Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 26 de decembro de 2000 Páx. 16.852

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

CÉDULA do 18 de setembro de 2000, da Delegación Provincial de Lugo, de notificación de inicio de expediente sancionador 41/2000, a Carril Flores, S.L.

A Delegación Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Lugo tramitou expediente sancionador 41/2000, seguido en virtude de denuncia formulada por Rosa Marey Flores, como presidenta da comunidade de propietarios do edificio nº 34-36 da rúa Carril das Flores de Lugo, contra a promotora inmobiliaria Carril Flores, S.L., finalizando este trámite con acordo de inicio de expediente sancionador por non realiza-las obras necesarias para emenda-las deficiencias denunciadas.

O citado acordo é do seguinte teor:

Acordo de inicio de expediente sancionador 41/2000.

Vista a denuncia presentada por Rosa Marey Flores, na súa calidade de presidenta da comunidade de propietarios do edificio nº 34-36 da rúa Carril das Flores de Lugo, e logo das actuacións previas practicadas, de acordo cos seguintes feitos:

Primeiro.-Con data do 23 de novembro de 1999, por Rosa Marey Flores formula denuncia perante esta delegación do Instituto Galego da Vivenda e Solo, sobre vicios e defectos de construcción no inmoble citado.

Segundo.-Consecuentemente coa denuncia formulada, abríronse dilixencias previas baixo o nº 299/1999, que finalizaron con requirimento á promotora inmobiliaria Carril Flores, S.L., para que efectuase as reparacións que se sinalaban, concedéndoselle un prazo de 10 días para remisión do proxecto e de 30 días para a súa execución.

Terceiro.-Non existe constancia nesta delegación provincial do IGVS de que a promotora denunciada atendera o requirimento efectuado de reparación das deficiencias observadas no edificio en cuestión.

Fundamento de dereito.

1. É competente para a resolución deste expediente o delegado provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Lugo, de acordo co disposto no Decreto 134/1997, do 22 de maio.

2. Ó amparo do disposto no artigo 3.2º do Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, os interesados teñen dereito a formular alegacións e a achegar tódolos documentos que consideren convenientes en calquera momento do procedemento con anterioridade ó trámite de audiencia.

Poderán, así mesmo, recoñecer voluntariamente a súa responsabilidade conforme o establecido no artigo 8 do citado regulamento.

3. En particular, e segundo o artigo 16.1º do Regulamento do procedemento, os interesados dispoñen dun prazo de 15 días, contados desde a notificación deste acordo, para achega-los documentos ou informacións que coiden convenientes e propoñer probas, concretando os medios dos que pretendan valerse.

4. Os feitos indicados poden ser constitutivos de infracción administrativa tipificada no punto e, 6 da Lei 13/1996, do 30 de decembro, sobre infraccións en materia de vivenda, da que aparece como presunta responsable a promotora inmobiliaria Carril Flores, S.L., podendo corresponder unha sanción de 500.001 pesetas e inhabilitación para participar en promocións de vivendas de protección oficial durante o prazo máximo de 6 anos, sen prexuízo do que resulta da tramitación deste procedemento.

5. De acordo co artigo 153 da Lei 30/1992 do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o presunto responsable ten dereito a coñecer, entre outros extremos, o instructor do procedemento sancionador, dereito que o artigo 13.1º do Regulamento do procedemento estende ó coñecemento do secretario, sendo o seu réxime de recusación o recollido nos artigos 28 e 29 da dita lei.

Vistos os preceptos sinalados e os demais de aplicación xeral, esta delegación

ACORDA:

1. Incoa-lo procedemento administrativo sancionador contra a promotora Carril Flores, S.L., como presunta responsable dos feitos sinalados.

2. Nomear instructor do expediente a Francisco Centeno Márquez, xefe da Sección de Inspección e Sancións do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e como secretario a Ángel Negrete Rico, inspector da Sección de Inspección e Sancións do Instituto Galego da Vivenda e Solo de Lugo.

3. Conceder un prazo de quince días para que os interesados acheguen cantas alegacións, documentos e informacións consideren convenientes, e, de se-lo caso, propoñer proba concretando os medios dos que pretendan valerse.

Comuníquese este acordo ó órgano instructor con traslado de tódalas actuacións practicadas, e notifíqueselles ós interesados, entendendo, en todo caso, como tal o inculpado, con mención expresa dos requisitos esixidos polo artigo 58.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Lugo, 18 de setembro de 2000.

Antonio Boné Piña

Delegado provincial de Lugo