Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 22 de decembro de 2000 Páx. 16.783

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 5 de decembro de 2000 pola que se declara de interese galego a Fundación Instituto Ferial de A Coruña (Ifeco) e se ordena a súa inscrición na sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Industria e Comercio.

Con data do 23 de novembro de 2000 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9 de novembro de 2000, pola que se clasifica como de interese industrial a Fundación Instituto Ferial de A Coruña (Ifeco), adscribíndose á Consellería de Industria e Comercio, que exercerá o protectorado plenamente sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 4 dos seus estatutos, ten por obxecto a promoción de actividades comerciais, industriais, agroindustriais, sociais, educacionais e calquera outra que teña por obxecto a promoción e desenvolvemento destes sectores en Galicia, o nivel profesional de tódolos sectores da actividade económica, contribuíndo con isto á elevación do nivel de vida do medio urbano e rural.

Por todo isto, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o réxime de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación Instituto Ferial de A Coruña (Ifeco) ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación Instituto Ferial de A Coruña (Ifeco) na sección do Rexistro de Fundacións da Consellería de Industria e Comercio para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, do réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor no mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio