Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Martes, 12 de decembro de 2000 Páx. 16.306

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 289/2000, do 16 de novembro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia.

Por Real decreto 1913/1983, do 25 de maio, constituíuse o Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia, por segregación do colexio nacional.

O devandito colexio, reunido en Xunta Xeral extraordinaria, celebrada o día 11 de febreiro de 2000, procedeu á aprobación dos seus estatutos, solicitando da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal informou favorablemente sobre a súa adecuación á legalidade.

Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado na materia de colexios oficiais e profesionais, no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado, e no Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos; por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezaseis de novembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia.

Disposición adicional

Dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia dos indicados estatutos, que figuran como anexo ó presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de novembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

TÍTULO I

Da profesión dos licenciados en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte e os seus organismos rectores

Artigo 1º

1. A profesión do licenciado en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte é unha profesión que lle presta un servicio á sociedade en interese público e que pode exercerse de forma independente en réxime de libre e leal competencia ou de forma dependente, por medio de técnicas e métodos cientificamente dirixidos á formación integral do individuo a través do movemento e da exercitación física, ó mantemento da capacidade funcional e motora do corpo e á organización e desenvolvemento das actividades físicas, deportivas e recreativas, así como á dirección técnica dos medios e instalacións destinados ós devanditos fins.

2. O exercicio libre da profesión do licenciado en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte, no que se refire á oferta de servicios e fixación da súa remuneración, estará suxeito á Lei sobre defensa da competencia e á Lei sobre competencia desleal, así como á lexislación xeral e específica sobre ordenación substantiva desta.

3. Así mesmo, no exercicio profesional, o licenciado en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte queda sometido á normativa legal e estatutaria, ó fiel cumprimento das normas e usos da deontoloxía profesional e ó conseguinte réxime disciplinario colexial.

Artigo 2º

1. Os organismos rectores da profesión dos licenciados en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte, na demarcación territorial de Galicia, son o Ilustre Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, recoñecido nestes estatutos e regulado por eles, e o Consello Xeral dos Ilustres Colexios de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de España, no que se integra.

2. O Ilustre Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia, constituído por segregación do Colexio Oficial Central de Profesores e Licenciados en Educación Física de España, consonte o Real decreto 1913/1983, do 25 de maio, do Ministerio de Cultura, é unha corporación de dereito público, amparada pola lei e recoñecida polo Estado e pola Comunidade Autónoma de Galicia con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

3. Tódolos organismos colexiais se someterán na súa actuación e funcionamento ós principios democráticos e ó réxime de control orzamentario anual, coas competencias atribuídas nas disposicións legais e estatutarias.

4. Terá a súa sede e domicilio social na cidade de Santiago de Compostela (capital administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia) ou nunha das catro capitais de provincia que compoñen a Comunidade Autónoma de Galicia, segundo acordo da Xunta Xeral por proposta da Xunta de Goberno.

Na data de aprobación destes estatutos, localízase a sede na cidade de Pontevedra, co local social na rúa de Santa Teresa de Xesús Jornet, 14-2º A (Edificio México).

TÍTULO II

Da colexiación para o exercicio profesional dos licenciados en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte na Comunidade Autónoma de Galicia

Capítulo I

Do Ilustre Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia

Artigo 3º

1. Son fins esenciais do Ilustre Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia (no sucesivo COLEF e CAFD ou, simplemente, Colexio), no seu respectivo ámbito, a ordenación do exercicio da profesión dos devanditos licenciados; a representación exclusiva dela; a defensa dos dereitos e intereses profesionais dos seus colexiados; a formación profesional permanente destes; o control deontolóxico; a aplicación do réxime disciplinario en garantía da sociedade e mailo cumprimento da función social de promoción, ensino e desenvolvemento da educación e cultura física na súa máis ampla concepción. Todo iso sen prexuízo da competencia das administracións públicas por razón da relación funcionarial.

2. O COLEF e CAFD rexerase polas disposicións legais estatais ou autonómicas que o afecten; por estes estatutos; polo do Consello Xeral de Ilustres Colexios Oficiais de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e polos regulamentos e acordos aprobados polos dife

rentes órganos corporativos no ámbito das súas respectivas competencias.

Artigo 4º

Son funcións do COLEF e CAFD, no seu ámbito territorial:

1. As que lle veñen atribuídas polo artigo 5º da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais do Estado español.

2. Elabora-los estatutos particulares do COLEF e CAFD.

3. Colaborar coa Administración mediante a realización de estudios, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins, que poidan serlles solicitadas ou acorden formular por propia iniciativa, así como exercer cantas funcións lles sexan encomendadas.

4. Establece-las normas deontolóxicas da profesión, exercendo a representación e defensas da profesión que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins.

5. Ordenar e coordinar no ámbito da súa competencia a actividade profesional dos colexiados, velando pola ética e a dignidade profesional e polo respecto debido ós dereitos dos particulares e exerce-la facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

6. Exercer, no seu ámbito, a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios e causas afecten os intereses profesionais e fins da educación e cultura física, así como exerce-lo dereito de petición conforme a lei.

7. Será preceptivo o visado do Colexio nos proxectos, plans ou programas de actividades fíusico-deportivas, tanto docentes, como de preparación física, extraescolares e recreativas de tempo libre. As entidades públicas e privadas poderán rexeitar eses proxectos, plans ou programas, cando carezan do respectivo visado.

8. Participar, en materias da profesión, nos consellos e órganos consultivos da Administración.

9. Participar na elaboración dos plans de estudios, informar sobre as normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión, manter permanente contacto con eles e con outros medios para facilita-lo acceso á vida profesional dos novos titulados.

10. Estimular e colaborar nos plans que promovan as entidades públicas ou privadas, locais, provinciais, autonómicas, nacionais ou estranxeiras que conduzan ó maior desenvolvemento da ciencia, arte e técnica da educación física. Para este efecto, establecerá e manterá relacións con estas entidades que teñan como fins a promoción da educación física.

11. Procura-la harmonía e colaboración entre os colexiados, impedindo a competencia desleal entre eles.

12. Adopta-las medidas oportunas para evitar e persegui-la intrusión profesional.

13. Organizar congresos e asembleas sobre educación e cultura física.

14. Facilitarlles ós tribunais, conforme as leis, a relación de colexiados que puideran ser requiridos para intervir como peritos nos asuntos xudiciais ou designalos por si mesmos, segundo proceda.

15. Promover e organizar actividades e servicios comúns de interese xeral para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e de previsión, así como outros análogos, provendo ó sostemento económico mediante os medios necesarios.

16. Intervir en vía de conciliación ou arbitraxe naquelas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre colexiados.

17. Dictar laudos, en resolución dos conflictos e discrepancias que puideran xurdir coa actuación profesional dos colexiados e, sobre os seus honorarios, logo de sometemento das partes interesadas.

18. Establecer baremos de honorarios da profesión, con carácter orientativo, correspondentes ó exercicio libre desta, informar nos procedementos en que se discutan tarifas ou honorarios e, en xeral, representar e defende-los intereses da profesión ante a Administración, institucións, entidades e particulares, consonte as disposicións vixentes en cada caso.

19. Emitir informes e dictames sobre honorarios profesionais, nos procedementos xudiciais ou administrativos.

20. Visa-los traballos profesionais dos colexiados.

21. Organizar cursos, conferencias e demais actividades para a actualización e o perfeccionamento dos posgraduados.

22. Cumprir e facerlles cumprir ós colexiados as leis xerais, especiais, este estatuto particular, así como as normas deontolóxicas do réxime interior e as decisións adoptadas polos órganos colexiados e polo Consello Xeral en materia da súa competencia.

23. Visa-la realización de proxectos, apertura de instalacións, plans ou programas de actividades, instalacións e material físico deportivo, tanto docentes como recreativos ou de tempo libre, sexan de carácter privado ou público.

24. Emitir certificados de aptitude físico-deportiva.

25. Aproba-lo Regulamento de réxime interior do propio Colexio.

26. Aproba-los seus orzamentos e regula-las achegas dos seus colexiados.

27. Cantas cuestións redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados e aquelas que acorde a Xunta Xeral, mentres non sexan contrarias ás leis.

28. Establecer relacións de colaboración en materia de formación, investigación e defensa dos intereses profesionais con entidades públicas ou privadas, colectivos e, en especial, cos centros de formación dos licenciados en educación física ou en ciencias da actividade física e o deporte e o seu alumnado.

Artigo 5º

O COLEF e CAFD poderá establecer delegacións naquelas demarcacións en que resulte conveniente para o mellor cumprimento dos fins e maior eficacia das funcións colexiais. As delegacións exercerán a representación colexial delegada no ámbito da súa demarcación, coas facultades e competencias que determine a Xunta de Goberno do Ilustre Colexio ó crealas ou en acordos posteriores.

Artigo 6º

1. De conformidade coa normativa aplicable, o COLEF e CAFD elaborará os seus estatutos particulares para regula-lo seu funcionamento, que deberán ser aprobados en Xunta Xeral extraordinaria deste e polo Consello Xeral, sen prexuízo dos demais trámites administrativos que procedan.

2. Para a modificación destes estatutos observaranse os mesmos requisitos que para a súa aprobación.

Capítulo II

Do exercicio profesional

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 7º

As competencias que no exercicio da profesión corresponden ós licenciados en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte son aquelas que veñan determinadas pola lei.

Sen embargo, en virtude da potestade normativa para a ordenación do exercicio da profesión e co carácter de norma regulamentaria material integrada nas leis de colexios profesionais do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, sobre aqueles aspectos necesitados de regulación para asegura-la orde profesional que o Colexio ten encomendada e que non foron obxecto de regulación mediante normas dictadas polos órganos do poder público con superior competencia, considéranse funcións propias dos licenciados en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte da Comunidade Autónoma de Galicia as que emanan dos estudios que determina o outorgamento de título habilitante e que, a título enunciativo e non limitativo, se poden resumir nas seguintes:

1. A programación e dirección dos centros e actividades dirixidas á formación, recuperación, man

temento, perfeccionamento ou recreación mediante xogos, deportes ou exercicios físicos de toda índole.

2. O ensino da educación física nos diferentes niveis educativos establecidos pola lexislación vixente.

3. A dirección e asesoramento técnico de instalacións e actividades físico-deportivas dependentes de entidades privadas.

4. A dirección, programación, coordinación e desenvolvemento de programas deportivos e plans de saúde pública, de reeducación ou rehabilitación ou de recreación e lecer que se realicen a través da actividade física e por organismos, centros ou entidades de titularidade pública ou privada.

5. As actividades físicas e de animación deportiva especiais para diminuídos e para a terceira idade.

6. A ergonomía xeral e as actividades físicas compensatorias ou correctivas.

7. A preparación física xeral de individuos e equipos deportivos.

8. Os informes profesionais e visados dos plans ou programas de actividades físico-deportivas, tanto docentes como recreativas de tempo libre.

9. A participación e certificación en tódolos concursos e /ou oposicións onde existan probas de aptitude física.

10. Cantas outras lles sexan conferidas pola lexislación vixente.

Todo iso sen prexuízo da existencia de competencias concorrentes nas diversas regulamentacións e do dereito á igualdade entre profesionais que reúnen a capacidade técnica necesaria para o desempeño das respectivas funcións.

O COLEF e CAFD exercerán as accións que foren procedentes por presuntos delictos ou faltas de intrusión, sen prexuízo de propicia-la adopción de calquera outra medida legal, gobernativa ou corporativa que tenda a combate-la intrusión profesional, que será reprimida en tódalas súas formas, xa se faga directamente ou por intermedio dun licenciado en educación física ou en ciencias da actividade física e do deporte, ben proceda dunha persoa natural ou ben dunha xurídica.

Artigo 8º

Non poderá limitarse o número dos compoñentes do COLEF e CAFD, nin cerrarse temporal ou definitivamente a admisión de novos aspirantes.

Artigo 9º

A intervención profesional dos licenciados en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte doutros países membros da C.E. acomodarase ás normas vixentes para o ámbito comunitario.

Sección segunda

Da colexiación

Artigo 10º

1. Agás nos supostos previstos pola lei ou por estes estatutos, é requisito indispensable para o exercicio da profesión do licenciado en educación física o en ciencias da actividade física e do deporte no ámbito da Comunidade de Galicia, atoparse incorporado como exercente ó Ilustre Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia.

Non obstante, poderán exerce-la profesión, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, os licenciados en educación física e en ciencias de actividade física e do deporte incorporados a colexios profesionais de distinto ámbito territorial por razón do seu domicilio único ou principal nos termos e coas excepcións establecidas na lexislación estatal básica; neste caso, estarán obrigados a comunicarlle ó COLEF e CAFD as actuacións que realicen na demarcación territorial deste para os efectos de quedaren suxeitos ás correspondentes competencias de ordenación, control deontolóxico e potestade disciplinaria.

2. Os colexiados poderán ser exercentes ou non exercentes, e deben figurar inscritos no rexistro que levará para tales efectos, no que se fará consta-la súa titulación académica e a súa condición de exercentes ou de non exercentes.

a) Serán colexiados exercentes cantos practiquen a profesión en calquera das súas diversas modalidades ou desempeñen funcións en relación coa súa titulación.

b) Serán colexiados non exercentes aqueles que desexen pertencer á organización colexial sen estaren obrigados a iso ou os que non exerzan a profesión libre.

3. Con carácter honorífico poderán pertencer ó COLEF e CAFD aquelas personalidades españolas ou estranxeiras de gran relevo no campo da educación física e das ciencias da actividade física e do deporte, ou en calquera outro vinculado a el, que a Xunta Xeral de colexiados acorde por proposta da Xunta de Goberno. Estes colexiados de honra disporán de voz, pero non de voto, nas xuntas xerais e en ningún caso poderán pertencer á Xunta de Goberno.

4. Os requisitos de ingreso para os colexiados exercentes e non exercentes serán idénticos.

Artigo 11º

Son requisitos necesarios que cómpre acreditar, como condicións xerais de aptitude para a incorporación ó COLEF e CAFD, os seguintes:

1. Ser de nacionalidade española, da dalgúns dos Estados membros da C.E. ou doutros Estados partes no acordo sobre o espacio económico europeo, salvo o disposto en tratados ou en convenios internacionais ou dispensa legal.

2. Ser maior de idade e non estar incurso en causa de incapacidade.

3. Estar en posesión do título de licenciado en educación física ou en ciencias da actividade física e do deporte ou dos títulos estranxeiros que, conforme as normas vixentes, sexan homologados a aqueles.

4. Non estar inhabilitado para o exercicio profesional.

5. Satisface-la cota de ingreso e as demais que teña establecidas o Ilustre Colexio.

6. Non estar incurso en causa de incompatibilidade ou prohibición.

Artigo 12º

Constitúen circunstancias de incapacidade para o exercicio profesional do licenciado en educación física ou en ciencias da actividade física e do deporte:

1. A inhabilitación ou suspensión expresa deste, en virtude de resolución xudicial ou corporativa firme.

2. As sancións disciplinarias firmes que leven consigo a expulsión do Ilustre Colexio de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte correspondente.

3. Todo impedimento físico ou mental que imposibilite a realización das funcións profesionais.

A incapacidade desaparecerá cando cese a causa que a motivase ou se extinguise a responsabilidade disciplinaria conforme o previsto nestes estatutos.

Sección terceira

Das incorporacións e baixas

Artigo 13º

O COLEF e CAFD non poderá denegárlle-lo ingreso na corporación ós que, reunindo as condicións de aptitude esixidas, non estean incursos nalgunha das causas de incapacidade enumeradas nestes estatutos ou na lei.

A incorporación ó COLEF e CAFD non será firme en tanto non se satisfixesen a cota de ingreso e as demais achegas que este teña establecidas.

Artigo 14º

A Xunta de Goberno do COLEF e CAFD resolverá sobre as solicitudes de incorporación a este.

A denegación de incorporación ó COLEF e CAFD require resolución fundamentada da Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno practicará cantas dilixencias e informacións considere oportunas, debéndose dicta-la resolución no prazo máximo de tres meses, desde o momento da solicitude, pasado o cal, sen dictarse aquela, se considerará admitida. Se a resolución fose denegando ou suspendendo a incorporación, notificaráselle ó interesado, que poderá inter

por, ante o Consello Xeral, o recurso de alzada que se regula nestes estatutos.

Artigo 15º

Os licenciados en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte que pertencesen ou pertenzan a outro ou a outros ilustres colexios de licenciados en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte e soliciten a súa incorporación ó COLEF e CAFD, deberán acompañar xunto á solicitude unha certificación acreditativa de que non figuran como dados de baixa por falta de pagamento neses colexios e de que non foron obxecto de corrección disciplinaria ou de inhabilitación para o exercicio profesional, expulsión doutro ilustre colexio ou, se for o caso, de que se atopan rehabilitados, que será expedida polo Consello Xeral.

Artigo 16º

1. A condición de colexiado perderase:

a) Por condena firme que leve consigo a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

b) Por expulsión do Ilustre Colexio, acordada en expediente disciplinario.

c) Por deixar de satisface-la cota ou cotas ordinarias correspondentes a un exercicio económico completo ou dúas extraordinarias, ou incumprir, de forma reiterada, as demais cargas colexiais establecidas nos estatutos ou nos regulamentos do Colexio.

d) Por baixa voluntaria.

2. A perda da condición de colexiado polas causas expresadas no número anterior deberá ser comunicada por escrito ó interesado, momento en que producirá efecto.

3. As baixas serán comunicadas ó Consello Xeral.

4. Nos casos da alínea 1 c) os colexiados poderán rehabilita-los seus dereitos pagando a débeda, os seus xuros ó tipo legal e a cantidade que correspondera como nova incorporación.

Sección cuarta

Das incompatibilidades e inxerencia profesional

Artigo 17º

O exercicio profesional do licenciado en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte é incompatible cos cargos e empregos públicos nas leis e nas normas reguladores dos cales se prevexa expresamente a incompatibilidade.

Artigo 18º

O licenciado en educación física ou en ciencias da actividade física e do deporte afectado por algunha das causas de incompatibilidade establecidas no artigo anterior deberá comunicarllo sen escusa á Xunta de Goberno do Ilustre Colexio, e cesará automaticamente no exercicio da profesión.

A Xunta de Goberno do Ilustre Colexio acordará o paso á situación de non exercente daqueles colexiados nos que concorra algunha das circunstancias

determinantes de incapacidade ou incompatibilidade para o exercicio profesional, mentres aquelas subsistan.

Artigo 19º

Prohíbeselles ós licenciados en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte actuar ou intervir nas funcións ou exercicio profesional atribuídos a outro licenciado.

TÍTULO III

Dos dereitos e deberes dos licenciados en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte colexiados

Artigo 20º

Son dereitos dos licenciados en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte colexiados:

1. Actuar profesionalmente en todo o territorio nacional, ben de modo particular ou ó servicio de entidades públicas ou privadas, cando reúnan a condición de exercentes.

2. Participar no uso e desfrute dos bens do seu colexio e dos servicios que este teña establecidos, así como dos que determine o Consello Xeral.

3. Participar na xestión corporativa e, polo tanto, exerce-los dereitos de petición, de voto e de acceso ós cargos directivos, na forma que establezan os estatutos.

O voto dos colexiados exercentes terá dobre valoración có dos colexiados non exercentes.

4. Realiza-lo exercicio profesional con toda liberdade e independencia, sen outras limitacións que as impostas pola lei e polas normas da ética e da deontoloxía profesional.

5. Solicitar e obte-la protección da súa lícita liberdade de actuación profesional, tanto do propio colexio, como do Consello Xeral.

6. Exhibi-la insignia colexial.

7. Cantos outros dereitos lle confiran as leis, os presentes estatutos e o estatuto xeral dos colexios de licenciados en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte.

Artigo 21º

Son deberes do licenciado en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte colexiado:

1. Cumpri-las normas legais e estatutarias e mailos acordos dos diferentes órganos corporativos.

2. Estar ó día no pagamento das cotas e demais cargas colexiais na forma e tempo que legal ou estatutariamente se fixe, calquera que sexa a súa natureza. Para estes efectos, considéranse cargas corporativas tódalas impostas polo COLEF e CAFD e polo Consello Xeral.

Regulamentariamente poderán sinalarse cotas diferenciadas para exercentes e non exercentes.

3. Denunciar perante o Colexio todo acto de intrusión que chegue ó seu coñecemento, así como os casos de exercicio ilegal, sexa por falta de colexiación ou de habilitación, sexa por suspensión ou inhabilitación do denunciado ou por estar este incurso en supostos de incompatibilidade ou de prohibición.

4. Desenvolve-la súa profesión co máximo celo e dilixencia, e observar puntualmente as obrigas que se deriven da relación contractual cos arrendatarios dos seus servicios podendo, para este efecto, auxiliarse de colaboradores e doutros compañeiros.

5. Gardárlle-la cortesía e o respecto debido ós demais compañeiros, e evitarase calquera alusión a eles que sexa obxecto de vexación ou de desprestixio.

TÍTULO IV

Dos órganos de goberno do COLEF e CAFD

Capítulo I

Da Xunta de Goberno

Sección primeira

Composición e funcións

Artigo 22º

1. O goberno do COLEF e CAFD establécese sobre os principios de democracia e autonomía, e será rexido pola Xunta de Goberno e pola Xunta Xeral.

2. A Xunta de Goberno estará constituída, cando menos, por un presidente, un vicepresidente, un secretario, un vicesecretario, un tesoureiro e o número de vocais que resulten a razón dun vocal por cada provincia que constitúe a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 23º

Son atribucións da Xunta de Goberno:

1. Someter a referendo asuntos concretos de interese colexial, por sufraxio secreto e na forma que a propia Xunta estableza.

2. Resolver sobre a admisión dos licenciados que soliciten incorporarse ó colexio.

3. Velar porque os colexiados observen boa conducta en relación ós seus compañeiros de exercicio profesional e que no desempeño da súa función despreguen a necesaria dilixencia e competencia profesional.

4. Exerce-las accións e actuacións oportunas para impedir e persegui-la intrusión, así como o exercicio da profesión ós que, colexiados ou non, a exercesen en forma e baixo condicións contrarias ás legalmente establecidas, sen excluí-las persoas, naturais ou xurídicas, que faciliten o exercicio profesional irregular.

5. Someter á aprobación da Xunta Xeral as cotas de incorporación e as periódicas que deban satisface-los colexiados para o sostemento das cargas e servicios colexiais.

6. Proporlle á Xunta Xeral a imposición de cotas extraordinarias ós seus colexiados.

7. Recada-lo importe das cotas para o sostemento das cargas do Colexio.

8. Proporlle á Xunta Xeral o establecemento de baremos orientativos de honorarios profesionais e emitir informes sobre honorarios aplicables cando o soliciten os interesados, os colexiados ou a autoridade xudicial.

9. Convocar eleccións para prove-los cargos da Xunta de Goberno, dispondo o necesario para a súa elección, consonte as normas legais e estatutarias.

10. Convocar xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e sinala-la orde do día para cada unha.

11. Exerce-las facultades disciplinarias respecto dos colexiados.

12. Propor á aprobación da Xunta Xeral os regulamentos de orde interior que coide convenientes.

13. Establecer, crear ou aproba-las delegacións, agrupacións, comisións ou seccións de colexiados que poidan interesar ós fins da corporación, regularase o seu funcionamento e fixaranse as facultades que, se for o caso, lle deleguen.

14. Velar por que no exercicio profesional se observen as condicións de dignidade e prestixio que corresponden ó licenciado en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte, así como propicia-la harmonía e colaboración entre os colexiados, impedindo a competencia desleal, conforme a legalidade vixente.

15. Informa-los colexiados con prontitude de cantas cuestións coñeza que poidan afectalos, xa sexan de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural.

16. Defende-los colexiados no desempeño das funcións da profesión ou con ocasión delas, cando o considere procedente e xusto.

17. Promover e xestionar ante o Goberno Autónomo, autoridades do Estado na Comunidade Autónoma, das provincias e dos municipios de Galicia, canto se considere beneficioso para o interese común da profesión.

18. Exerce-los dereitos e accións que correspondan ó Colexio e, en particular, contra os que entorpezan a liberdade e independencia do exercicio profesional.

19. Proporlle á Xunta Xeral a aprobación dos orzamentos anuais e o investimento ou disposición do patrimonio colexial se se tratase de inmobles.

20. Emitir consultas e dictames, administrar arbitraxes e dictar laudos arbitrais.

21. Proceder á contratación dos empregados necesarios para a boa marcha da corporación.

22. Dirixir, coordinar, programar e controla-la actividade dos servicios colexiais.

23. Elixi-los representantes do Colexio ante o Consello Xeral, de acordo coa normativa establecida por este órgano.

24. Cantas outras establecen estes estatutos e o estatuto xeral de colexios.

25. Designará os colexiados que deben formar parte dos tribunais de oposicións e concursos solicitados como vocais e asesores.

Artigo 24º

1. A Xunta de Goberno reunirase, ordinariamente, unha vez ó trimestre ou cando o solicite unha cuarta parte dos seus membros. A convocatoria para as reunións faraa o secretario, logo de mandado do presidente, con tres días de antelación, polo menos; deberase formular por escrito e irá acompañada da orde do día correspondente. Fóra desta non poderán tratarse outros asuntos.

2. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes. O presidente terá voto de calidade.

3. Ás sesións da Xunta de Goberno poderán asistir con voz pero sen voto cantos colexiados ou persoas foren convocadas especialmente por ela para asuntos determinados.

4. A Xunta de Goberno poderá crea-las comisións que considere convenientes, que deberán, en todo caso, ser presididas polo presidente ou polo membro da Xunta en quen delegue.

5. A Xunta poderá acorda-la delegación da sinatura do secretario en cuestións non substanciais, ben noutro compoñente da Xunta ou nun funcionario do Colexio.

Artigo 25º

Non poderán formar parte da Xunta de Goberno:

1. Os colexiados que fosen condenados por sentencia firme que leve aparellada a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos.

2. Os colexiados ós que se lles impuxese sanción disciplinaria, xa sexa no colexio onde pretendan acceder a cargos directivos ou en calquera outro onde estiveron ou estivesen dados de alta mentres non estean rehabilitados.

3. Os colexiados que sexan membros de órganos rectores doutro colexio profesional.

Artigo 26º

Correspóndelle ó presidente a representación legal do Colexio en tódalas relacións deste cos poderes públicos, tribunais, entidades, corporacións e personalidades de calquera orde; exercerá as funcións de vixilancia e corrección que os estatutos reservan á súa autoridade; presidirá as xuntas de goberno e as xerais e tódalas comisións especiais a que asista, e dirixirá as discusións con voto de calidade en caso de empate.

Ademais, expedirá as ordes de pagamento e os libramentos para o investimento dos fondos do Colexio.

Designará as quendas de intervención dos colexiados para os dictames, consultas ou peritacións que se soliciten no Colexio; poderá delegar esta función no secretario da Xunta de Goberno.

Artigo 27º

O vicepresidente realizará todas aquelas funcións que lle confira o presidente, e asumirá as deste en caso de ausencia, enfermidade, abstención, recusación ou vacante.

Artigo 28º

Corresponden ó secretario e, en caso da súa substitución por ausencia, enfermidade ou falecemento, ó vicesecretario as funcións seguintes:

1. Redactar e remiti-los oficios e comunicacións do Colexio.

2. Redacta-las actas das xuntas xerais e das xuntas de goberno.

3. Levar e custodia-los libros necesarios para o ordenado servicio do Colexio, entre os que obrigatoriamente se encontrará o libro de rexistro de colexiados, títulos, altas, baixas, sancións e os libros de actas da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno, que poderán realizarse mediante a incorporación dos medios técnicos que permitan as leis.

4. Recibir tódalas solicitudes e comunicacións que se reciban no Colexio, dando conta destas ó presidente.

5. Expedi-las certificacións que procedan co visto e prace do presidente.

6. Organizar e dirixir administrativamente as oficinas do Colexio e exerce-la xefatura do persoal.

7. Levar e custodiar un rexistro no que, por orde alfabética, se consigne a historia de cada colexiado, así como, se for o caso, os rexistros de habilitados, visados e bolsa de traballo.

8. Ter ó seu cargo e custodia o arquivo e mailo selo do Colexio.

9. Revisar anualmente as listas de colexiados, expresando a súa antigüidade e domicilio.

Artigo 29º

Corresponderalle ó tesoureiro:

1. Materializa-la recadación e custodia-los fondos do colexio.

2. Paga-los libramentos que expida o presidente.

3. Informar periodicamente a Xunta de Goberno sobre a conta de ingresos e de gastos e a marcha do orzamento e formalizar anualmente as contas do exercicio económico vencido.

4. Redacta-los orzamentos anuais que a Xunta de Goberno deba someter á aprobación da Xunta Xeral.

5. Ingresar e retirar fondos das contas bancarias, conxuntamente co presidente.

6. Administra-los fondos do Colexio, levar inventario minucioso dos bens deste, dos que será tamén administrador.

7. Levar e controla-la contabilidade e verifica-la caixa.

8. Efectuar cobramentos de calquera natureza en nome do Colexio.

Artigo 30º

Os vocais desempeñarán as funcións que lles correspondan consonte coas leis, estatutos e regulamentos, así como todas aquelas que lles sexan encomendadas pola Xunta de Goberno ou polo presidente.

Cando por calquera motivo ou circunstancia, definitiva ou temporalmente, estivese vacante algún dos cargos da Xunta de Goberno para os que especificamente non se prevexa a substitución nestes estatutos, serán substituídos nas súas funcións polos vocais, comezando polo que exerza a condición de colexiado máis antigo.

Sección segunda

Da elección e cesamento dos cargos

Artigo 31º

Os cargos da Xunta de Goberno proveranse por elección, na que poderán participar tódolos colexiados, exercentes e non exercentes, excepto os de carácter honorífico, ó abeiro do procedemento que nestes estatutos se establece.

Artigo 32º

Tódolos cargos da Xunta de Goberno proveranse entre os licenciados en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte que sexan colexiados residentes na demarcación do Colexio e que posúan a condición de elector. O período de mandato establécese en catro anos, e é posible a reelección.

Para os diferentes cargos da Xunta de Goberno establécense os seguintes requisitos de antigüidade no exercicio profesional:

Para o cargo de presidente, tres anos consecutivos, previos á elección, como colexiado exercente.

Para os cargos de vicepresidente, secretario e tesoureiro, dous anos consecutivos, previos á elección, como colexiado exercente.

Artigo 33º

A elección dos membros da Xunta de Goberno efectuarase por sufraxio universal, libre, directo e secreto dos colexiados, e computarase o valor dos votos de conformidade co previsto no art. 20º.3 destes estatutos.

O voto poderá exercerse persoalmente ou por correo.

A emisión do voto por correo suxeitarase ós requisitos seguintes:

a) O elector solicitará da Secretaría do Colexio, a partir da convocatoria e ata o quinto día anterior ó da votación, un certificado de inscrición no censo.

b) A solicitude deberá formularse persoalmente ou por medio dunha persoa debidamente autorizada para representalo.

c) O secretario do Colexio comprobará a identidade do solicitante e, se é o caso, a do representante, así como a autenticidade da representación e, logo de comprobación da inscrición no censo, emitirá o certificado solicitado, realizando a anotación correspondente no censo, co fin de que o día das eleccións non se realice o voto persoalmente.

d) Tan pronto como estivesen dispoñibles, o secretario do Colexio remitiralle ó elector, ó domicilio por el indicado ou, no seu defecto, ó que figure no censo, as papeletas e mailos sobres electorais xunto co certificado mencionado na alínea anterior.

e) O elector, unha vez cuberta a papeleta do voto, introduciraa no sobre de votación e pecharao. Incluirá o sobre de votación e o certificado no sobre dirixido á mesa e remitirallo por correo certificado.

f) O secretario do Colexio conservará ata o día da votación toda a correspondencia electoral e trasladaraa á mesa electoral á hora en que teña lugar o comezo das votacións. Así mesmo, seguirá dando traslado da que poida recibirse nese día ata a hora en que finalicen as votacións.

Artigo 34º

A elección para cargos vacantes da Xunta de Goberno poderá ter lugar en acto separado das sesións da Xunta Xeral e poderá celebrarse en calquera período do ano.

Artigo 35º

Terán dereito de sufraxio activo os colexiados, sexan exercentes ou non.

Artigo 36º

Se máis da metade dos cargos da Xunta de Goberno quedasen vacantes, o Consello Xeral adoptará as medidas que considere convenientes para completarse provisionalmente, cos colexiados máis antigos. A Xunta provisional así constituída convocará, no prazo de quince días, eleccións para a provisión deses cargos e exercerá as súas funcións ata que tomen posesión os designados en virtude da elección. A celebración das devanditas eleccións efectuarase consonte o procedemento establecido no artigo seguinte.

Artigo 37º

O procedemento electoral será o seguinte:

1. Acordarase a convocatoria con sesenta días de antelación, cando menos, á data de expiración do mandato dos cargos obxecto desta.

2. Dentro dos cinco días seguintes á data do acordo da convocatoria, inserirase no taboleiro de anuncios do Colexio e remitiráselles por escrito ós colexiados facéndose constar:

a) Cargos obxecto de elección, período de mandato e requisitos esixidos para poder aspirar a cada un deles.

b) Día e hora da celebración das eleccións, con expresión da hora en que se cerrarán as urnas para o comezo do escrutinio.

c) Requisitos do voto por correo.

A convocatoria entenderase publicada e producirá efecto desde a súa inserción no taboleiro de anuncios do Colexio.

3. Así mesmo, exporanse no taboleiro de anuncios do Colexio, as listas separadas de colexiados exercentes e non exercentes con dereito a voto.

As reclamacións que se formulen contra o censo electoral deberán realizarse nos cinco días seguintes á publicación das listas electorais e nos cinco días seguintes deberaas resolve-la Xunta de Goberno.

4. As candidaturas deberán presentarse na secretaría do Colexio nos quince días seguintes ó da data de publicación da convocatoria no taboleiro de anuncios.

Estas poderán ser conxuntas para varios cargos, ou individuais para cargos determinados, e deberán estar subscritas exclusivamente polos propios candidatos.

Ningún colexiado poderá presentarse como candidato a máis dun cargo.

5. Cando un membro da Xunta de Goberno presente a súa candidatura para un novo mandato ou para un novo cargo, deberá renunciar ó cargo que viña ocupando nos cinco días seguintes ó acordo da convocatoria, co fin de que no mencionado prazo se poida publica-la elección dese cargo.

Se máis da metade dos cargos presentase a súa candidatura para un novo mandato ou para un novo cargo, completarase a Xunta de Goberno, provisionalmente, na forma prevista no artigo 36º.

6. As candidaturas presentadas, ó día seguinte en que remate o prazo de admisión destas, exporanse no taboleiro de anuncios do Colexio co fin de que os colexiados poidan formular reclamacións ou impugnacións contra elas, dentro do prazo dos cinco días seguintes á súa exposición.

7. Nos cinco días seguintes, a Xunta de Goberno resolverá sobre as reclamacións ou impugnacións presentadas e notificarálle-la correspondente resolución ós interesados dentro dos dous días seguintes.

8. Finalizado o prazo de reclamacións, a Xunta de Goberno, ó seguinte día, proclamará candidatos os que reúnan os requisitos esixidos e publicará esa proclamación no taboleiro de anuncios do Colexio, sen prexuízo de que o Colexio poida remitir tamén comunicacións individuais ós seus colexiados.

9. A exclusión de calquera candidato deberá ser motivada e notificaráselle ó interesado ó día seguinte hábil. Este poderá presentar recurso conforme o previsto no art. 93º destes estatutos.

10. Tódolos prazos sinalados neste artigo e no precedente serán computados por días naturais.

Artigo 38º

1. Para a celebración da elección, a Xunta de Goberno constituirase en mesa electoral.

Cada candidato poderá, pola súa parte, designar entre os colexiados un ou varios interventores que o representen na elección.

2. No día e hora sinalados para a elección, constituirase a mesa electoral, o presidente indicará o comezo da votación e a hora prevista para o seu remate, anunciará que vai concluír esta, cerraranse as portas e só poderán vota-los colexiados que xa estivesen no lugar onde se efectúe a votación. De seguido, o presidente introducirá na urna os sobres que conteñan as papeletas remitidas por correo, despois de verificar que o elector está inscrito no censo e que non realizou o voto persoalmente.

Por último, votarán os membros da mesa e os interventores.

3. As papeletas de voto deberán ser iguais ó modelo que a Xunta de Goberno aprobe e que o Colexio deberá editar e facilitarlles a candidatos e electores.

4. Na sede na que se celebre a elección da Xunta deberá pórse á disposición dos votantes un número abondo de papeletas, con ou sen os nomes dos candidatos.

Artigo 39º

Os votantes deberán acreditar ante a mesa electoral a súa personalidade e entrega-la papeleta de votación en sobre cerrado. A mesa comprobará a súa inclusión no censo electoral, e o presidente, pronunciando en voz alta o nome e apelidos do votante, indicará que vota, tralo cal, o propio presidente introducirá o sobre coa papeleta na urna correspondente.

Artigo 40º

1. Concluída a votación, procederase ó escrutinio, no que se lerán en voz alta tódalas papeletas.

2. Serán declaradas nulas aquelas papeletas que conteñan borranchos, emendas ou raspaduras, así como expresións alleas ó estricto contido da votación e, igualmente, aquelas que indiquen máis dun candidato para un mesmo cargo ou nomes de persoas que non concorran á elección.

Aquelas papeletas que se atopen só parcialmente cubertas canto ó número de candidatos, pero que reúnan os requisitos esixidos para a súa validez, serano para os cargos e persoas correctamente expresados.

3. Ó finaliza-lo escrutinio, a Presidencia anunciará publicamente o seu resultado, e proclamaranse seguidamente electos aqueles candidatos que obtivesen, para cada cargo, o maior número de votos. A igualdade de votos entenderase elixido o candidato con maior antigüidade como colexiado exercente no propio Colexio.

4. O resultado electoral formalizarase nunha acta que asinarán os integrantes da mesa e que, necesariamente, terá que expresa-las persoas que a compoñen, número de votantes, interventores designados polos candidatos, incidencias e candidatos proclamados.

5. O resultado da elección será impugnable ante o Consello Xeral, de acordo co establecido no título VII destes estatutos.

6. No prazo de cinco días desde a constitución dos órganos de Goberno, comunicaráselle esta ó Consello Xeral e á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 41º

Os candidatos proclamados electos tomarán posesión do cargo na primeira Xunta de Goberno que se celebre.

Artigo 42º

Os membros da Xunta de Goberno cesarán nos seus respectivos cargos polas seguintes causas:

1. Falta de concorrencia ou perda dos requisitos estatutarios para desempeña-lo cargo.

2. Expiración do termo ou prazo para o que foron elixidos ou designados.

3. Renuncia do interesado.

4. Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou a cinco alternas no período dun ano.

5. Aprobación de moción de censura segundo o regulado no seguinte capítulo.

Capítulo II

Das xuntas xerais ordinarias e extraordinarias

Artigo 43º

Tódolos colexiados poderán asistir con voz e voto ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias que se celebren, agás as excepcións que nestes estatutos se determinan.

Artigo 44º

A Xunta Xeral ordinaria celebrarase, cando menos, unha vez ó ano, dentro do primeiro trimestre do ano natural.

Artigo 45º

1. As xuntas xerais deberán convocarse, alomenos, con trinta días naturais de antelación.

Esta convocatoria inserirase no taboleiro de anuncios do Colexio, con expresión da orde do día, e non poderán ser tratados nestas máis asuntos que os expresados na convocatoria.

2. Sen prexuízo do anterior, citarase tamén os colexiados por comunicación escrita na que, igualmente, constará a orde do día.

3. Na secretaría do Colexio, durante as horas de despacho, estarán á disposición dos colexiados os antecedentes dos asuntos que se van deliberar na Xunta convocada.

Artigo 46º

A Xunta Xeral ordinaria do primeiro trimestre do ano natural celebrarase, cando menos, consonte a seguinte orde do día:

1. Informe do presidente sobre as actividades e acontecementos máis importantes que, durante o exercicio, se producisen con relación ó Colexio.

2. Exame e votación da conta xeral de gastos e ingresos do exercicio anterior.

3. Exame e votación do orzamento formado pola Xunta de Goberno, para o exercicio seguinte.

4. Elección para cargos vacantes da Xunta de Goberno, cando proceda.

5. Lectura, discusión e votación das proposicións que se presenten dentro do prazo establecido no artigo seguinte.

6. Rogos e preguntas.

Artigo 47º

Os colexiados, quince días antes da celebración da Xunta Xeral ordinaria, poderán presenta-las proposicións que desexen someter á deliberación e acordo daquela, e deberán ser incluídas estas, pola Xunta de Goberno no punto da orde do día denominado Proposicións.

Estas proposicións deberán aparecer subscritas por un mínimo de dez colexiados. Ó darse lectura de estas proposicións, a Xunta Xeral acordará se procede ou non abri-la discusión sobre elas.

Artigo 48º

1. As xuntas xerais extraordinarias celebraranse por iniciativa do presidente, da Xunta de Goberno ou a petición, cando menos, do dez por cento dos colexiados.

2. Cando a convocatoria da Xunta Xeral extraordinaria tiver como causa o voto de censura contra a Xunta de Goberno ou contra algún dos seus membros, esta petición deberá ser subscrita, como mínimo, polo vinte por cento dos colexiados, e deberase fundamentar aquela.

3. Se a convocatoria da Xunta Xeral extraordinaria fose feita por acordo do presidente ou da Xunta de Goberno, celebrarase no prazo de trinta días naturais, contados desde a adopción do acordo e, no mesmo prazo, se fose a instancia dos colexiados, contados a partir da presentación da petición.

A Xunta de Goberno, no caso de que a proposición sexa allea ós atribuídos ó Colexio, por resolución motivada poderá denega-la celebración de Xunta Xeral extraordinaria, sen prexuízo dos recursos que lles puidesen corresponder ós peticionarios.

Artigo 49º

1. As xuntas xerais celebraranse no día e hora sinalados, calquera que sexa o número de colexiados concorrentes a elas, agás nos casos en que se esixa un quórum de asistencia determinada.

2. Os acordos serán adoptados por maioría de votos emitidos.

3. Os acordos adoptados na Xunta Xeral serán obrigatorios para tódolos colexiados, sen prexuízo dos recursos que se establecen nestes estatutos.

Artigo 50º

A Xunta Xeral extraordinaria será a única competente para autoriza-la aprobación ou modificación dos estatutos, a fusión, a absorción e a disolución do Colexio, así como para autorizar á Xunta de Goberno a adquisición, hipoteca ou alleamento dos bens inmobles da corporación; e aprobar ou censura-la actuación da Xunta de Goberno ou dos seus membros.

Artigo 51º

As votacións serán secretas cando así o solicite o dez por cento dos colexiados asistentes. En calquera caso, será secreto o voto cando afecte a cuestións relativas ó decoro dos colexiados.

Artigo 52º

1. A moción ou voto de censura só poderá presentarse en Xunta extraordinaria convocada para o efecto, de conformidade co establecido nestes estatutos.

2. Para este efecto, unicamente quedará constituída a Xunta extraordinaria cando concorra a metade máis un do censo de colexiados exercentes.

3. Existindo o aludido quórum, para que prospere será necesario o voto favorable da metade máis un dos colexiados asistentes.

Artigo 53º

Para a modificación dos estatutos, hipoteca ou alleamento de inmobles, esixirase un quórum de asistencia da metade máis un dos colexiados censados en primeira convocatoria e, en segunda, sexa cal for a participación. En calquera caso, os acordos tomaranse co voto favorable da metade máis un dos colexiados asistentes.

TÍTULO V

Dos recursos económicos

Artigo 54º

O exercicio económico do colexio coincidirá co ano natural.

Artigo 55º

O presidente do Colexio exercerá as funcións de ordenador de pagamentos, da execución dos cales se encargará o tesoureiro, quen coidará da súa contabilización.

Artigo 56º

O Colexio non poderá delegar noutra persoa que non sexa o tesoureiro a administración dos seus recursos, sen prexuízo das colaboracións que para iso se precise.

Artigo 57º

O patrimonio do Colexio será administrado pola Xunta de Goberno. En todo caso, esta facultade exercerase a través do tesoureiro.

Artigo 58º

Os colexiados poderán examina-las contas do Colexio durante os quince días naturais anteriores á celebración da Xunta Xeral que deba aprobalas.

Artigo 59º

Constitúen recursos ordinarios do COLEF e CAFD:

1. Os rendementos de calquera natureza que produzan as actividades, os bens ou os dereitos que integran o patrimonio do Colexio, así como os rendementos dos fondos depositados nas súas contas.

2. As cotas de incorporación ó Colexio e as de rexistro e certificación de habilitacións para o exercicio da docencia legalmente establecidas.

3. Os dereitos que fixe a Xunta de Goberno por emisión de dictames, resolucións, informes ou consultas que avalíe esta sobre calquera materia da súa competencia.

4. O importe das cotas ordinarias e extraordinarias, fixas ou variables, así como as derramas e pólizas colexiais establecidas pola Xunta Xeral.

5. Os dereitos que fixe a Xunta Xeral por expedición de certificacións.

6. Calquera outro concepto que legalmente procedese.

Artigo 60º

Constituirán recursos extraordinarios do Colexio:

1. As subvencións ou donativos que concedan ó Colexio os órganos de Goberno da Comunidade Autónoma, corporacións oficiais, entidades ou particulares.

2. Os bens e dereitos de toda clase que, por herdanza ou por outro título, pasen a formar parte do patrimonio do Colexio.

3. As cantidades que por calquera concepto lle corresponda percibir ó Colexio cando administre, en cumprimento dalgún encargo temporal ou perpetuo, mesmo cultural ou benéfico, determinados bens ou rendas.

4. Calquera outro que legalmente procedese.

TÍTULO VI

Do réxime de responsabilidades

Capítulo I

Das responsabilidades dos colexiados

Artigo 61º

Sen prexuízo da responsabilidade civil ou penal en que poidan incorre-los licenciados en educación

física e en ciencias da actividade física e do deporte colexiados, estes están suxeitos á responsabilidade disciplinaria no caso de infracción dos seus deberes profesionais.

Artigo 62º

A Xunta de Goberno é o órgano competente para o exercicio da facultade disciplinaria.

Artigo 63º

As faltas que poidan levar aparellada sanción disciplinaria clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Artigo 64º

Faltas moi graves. Son faltas moi graves:

1. O exercicio profesional, por si ou por persoa interposta, cando se estea incurso en causa de incompatibilidade ou inhabilitación.

2. A comisión de delictos dolosos, en calquera grao de participación, establecida por sentencia firme, como consecuencia do exercicio da profesión, así como os actos e omisións que constitúan ofensa moi grave á dignidade da profesión, ás regras éticas e deontolóxicas que a gobernan e ós dereitos e deberes dos colexiados establecidos neste estatuto.

3. O atentado contra a dignidade, o honor e a propia imaxe das persoas que constitúen os órganos de goberno colexiais cando actúen no exercicio das súas funcións; e contra os compañeiros con ocasión do exercicio profesional.

4. A embriaguez ou consumo de drogas cando afecten gravemente o exercicio da profesión.

5. A realización de actividades, constitución de asociacións ou pertenza a estas, cando teñan como fins ou realicen funcións que sexan propias e exclusivas do Colexio.

6. A reiteración en falta grave.

7. A intrusión profesional e o seu encubrimento.

8. A comisión de infraccións que polo seu número ou gravidade resulte moralmente incompatible co exercicio da profesión de licenciado en educación física e en ciencias da actividade física e do deporte.

Artigo 65º

Faltas graves. Son faltas graves:

1. O incumprimento dos deberes estatutarios ou dos acordos adoptados polos órganos colexiais no ámbito da súa competencia, que lles ocasione danos ou prexuízos á corporación, ós demais compañeiros ou a terceiros.

2. O exercicio profesional no ámbito doutro Colexio sen a oportuna comunicación para os efectos de ordenación e control cando estivese establecido nos estatutos do devandito Colexio.

3. A falta de respecto ós compoñentes da Xunta de Goberno, no exercicio das súas funcións, cando exista intencionalidade de causarlles dano ou reiteración.

4. Os actos de desconsideración manifesta cara ós compañeiros no exercicio da actividade profesional, cando exista intencionalidade de causarlles dano ou reiteración.

5. A competencia desleal e a infracción do disposto no artigo 19º.

6. Os actos e omisións descritos no número 2) do artigo anterior, cando a entidade destes non sexa moi grave.

7. O exercicio profesional en situación de embriaguez ou baixo o influxo de drogas tóxicas, cando non afecte gravemente o exercicio profesional.

8. A reiteración en falta leve.

Artigo 66º

Faltas leves. Son faltas leves:

1. A falta de respecto ós membros dos órganos de goberno colexiais no exercicio das súas funcións cando non constitúa falta grave.

2. A neglixencia no cumprimento das normas estatutarias.

3. As infraccións menores dos deberes que a profesión impón.

4. Os actos de desconsideración cara ós compañeiros no exercicio profesional cando non constitúa falta grave.

Artigo 67º

Sancións. As sancións que poden imporse son:

1. Por faltas moi graves.

a) Para as do número 1 do artigo 64, expulsión do Colexio.

b) Para as dos números 2, 3, 4, 5, 6, 7 e 8 do devandito artigo, suspensión do exercicio da profesión por un prazo superior a tres meses sen exceder de dous anos.

2. Por faltas graves.

Suspensión do exercicio da profesión por un prazo non superior a tres meses.

3. Por faltas leves:

a) Amoestación privada.

b) Apercibimento por escrito.

Capítulo II

Do procedemento

Artigo 68º

En ningún caso se poderá impor unha sanción sen que se tramitase o correspondente expediente disciplinario, de acordo co procedemento que se regula neste capítulo.

Artigo 69º

O procedemento sancionador respectará en todo momento a presunción de inocencia do expedientado.

Artigo 70º

A potestade sancionadora respecto dos colexiados correspóndelle á Xunta de Goberno do Colexio.

Artigo 71º

A instrucción do procedemento así como a proposta de resolución do expediente correspóndelle ó presidente do Colexio, que poderá delegar esa facultade nun órgano que poida crearse para tal fin ou en calquera dos membros da Xunta de Goberno.

Artigo 72º

O procedemento principiará de oficio por acordo da Xunta de Goberno, ben por propia iniciativa, ben como consecuencia de petición razoada doutros órganos colexiais ben por denuncia.

Artigo 73º

Mediante acordo motivado poderanse adoptar medidas de carácter provisional que aseguren a eficacia da resolución final que puidese recaer.

Artigo 74º

Iniciado o procedemento, notificaránselle ó interesado os feitos que se lle imputan, as infraccións que tales feitos poidan constituír e as sancións que, se é o caso, se lle puidesen impor, así como a identidade do instructor, do órgano competente para impo-la sanción e da norma que atribúa tal competencia.

Artigo 75º

No prazo de quince días, contados a partir da notificación, o interesado poderá presentar alegacións e achega-los documentos e xustificacións que coide pertinentes.

Artigo 76º

Cando o interesado o solicite ou o instructor o considere necesario, acordarase a apertura dun período de proba, por un prazo non superior a trinta días nin inferior a dez, co fin de que poidan practicarse cantas se xulguen pertinentes.

Artigo 77º

1. Os feitos relevantes para a decisión do procedemento poderán acreditarse por calquera medio de proba admisible en dereito.

2. O instructor soamente poderá rexeita-las probas propostas polo interesado cando sexan manifestamente improcedentes ou innecesarias, mediante resolución motivada.

Artigo 78º

O instructor comunicaralle ó interesado, con antelación suficiente, o lugar a data e a hora en que se practicarán as probas, co fin de que poida asistir debidamente asesorado por técnicos da súa elección.

Artigo 79º

O instructor poderá solicitar cantos informes xulgue necesarios para a resolución do procedemento.

Artigo 80º

Instruído o procedemento e inmediatamente antes de o instructor redacta-la proposta de resolución, poráselle de manifesto todo o actuado ó interesado para que, en trámite de audiencia, que non poderá ser inferior a dez días nin superior a quince, poida alegar e presenta-los documentos e xustificacións que considere pertinentes.

Artigo 81º

A proposta de resolución, con todo o actuado, elevarase á Xunta de Goberno que é o órgano colexial que ten conferida a potestade sancionadora.

Artigo 82º

1. A resolución que lle poña fin ó procedemento deberá ser motivada e resolverá tódalas cuestións presentadas no expediente sen que nela se poidan aceptar feitos distintos dos determinados no curso do procedemento.

2. O prazo máximo en que debe dictarse e notificarse a resolución será de seis meses, contados desde a data do acordo da Xunta de Goberno de iniciación do procedemento.

3. O vencemento do prazo máximo establecido no número anterior, sen que se dictase e se notificase a resolución expresa, dará lugar á caducidade do procedemento e ó arquivo das actuacións, salvo que o procedemento se paralizase por causa imputable ó interesado. Neste caso interromperase o cómputo do prazo para resolver e notifica-la resolución.

Artigo 83º

A imposición de sancións disciplinarias soamente poderá ser adoptada mediante acordo da Xunta de Goberno, por medio de votación secreta e co consenso das dúas terceiras partes dos membros que a compoñen.

Artigo 84º

Á sesión na que deban tomarse acordos sobre a imposición de sancións disciplinarias están obrigados a asistir tódolos compoñentes da Xunta de Goberno. O que sen causa xustificada non concorrese, deixará de pertencer a esta, sen que poida ser de novo designado na elección mediante a que se cubra a vacante.

Artigo 85º

A Xunta de Goberno remitiralle ó Consello Xeral testemuño dos acordos sancionadores adoptados nos expedientes sobre responsabilidade disciplinaria dos colexiados.

Artigo 86º

As resolucións sancionadoras da Xunta de Goberno serán susceptibles de recurso de alzada ante o Consello Xeral, consonte o previsto nestes estatutos.

Artigo 87º

1. A prescrición das faltas producirase ós seis meses para as leves, ós dous anos para as graves e ós tres anos para as moi graves; e computarase o prazo desde o momento en que a falta se cometese.

2. A prescrición interromperase polo inicio do procedemento, que deberá comunicarse ó interesado, e volverá corre-lo prazo se o expediente disciplinario permanecese paralizado por máis dun mes por causa non imputable ó expedientado.

Artigo 88º

As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán ós tres anos, as impostas por faltas graves ós dous anos e as impostas por faltas leves ó ano, e computarase o prazo desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción.

Artigo 89º

1. As sancións disciplinarias que se lles impoñan ós colexiados anotaranse no seu expediente.

2. A cancelación destas anotacións, unha vez transcorrido o prazo de prescrición das correspondentes sancións, producirase de oficio ou por instancia do interesado ante o órgano colexial que acordou a sanción.

3. As cancelacións que se produzan serán remitidas, mediante testemuño, ó Consello Xeral.

4. A cancelación non impedirá a apreciación de reincidencia se o expedientado volve incorrer en falta.

TÍTULO VII

Do réxime xurídico dos acordos e da súa impugnación

Artigo 90º

Os acordos da Xunta Xeral, da Xunta de Goberno do Colexio e do seu presidente serán inmediatamente executivos.

Artigo 91º

1. No Colexio levaranse, obrigatoriamente, dous libros de actas, onde se transcribirán, separadamente, as correspondentes á Xunta Xeral e á Xunta de Goberno.

2. Estas actas deberanas asina-lo presidente e o secretario ou os que os substituísen no desempeño das súas funcións.

Artigo 92º

Os acordos publicaranse no taboleiro de anuncios do Colexio dentro dos trinta días naturais seguintes á data da súa adopción, e deberánselles notificar ós interesados.

Artigo 93º

1. Os acordos adoptados pola Xunta Xeral, pola Xunta de Goberno do Colexio e polo seu presidente serán susceptibles de recurso de alzada ante o Con

sello Xeral, dentro do prazo dun mes desde a súa publicación no taboleiro de anuncios correspondente ou, se é o caso, notificación ós colexiados ou persoas as que afecten.

2. O recurso poderá interporse ante o órgano colexial que dictou o acto que se impugna ou ante o propio Consello Xeral.

Se se interpuxese ante o órgano colexial que dictou o acto impugnado, este deberá remitirllo ó Consello Xeral, no prazo de dez días, co seu informe e cunha copia completa e ordenada do expediente.

3. A interposición de calquera recurso, excepto nos casos en que unha disposición estableza o contrario, non suspenderá a execución do acto impugnado.

Malia o disposto no número anterior, o órgano colexial ó que lle competa resolve-lo recurso, logo de ponderación, suficientemente razoada, entre o prexuízo que causaría ó interese público ou a terceiros a suspensión e o prexuízo que se causa ó recorrente como consecuencia da eficacia inmediata do acto contra o que recorre, poderá suspender de oficio ou a solicitude do recorrente, a execución do acto contra o que recorre, cando concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Que a execución puidese causar prexuízos de imposible ou difícil reparación.

b) Que o recurso se fundamente nalgunha das causas de nulidade de pleno dereito previstas no artigo 95º.1 destes estatutos.

4. O prazo máximo para resolver e notifica-lo recurso será de tres meses. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución, poderase entender desestimado o recurso.

Artigo 94º

1. Contra os acordos da Xunta Xeral poderán recorre-la Xunta de Goberno ou calquera colexiado con interese lexítimo, na forma e prazos previstos nestes estatutos.

2. A Xunta de Goberno ou, no seu defecto, calquera dos seus membros, deberán, en todo caso, formular recurso contra os actos nulos de pleno dereito.

Artigo 95º

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais que incorran nalgún dos supostos que establece o artigo 62 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran nos supostos establecidos no artigo 63 da citada lei.

Artigo 96º

1. Os actos emanados do Consello Xeral póñenlle fin á vía administrativa, e poderase recorrer contra eles potestativamente en reposición, ante o propio Consello Xeral ou ser impugnados directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa.

2. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto fose expreso. Se non o fose, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

3. O prazo máximo para resolver e notifica-lo recurso será de tres meses. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución, poderase entender desestimado por silencio administrativo.

4. Non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 97º

A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común aplicarase a cantos actos dos órganos colexiais supoñan exercicio de potestades administrativas.

Disposición transitoria

Os instructores, mestres instructores e profesores de educación física que, á aprobación destes estatutos, se encontraren colexiados, poderán permanecer como tales conservando os seus dereitos consonte o previsto neles.

Disposición adicional

O establecido nos anteriores preceptos enténdese sen prexuízo do que estableza a Constitución, as leis do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de colexios profesionais.