Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 15 de decembro de 2000 Páx. 16.531

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 14 de decembro de 2000 de protección das razas bovinas autóctonas en perigo de extinción.

As razas vacúas autóctonas de Galicia constitúen un valioso caudal xenético que debemos conservar

xa que actualmente están en perigo de extinción. Estas razas coñécense no seu conxunto como a agrupación das morenas galegas. Compoñen este grupo as seguintes razas: cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa.

O hábitat natural destas razas son as áreas montañosas de Galicia, moi despoboadas e deprimidas, onde as explotacións agrogandeiras de carácter familiar, con reducido número de animais, conservan cada vez menos exemplares destas razas, xa sexa por nostalxia, afecto, tradición, pola súa adaptación a condicións ambientais extremas, ou tamén pola súa aptitude dinamóxena que resulta indispensable nun medio agroxénico tan complexo.

Organizacións internacionais como FAO/UNEP e a ONU, así como a UE, nos seus programas operativos e de cooperación internacional, instan os gobernos a promoveren a protección, avaliación e conservación das razas de animais domésticos en perigo de extinción por se tratar de recursos zooxenéticos de inestimable valor.

A nova PAC prevé as medidas de desenvolvemento dunha agricultura menos intensiva, o emprego de prácticas de producción que diminúan os efectos contaminantes, a conservación de terras agrícolas abandonadas e a xestión con vistas ó acceso do público e ó esparexemento como instrumentos da política ambiental.

Dentro dos plans de mellora gandeira de Galicia establécense as liñas xerais para preservar, conservar e fomenta-los recursos xenéticos autóctonos galegos, entre eles as razas bovinas do grupo das morenas galegas, sendo preciso incentiva-los gandeiros posuidores deste gando para que colaboren nos respectivos programas de conservación.

No mesmo sentido de apoio, no Regulamento (CE) 1750/1999, polo que se establecen disposicións de aplicación do Reglamento (CE) 1257/1999, dispóñense una serie de axudas horizontais para a cría de animais de razas locais autóctonas da zona e en perigo de extinción.

Por todo isto, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O obxectivo desta orde é regula-lo desenvolvemento do programa de conservación e recuperación para as cinco razas de gando vacún autóctono galego en perigo de extinción (cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa), xa iniciado en anos anteriores, rexistrando en tódalas explotacións con exemplares destas razas, e sempre e cando os seus propietarios o soliciten, os animais puros destas razas nados e recriados segundo as instruccións técnicas do Plan Integral de Mellora Xenética da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de cara

a consegui-lo fomento, a recuperación e a fixación destas razas.

O funcionamento técnico-administrativo dos ditos rexistros estará ó cargo da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, a través do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia no Pazo de Fontefiz (Ourense).

Artigo 2º

Consideraranse propietarios colaboradores aqueles que teñan animais nalgún dos rexistros das razas anteriormente sinaladas e que se comprometa a colaborar coa Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria durante os próximos cinco anos, reproducindo os seus actuais exemplares e poñendo as crías ó dispor da consellería que, despois da compensación económica correspondente, poderá dispoñer delas para a conservación destas razas.

Artigo 3º

Concederáselle-lo título de familia colaboradora a aquelas que teñan animais bovinos autóctonos das razas anteriormente sinaladas en calidade de cedidas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Artigo 4º

A familia colaboradora deste programa comprométese a cumprir, ademais das estipulacións específicas do convenio de cesión do gando, aquelas establecidas na presente orde para o propietario rexistrado-colaborador (artigo 5; artigo 6; artigo 7).

Artigo 5º

O propietario colaborador deste programa comprométese a non vende-los animais sen o coñecemento da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, á cal se lle debe reserva-lo primeiro dereito de merca, debendo comunicarlle a esta a intención de venda cunha antelación mínima de 15 días, así como a cubrilos ou inseminalos co semental ou doses seminais indicadas polos técnicos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. Así mesmo, comunicarán os partos, mortes, abortos e outras incidencias ós técnicos veterinarios do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia no Pazo de Fontefiz (Ourense), encargados da realización práctica do programa.

Artigo 6º

Co obxecto de compensa-los gandeiros con animais destas razas establécense as seguintes axudas:

1. Por propietario rexistrado-colaborador ou familia colaboradora: 10.000 pesetas por ano.

2. Por cada animal nado, macho ou femia, de raza pura obtido segundo o programa, cando cumpra un mes de idade: 25.000 pesetas.

3. Axuda á recría: por cada femia obtida, cando cumpra un ano de idade: 50.000 pesetas comprometéndose a mante-la femia, como mínimo, ata os 24 meses de idade.

As cubricións, inseminacións, altas, baixas e demais incidencias do gando que figuren no programa terán que ser verificadas no impreso correspondente polos veterinarios colaboradores da consellería.

Artigo 7º

As solicitudes presentaranse nas respectivas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, ou na forma prevista no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais a partir da data de publicación desta orde.

Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nesta orde, o interesado será requirido para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixese, considerarase que desistiu da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

O organo competente para resolver é o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, por proposta do director xeral de Producción Agropecuaria.

O prazo para resolver será de tres meses contados a partir do día seguinte ó da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

A dita resolución porá fin á vía administrativa, podendo interpoñer contra ela potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses desde o día seguinte ó da data da súa notificación.

Artigo 8º

A documentación que terá que presentarse no momento de face-la solicitude é a seguinte:

a) Impreso de solicitude (anexo I).

b) Fotocopia do DNI/NIF.

c) Certificado da entidade financeira, coa especificación do código conta cliente, aberta a nome do solicitante, para o ingreso da axuda, no suposto de que non sexa a mesma que xa conta no expediente.

d) Fotocopia compulsada da folla de saneamento en vigor.

e) Acreditación de non ter pendentes pagamentos coa Administración tributaria ou da Seguridade Social nin coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes.

g) Certificación emitida polos veterinarios responsables do programa do grao de cumprimento técnico do programa.

h) Certificados de nacemento dos animais correspondentes, e fotocopia das fichas de rexistro dos animais adultos que se deran de alta na explotación desde a última campaña. No caso de ser unha explotación que solicite por primeira vez deberá presenta-la fotocopia das fichas de rexistro de tódolos animais adultos da explotación.

Artigo 9º

O beneficiario destas axudas terá obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Todo beneficiario estará obrigado así mesmo ó reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10º

A axuda que establece a presente orde financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.712-A.773.0 dotada para esta actuación con 20.366.667 pesetas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para establece-la normativa adicional necesaria para o adecuado cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria