento promovidas por organizacións non gobernamentais dedicadas ó desenvolvemento (ONGD), establecidas en Galicia, e con sede que sexa o centro efectivo das decisións relativas ó proxecto cofinanciado pola Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Obxectivos e fins concretos das actuacións.

Serán susceptibles de recibir axuda aquelas actuacións que tivesen como obxectivo concreto, entre outros de natureza análoga, os seguintes:

a) O apoio ás poboacións máis desfavorecidas dos países menos desenvolvidos para que poidan satisfacer, por si mesmas, as súas necesidades básicas de desenvolvemento económico e social, incrementando a súa capacidade de desenvolvemento endóxeno.

b) A realización de programas que posibiliten a explotación rendible do seus propios recursos naturais, técnicos e humanos por parte das poboacións dos países en vías de desenvolvemento. Tamén serán susceptibles de axuda os proxectos de apoio a accións humanitarias cando a situación da área na que se pretende actuar así o aconselle.

c) O desenvolvemento integral e sostido das poboacións da zona na que se materialice a axuda.

d) A promoción de melloras da producción, con especial atención ó desenvolvemento de cooperativas de producción e de servicios, tanto no ámbito agropecuario como no pesqueiro ou urbano.

e) A defensa da propia cultura e o respecto da idiosincrasia das comunidades beneficiarias, do seu idioma, relixión e medio.

Artigo 3º.-Requisitos dos proxectos para acceder ás axudas.

Para a eventual concesión de axuda, as actuacións proxectadas quedarán suxeitas ó cumprimento dos seguintes requisitos :

a) Que sexan cofinanciadas, polo menos nun 10%, con recursos alleos á axuda solicitada á Xunta de Galicia.

b) Que se trate de incentiva-la realización de novas accións.

c) Que teñan unha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas dos sectores de poboación das zonas máis desfavorecidas de países en vías de desenvolvemento.

d) Que conten coa participación dos beneficiarios nas distintas fases do proxecto: concepción, realización, xestión e funcionamento posterior á actuación subvencionada.

e) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais que axuden a precisa-los beneficiarios concretos das actuacións e que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos.

f) Que o proxecto se adecue tanto á realidade como á capacidade de xestión da ONGD e da súa contraparte, co fin de que poida asegurarse a súa viabilidade.

g) Que se prevexan os mecanismos de viabilidade precisos para que o impacto continúe cando cese a acción exterior.

h) Que as accións non teñan como obxectivo único o financiamento de servicios públicos de saúde, a educación regrada, a investigación oficial e os seminarios e viaxes de estudios, salvo razóns excepcionais.

Quedan excluídas de financiamento as actividades que na data de solicitude de subvención estean xa finalizadas.

Artigo 4º.-Accións prioritarias e criterios de avaliación.

Considéranse de atención prioritaria as accións que se encontren dentro dos seguintes supostos:

a) Que sexan emprendidas por ONGD asociadas en consorcios, compartindo responsabilidades e medios para lograr unha maior eficacia e sinerxía do movemento non gobernamental de Galicia.

b) Que se trate de proxectos de desenvolvemento implementados naqueles países cun índice de desenvolvemento humano máis baixo por estructuras e organizacións locais non institucionais.

c) Que estean enfocadas ó desenvolvemento humano (educación, organización, producción e atención primaria) e que teñan por obxecto a atención dos sectores máis vulnerables da poboación.

d) Que promovan a igualdade entre o home e a muller.

e) Daráselles tamén prioridade a aqueles proxectos que leven consigo unha importante achega de medios privados á marxe da cantidade financiada pola Xunta de Galicia, incluídos os fondos propios da ONGD solicitante como mostra da súa capacidade e autonomía.

f) Considéranse especialmente prioritarias as actuacións que se desenvolvan en países de Iberoamérica, en atención ós estreitos vínculos históricos e culturais que os unen a Galicia.

Será obxecto de valoración nos proxectos presentados a solvencia e experiencia dos actores encar

gados del, o grupo de beneficiarios afectados pola actuación e a súa participación no proxecto, a coherencia interna e a viabilidade e proxección das actuacións.

Artigo 5º.-Contribucións financeiras.

A contía máxima da axuda achegada pola Xunta de Galicia para cada proxecto non superará, en ningún caso, o límite do 90% dos custos directos e indirectos que, segundo o previsto no artigo seguinte, poidan ser consignados no orzamento económico da actuación.

A parte do financiamento que se solicite como subvención a outras institucións terá que estar confirmada no momento no que se comunique a subvención concedida pola Xunta de Galicia. De no ser así, a ONGD terá que comprometerse a suplila con fondos propios ou con outro tipo de financiamento achegado por terceiros ou ben renunciar á subvención concedida pola Xunta de Galicia.

En todo caso, dentro das posibilidades orzamentarias, as contías concedidas pola Xunta de Galicia tratarán de alcanza-la totalidade do solicitado ou, en todo caso, unha porcentaxe suficientemente importante como para garantir que os proxectos finalmente subvencionados poidan ser levados a cabo por contar cun financiamento suficiente.

A cantidade máxima que poderá concederse como subvención a un proxecto con cargo á convocatoria de 2001 é de 20.000.000 de pesetas.

Artigo 6º.-Custos directos e indirectos.

1. Entenderanse por custos directos, para os efectos do artigo anterior, as partidas que, figurando no orzamento económico da actuación, estean destinadas a facer fronte ós seguintes gastos:

a) As de análise e desenvolvemento técnico do proxecto, considerándose como tales os custos dos estudios realizados, dentro dos 12 meses anteriores ó da data de solicitude, por profesionais externos ou membros da ONGD para a identificación e elaboración do anteproxecto técnico e económico da acción. O importe máximo imputable por este concepto non poderá exceder do 5% do importe total do proxecto.

b) Os de adquisición de materiais e subministracións para a construcción, así como os demais custos directos asociados á construcción de edificios que poidan ser considerados como integrantes do proxecto presentado.

c) Os de compra e transporte de equipos, materiais e subministracións, así como os de traslado dos técnicos que a empresa provedora necesite desprazar para o adestramento, posta en marcha e funcionamento da maquinaria.

d) Os de persoal, entre os que se incluirán os dos beneficiarios que participen directamente na execución do proxecto e os daqueles técnicos a que se refire o parágrafo anterior.

e) Os de funcionamento necesarios para a realización da acción na localidade que corresponda, cando sexan xustificados, quedando excluídos os gastos de funcionamento propios da organización local asociada que non sexan directamente imputables á execución do proxecto.

f) As achegas en especie relativas a infraestructuras locais, equipos, materiais, subministracións ou persoal necesarias para o proxecto e que poidan ser identificadas e xustificadas documentalmente achegando os correspondentes certificados, escrituras, facturas pro forma, etcétera.

2. Considéranse custos indirectos as partidas que figuren no orzamento para cubrir gastos da organización solicitante asociados á administración, xestión, supervisión, difusión e sensibilización social da acción, e non poderán exceder do 10% do importe total dos custos directos orzados.

Artigo 7º.-Solicitantes.

Poderán solicita-las axudas reguladas neste programa as asociacións ou fundacións inscritas no Rexistro Galego de Organizacións non Gobernamentais de Cooperación ó Desenvolvemento, creado por orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 4 de abril de 1994, con, polo menos, un ano de antigüidade na data na que finalice o prazo de solicitude de axudas.

Quedarán directamente excluídas da concesión das axudas as actuacións que leven consigo asociacións ou fundacións que non cumpran o requisito previsto no parágrafo anterior e as que, tendo recibido subvencións en anos anteriores, non as xustificasen de acordo co establecido na súa correspondente convocatoria.

Artigo 8º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. Lugar de presentación.

As solicitudes serán dirixidas á Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias da Consellería da Presidencia e Administración Pública (Pazo de Raxoi, Praza do Obradoiro, s/n, 15705 Santiago de Compostela, A Coruña) e poderán presentarse directamente en calquera dos rexistros de entrada da citada consellería. Tamén se poderán presentar nos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes termina o 31 de xaneiro de 2001.

Artigo 9º.-Documentación.

A solicitude, no modelo oficial que figura como anexo I desta orde, deberá ir necesariamente xunto coa seguinte documentación que identifica o proxecto:

Documento 1. Memoria de identificación e formulación do proxecto de actuación para o que se solicita a axuda, na que deberá facerse constar:

1.1. Breve descrición do contido do proxecto, indicando a localización xeográfica e o sector de cooperación afectado.

1.2. Finalidade e descrición xeral do proxecto, indicando os obxectivos claros e realistas da acción, así como as actividades e estratexias concretas para acadalos.

1.3. Identificación precisa dos beneficiarios e criterio para a súa selección.

1.4. Información socioeconómica axeitada e actualizada sobre a situación existente no contexto local no que se prevé actuar.

1.5. Calendario detallado de actuacións onde figuren expresamente as datas de comezo e finalización da actuación.

1.6. Medios persoais e materiais que se utilizarán para a execución da actuación proxectada.

1.7. Identificación de mecanismos de viabilidade da acción para que o seu impacto continúe despois do confinanciamento.

Documento 2. Identificación da contraparte, facendo constar:

2.1. Medios humanos e materiais que achegarán ó proxecto.

2.2. Breve informe doutros proxectos nos que participase.

2.3. Formalización legal da contraparte no seu país, se a houbese.

Documento 3. Compromiso de cesión dos bens mobles e inmobles que resulten da execución do proxecto ós beneficiarios ou ó socio local cando finalice a acción, con especificación del.

Documento 4. Plan de financiamento, que conterá:

4.1. Descrición de todos e cada un dos recursos cos que se conta para realiza-la actuación cofinanciada, incluída a cantidade solicitada á Xunta de Galicia, identificando separadamente as fontes de financiamento e a natureza das achegas.

4.2. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

Documento 5. Orzamento detallado dos gastos estructurado en partidas segundo a descrición realizada no artigo 6º.

Documento 6. Memoria de actividades desenvolvidas pola ONGD solicitante na Comunidade Autónoma de Galicia, que será obxecto de especial valoración. Nela deberá constar:

6.1. O último balance de operacións, as distintas fontes de financiamento e o número de socios da ONGD na actualidade.

Documento 7. Cando se trate de accións emprendidas por varias ONGD asociadas en consorcio para a realización do proxecto, a organización solicitante deberá presenta-lo acordo de colaboración asinado

entre elas onde se detallen as actuacións nas que colaboran conxuntamente as ditas ONGD indicando, ademais, o grao de participación de cada unha delas no proxecto presentado, tanto en canto ó seu financiamento, como en canto ás actividades que se van desenvolver e á distribución da subvención prevista, se é o caso.

Documento 8. Xustificantes acreditativos, en orixinal ou fotocopia compulsada, de atoparse ó día no cumprimento das obrigas tributarias e da Seguridade Social impostas pola normativa vixente.

Documento 9. Finalmente, os solicitantes anexarán calquera outra documentación de soporte técnico que demande a natureza do proxecto para facilita-la súa comprensión e valoración, tal como mapas, planos, fotos, certificados, convenios, escrituras, estudios, cálculos de rendibilidade, regulamentos, etc.

10. Outros documentos que se presentarán, se é o caso:

-No caso de ter recibido axudas con anterioridade, presentarase declaración de estar ó día no cumprimento dos requisitos establecidos na convocatoria en que foi concedida a subvención, sempre e cando vencesen os prazos sinalados nela.

-Solicitude de transferencia, achegando certificación de datos para realiza-la emitida pola entidade bancaria correspondente, se é a primeira vez que se solicitan estas axudas á Xunta de Galicia ou se os datos bancarios consignados anteriormente para outras subvencións se modificasen.

Artigo 10º.-Informe e valoración das solicitudes.

A Xunta de Galicia poderá solicitar das ONGD que participen na convocatoria as aclaracións ou ampliacións de información complementarias que coide oportunas para a adecuada avaliación do proxecto presentado.

Para unha mellor valoración dos proxectos presentados serán solicitados os informes previos que se consideren pertinentes da Comisión Técnica de Actividades de Desenvolvemento, órgano asesor composto polo director xeral de Relacións Parlamentarias, dous vocais designados por este e cinco vocais nomeados pola Coordinadora Galega de ONGD.

Para os proxectos en que o considere necesario, a Xunta de Galicia poderá solicitar informes de avaliación técnica a expertos independentes.

Os informes emitidos non terán carácter vinculante.

A avaliación definitiva dos proxectos será realizada pola Xunta de Galicia tendo en conta o previsto no artigo 4º desta orde.

Artigo 11º.-Resolución.

A resolución da convocatoria de axudas, logo do trámite de fiscalización, correspóndelle á Comisión de Avaliación de Actividades para o Desenvolvemento, constituída polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública, o secretario xeral desta

consellería, o director xeral de Relacións Parlamentarias e, finalmente, un funcionario designado por este último, que actuará de secretario da comisión.

En todo caso, e tendo en conta o previsto no último parágrafo do artigo 5º, serán cofinanciados os proxectos, ata esgota-lo límite do crédito autorizado para este programa, os proxectos nos que a avaliación da súa calidade, de acordo cos criterios de priorización e valoración expresados nesta orde, sexa a máis positiva, e, por tanto, quedarán sen atender aqueloutros nos que a cantidade solicitada non estea en consonancia coa valoración recibida.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais para o mesmo proxecto, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Contra a resolución de concesión de axudas o interesado poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública no prazo dun mes que comezará a contar a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, podendo tamén interpoñer calquera outro recurso que coide pertinente ó seu dereito.

Artigo 12º.-Compromiso de aceptación.

A resolución do expediente de subvención será notificada ós solicitantes nun período de cinco meses contados desde a data de publicación desta orde no DOG.

Unha vez notificada a concesión de axuda e no caso de non terse concedida a totalidade da contía solicitada, a ONGD deberá presentar, nun prazo de 15 días, declaración por escrito de aceptación da axuda na que conste o seu compromiso de achegar, directamente ou por financiamento de terceiros, a diferencia entre o custo total do proxecto e a subvención finalmente concedida pola Xunta de Galicia. Igualmente deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foran concedidas, ou ben que a ONGD se compromete a financia-las cantidades adicionais que correspondan.

De non ser así, procederá a renuncia á axuda ou a anulación da subvención, podendo en ámbolos casos o dito importe pasar a incrementa-la axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvenciona-los que, inicialmente desestimados, fosen mellor cualificados.

Artigo 13º.-Información que será presentada polas ONGD sobre os proxectos cofinanciados para o seu seguimento.

As ONGD beneficiarias de axudas para accións de cooperación previstas neste programa quedan obrigadas a lle comunicar por escrito á Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias, no momento en que se produza calquera eventualidade que altere

ou dificulte gravemente o desenvolvemento do proxecto subvencionado.

Necesitarase a autorización previa e expresa da Xunta de Galicia para calquera modificación substancial dun proxecto, entendendo por tal aquela que afecte:

-Os seus obxectivos.

-A poboación ou grupo de beneficiarios.

-A zona de execución.

-O prazo de execución ata en 3 meses.

-As diferencias de ata o 20% entre partidas en relación ó orzamento presentado.

As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán dirixirse á Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias en escrito suficientemente motivado e con carácter inmediato á aparición das circunstancias que as xustifiquen e serán autorizadas ou denegadas no prazo dun mes.

Naqueles casos en que a modificación sexa de carácter incidental bastará con que sexa comunicada no informe de seguimento ou na primeira comunicación que se dirixa á Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias.

Artigo 14º.-Xustificación e pagamento das axudas.

Para consegui-la maior operatividade deste tipo de axudas poderá acordarse, no momento da concesión, un anticipo de pagamento pola contía máxima que proceda de acordo co establecido na normativa orzamentaria.

O resto do importe librarase no momento da completa xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a axuda e demais condicións esixidas nesta orde.

As organizacións beneficiarias de axudas deberanlle remitir á Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias, dentro do exercicio orzamentario, a seguinte documentación xustificativa:

a) Informe final sobre a execución do proxecto con indicación detallada das metas conseguidas e o grao de consecución dos obxectivos planificados.

b) Declaración da ONGD con expresión detallada dos recursos aplicados á execución do proxecto subvencionado, distinguindo as distintas fontes de cofinanciamento, e a súa aplicación ós distintos gastos realizados.

c) Declaración da contraparte ou copia do documento acreditativo dos importes recibidos polo socio local para realiza-lo proxecto.

d) Relación detallada, segundo partidas do orzamento, dos distintos pagamentos -en moeda local e en pesetas- realizados con motivo da execución das actuacións subvencionadas pola Xunta de Galicia, conformada, en todo caso, polos responsables da ONGD en Galicia.

Así mesmo, a ONGD queda obrigada a dispoñer na súa sede das facturas e comprobantes correspondentes á subvención concedida, por se a Administración autonómica necesitase verificalas. No caso de existir dificultades xustificadas para o cumprimento deste trámite, os comprobantes orixinais poderían quedar na sede da contraparte local, conservándose na sede da ONGD galega copias acreditativas destes, entendendo así as copias dos xustificantes onde figuren os datos identificativos do emisor, do destinatario, data de emisión, concepto concreto do gasto e importe en moeda local -consignando a súa equivalencia en pesetas-, autenticadas pola contraparte local.

Artigo 15º.-Supervisión e control dos proxectos subvencionados.

A realización e xestión dunha actuación subvencionada, así como o sistema de funcionamento da ONGD, poderán ser examinados en calquera momento por responsables designados pola Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias ou polos órganos de control económico específicos da Administración autonómica galega, tanto en canto á sede da ONGD en Galicia, como en canto á sede do socio local e dos beneficiarios das actuacións.

A ONGD queda obrigada a levar ó día a contabilidade xeral e, dentro desta, a contabilidade específica de cada proxecto cofinanciado, conforme a correspondente lexislación en vigor.

Artigo 16º.-Reintegro de axudas.

As organizacións non gobernamentais de desenvolvemento beneficiarias de axudas comprométense ó reintegro das cantidades recibidas, cos correspondentes xuros de demora, nos seguintes casos:

a) Por obte-la subvención sen reuni-las condicións requiridas.

b) Por incumprimento da obriga de xustificar.

c) Por incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Por modificación substancial dos proxectos subvencionados sen autorización expresa da Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias.

e) Por non ter realizados os gastos cubertos pola subvención, por calquera causa.

Nos casos en que o reintegro da axuda estea motivado por causas xustificadas de forza maior como desastres naturais, conflictos armados, etc..., que impidan a execución do proxecto, non se derivarán efectos negativos para as posteriores solicitudes de axuda que presente a ONGD responsable do proxecto cancelado.

Programa 2. Axudas para actividades formativas e de sensibilización para a cooperación ó desenvolvemento.

(Procedemento SGPA 804-A).

Artigo 17º.-Obxecto das axudas.

No marco das relacións entre a Xunta de Galicia e as ONGD existe a vontade de ámbalas dúas partes en comprometerse coa solidariedade e a cooperación para o desenvolvemento dos países empobrecidos. Desta vontade xorde a necesidade de implicarnos na concienciación da nosa sociedade, nun proceso que pasa pola realización de actividades de carácter educativo, de reflexión e debate, de capacitación e participación de todos nos ámbitos relacionados coa cooperación ó desenvolvemento.

Para facer fronte a este tipo de programas de interese xeral e que poidan interesar ás ONGD convócanse axudas para colaborar economicamente na execución de programas formativos e actividades de sensibilización e educación para o desenvolvemento. As axudas que soliciten as ONGD inscritas en Galicia para realiza-las citadas actividades deberán axustarse ós fins e obxectivos previstos nos seguintes artigos.

Artigo 18º.-Obxectivos e fins concretos das actuacións.

Poderá solicitarse a axuda prevista no artigo anterior para a realización de actividades formativas de educación para o desenvolvemento dirixidas ós colectivos sociais directamente relacionados ou interesados no proceso de cooperación para o desenvolvemento, e tamén para a realización de actividades de sensibilización destinadas á poboación en xeral, que incidan na toma de conciencia da sociedade galega sobre a situación dos países máis desfavorecidos fomentando unha actitude activa de solidariedade entre os pobos, sempre dentro do ámbito propio de actuación das ONGD.

Artigo 19º.-Características e requisitos das actuacións para a obtención de axuda.

1. As actividades formativas para as que se soliciten as axudas previstas neste programa deben cumpri-los seguintes requisitos:

a) Que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que a súa dirección, coordinación e control sexan exercidos directamente pola entidade solicitante.

c) Que a oferta de formación se dirixa a colectivos interesados na solidariedade e, en especial, que pretendan a mellora da capacidade técnica de voluntarios interesados na execución das actividades e proxectos de cooperación propios da actuación das ONGD.

2. As campañas de educación e sensibilización da opinión pública realizadas a través dos medios de difusión e as campañas de educación e sensibilización ó desenvolvemento orientadas ós escolares poderán consistir, entre outras actividades de natureza análoga, na realización de cursos, conferencias, seminarios, campañas informativas e de divulgación, exposicións, etc.

Quedarán excluídas de toda axuda as actuacións formativas dirixidas exclusivamente a membros da propia organización.

Artigo 20º.-Criterios para a concesión das axudas.

1. A concesión de subvencións a proxectos formativos realizarase en función da concorrencia dos seguintes criterios selectivos:

a) Carácter técnico da formación e do equipo formador.

b) Ámbito interdisciplinar dos coñecementos que se impartirán.

c) Contido teórico e práctico da formación.

d) Pagamento de matrícula ou dereitos de formación para achegar polos participantes e previsión, se é o caso, de bolsas de participación por parte da organización.

2. Para todo tipo de actuacións valorarase o número de persoas ás que se dirixe a actividade e a incidencia prevista da acción para a promoción xeral da solidariedade e cooperación ó desenvolvemento e a experiencia e solvencia dos actores do proxecto.

Terán carácter preferente para acceder ás subvencións previstas neste programa aqueles proxectos presentados por dúas ou máis ONGD sendo, neste caso, necesaria a presentación polo solicitante do acordo de colaboración, asinado polos responsables das ONGD, cos detalles do compromiso solidario para a posta en marcha e execución do proxecto.

Artigo 21º.-Cobertura das axudas.

O importe da axuda que puidese outorgarse para cada programa formativo ou de sensibilización non excederá do 90% do orzamento de gastos necesarios para a súa realización, que poderá incluí-los seguintes:

a) Gastos de locais para imparti-la formación, incluídos os de subministración de auga, gas e electricidade, e os de limpeza.

b) Axudas de custo e gastos de viaxe do profesorado e, cando resulte imprescindible, as remuneracións a conferenciantes, monitores ou profesores percibidas exclusivamente por razón da súa intervención técnica na actividade cofinanciada.

c) Gastos de publicidade da convocatoria da actividade.

d) Gastos de material de oficina xerados pola convocatoria e desenvolvemento da actividade.

e) Outros gastos propios da actividade formativa ou de sensibilización, tales como edición de materiais gráficos, audiovisuais, etc.

Quedan excluídos de toda axuda os gastos xerados pola organización, dirección, control e supervisión da actividade formativa, así como calquera outro análogo que puidesen derivarse dela, que serán soportados pola ONGD solicitante.

Artigo 22º.-Documentación.

As axudas reguladas neste programa solicitaranse por escrito en modelo oficial recollido no anexo II desta orde.

Toda solicitude deberá ir necesariamente xunto co proxecto formativo ou de sensibilización que, polo menos, deberá estar composto polos seguintes documentos:

Documento 1. Programa da actividade, que incluirá:

1.1. Relación de profesionais encargados de imparti-la disciplina ou as disciplinas que configuren o proxecto de formación así como titulación destes.

1.2. Número de perceptores ou destinatarios da formación.

1.3. Importe da matrícula ou dos dereitos de formación que se satisfarán, se os tivese, e previsión de bolsas de participación.

1.4. Data prevista para a iniciación da actividade programada.

1.5. Calendario fixado para imparti-lo programa, con indicación do número de días lectivos, horario diario de formación, total de duración horaria da actividade formativa con desagregación do dedicado ás distintas disciplinas ou técnicas que se impartirán, distribución horaria do profesorado e das clases teóricas e prácticas.

Cando se trate dunha actividade de sensibilización, o documento 1 será unha memoria descritiva da actividade na que se detallen os obxectivos, actividades que se desenvolverán, calendario de actuacións e colectivos sobre os que se pensa incidir, expresando, así mesmo, calquera información complementaria que se considere de interese para facilitar unha mellor comprensión e avaliación do programa.

Documento 2. Orzamento de gastos desagregado por partidas en función da natureza dos gastos que se realizarán para a execución da actividade.

Documento 3. Memoria de actividades desenvolvidas pola ONGD solicitante na Comunidade Autónoma de Galicia, que será obxecto de especial valoración. Nela deberá constar:

3.1. O último balance de operacións, as distintas fontes de financiamento e o número de socios da ONGD na actualidade.

Documento 4. Documentación acreditativa, en orixinal ou fotocopia compulsada, de encontrarse ó corrente no cumprimento das obrigacións tributarias e da Seguridade Social impostas pola normativa vixente.

Documento 5. Os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

6. Outros documentos que se presentarán, se é o caso:

-Solicitude de transferencia, na que se achegue certificación de datos para realiza-la emitida pola entidade bancaria correspondente, se é a primeira

vez que se solicitan estas axudas á Xunta de Galicia ou se os datos bancarios consignados anteriormente para outras subvencións se modificasen.

Artigo 23º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. Lugar de presentación.

As solicitudes serán dirixidas á Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias da Consellería da Presidencia e Administración Pública (Pazo de Raxoi, Praza do Obradoiro, s/n, 15705 Santiago de Compostela, A Coruña) e poderán presentarse directamente en calquera dos rexistros de entrada da citada consellería. Tamén se poderán presentar nos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes termina o 31 de xaneiro de 2001.

Artigo 24º.-Resolución de concesión de axudas.

A resolución da convocatoria de axudas, logo dos trámites de informe segundo o previsto no artigo 10º, e de fiscalización previa do gasto, corresponde á Comisión de Avaliación de Actividades para o Desenvolvemento prevista no artigo 11º, parágrafo primeiro, desta orde.

Artigo 25º.-Compromiso de cofinanciamento da actividade.

No caso de que a subvención concedida non acadase a cubri-la porcentaxe máxima do 90% do gasto segundo o establecido no artigo 21º desta orde, a ONGD beneficiaria formalizaría, unha vez recibida a notificación de subvención, declaración complementaria asumindo a diferencia de custo final entre o orzamento da actividade e a axuda concedida finalmente.

Artigo 26º.-Información sobre a execución do programa.

As ONGD beneficiarias de axudas reguladas neste programa deberán, se é o caso, poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias, antes do inicio da actividade:

a) Calquera modificación do proxecto, para a súa autorización, se procede.

b) Calquera incidencia que implique alteración do calendario establecido.

En todo momento, a Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias poderá supervisa-lo desenvolvemento da actividade subvencionada e os órganos específicos da Administración autonómica poderán efectuar inspeccións de carácter económico.

Se por calquera motivo a actividade programada non se puidese realizar, deberase comunicar por escrito á Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias, que poderá dispoñer do crédito para subvencionar proxectos inicialmente desestimados ou aumenta-la axuda doutros subvencionados parcialmente.

Artigo 27º.-Xustificación das subvencións.

Levada a cabo a actividade formativa, dentro dos 30 días seguintes ó da súa finalización e, en todo caso, antes do día 30 de novembro do ano 2001, a ONGD beneficiaria da axuda remitirá á Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias a seguinte documentación xustificativa:

1. Informe final da actividade, onde figure:

a) Descrición do desenvolvemento da actividade e valoración dos resultados formativos ou de sensibilización alcanzados, así como detalle de incidencias significativas, se as houbese.

b.1. Nas actividades formativas: relación final do profesorado e cadro ou expresión numérica de participantes detallando, se fose posible, as profesións, titulacións ou oficios a que pertenzan os destinatarios da formación.

b.2. Nas accións de sensibilización: axentes e colectivos ou número de beneficiarios finais das actuacións.

2. Relación detallada de gastos efectuados para a execución da actividade, conforme o orzamento presentado, xunto con copia das facturas orixinais, que serán compulsadas e conformadas pola Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias.

Unha vez recibida a xustificación das actividades, realizada de acordo co disposto neste artigo, e logo do correspondente trámite de fiscalización, procederase ó libramento do importe da subvención concedida.

Artigo 28º.-Reintegro de axudas.

As ONGD beneficiarias están obrigadas á devolución das axudas concedidas, co incremento dos correspondentes xuros de demora, nos seguintes casos:

a) Incumprimento do deber de xustificación da axuda segundo o disposto no artigo anterior.

b) Modificación substancial do proxecto formativo sen a correspondente autorización expresa da Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias.

Disposicións adicionais

Primeira.-No non previsto nesta orde, observarase o disposto pola Lei de orzamentos xerais da nosa Comunidade Autónoma para o ano 2001, así como o preceptuado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Os peticionarios destas axudas quedan sometidos ós requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, así como ás actuacións

de comprobación que respecto da xestión de fondos poida efectua-la entidade concedente e ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ós procedementos fiscalizadores do Tribunal de Contas e do Consello de Contas de Galicia.

Así mesmo, no momento da xustificación total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera do seus organismos, entes ou sociedades.

As entidades beneficiarias das axudas recollidas nesta orde quedarán obrigadas á difusión do cofinaciamento por parte da Xunta de Galicia nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actividade subvencionada.

Segunda.-Facúltase a Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias, sempre que a natureza e tramitación orzamentaria o permitan, para amplia-los prazos sinalados nesta orde mediante resolución.

Se no prazo de seis meses desde a iniciación do procedemento non recaese resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Terceira.-De conformidade coa orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, non se lles comunicará resolución de concesión ós beneficiarios destas axudas ata que resulten aprobados os créditos do programa 121-A (Dirección e Servicios Xerais da Administración Xeral) que amparen o gasto correspondente. No proxecto da Lei de orzamentos xerais da nosa Comunidade Autónoma para 2001 figura un crédito de 135.000.000 de pesetas na partida orzamentaria 04.13.121.A.490.0 (Transferencias correntes ó exterior. A familias e institucións sen fin de lucro); reservarase inicialmente unha cantidade de 50.000.000 de pesetas para facer fronte ás actuacións derivadas desta orde, cantidade que poderá incrementarse respectando, en todo caso, o límite do crédito finalmente aprobado na aplicación correspondente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Relacións Parlamentarias para emiti-las resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública