Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Martes, 12 de decembro de 2000 Páx. 16.301

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 30 de novembro de 2000 pola que se establecen os domingos e festivos nos que se autoriza a apertura de establecementos comerciais durante o ano 2001.

De acordo co disposto no artigo 3, número dous do Decreto 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 98/1998, do 20 de marzo, a Consellería de Industria e Comercio fixará anualmente oito domingos e festivos, que se considerarán hábiles para os efectos do exercicio da actividade comercial en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto lei 6/2000, do 23 de xuño, de medidas urxentes de intensificación da competencia en mercados de bens e servicios, establece no seu artigo 43.un.2 que os domingos e festivos nos que os comercios poderán permanecer abertos ó publico, serán como mínimo, nove no ano 2001.

En aplicación dos citados preceptos, logo de consulta efectuada cos axentes socioeconómicos interesados, e tendo en conta o interese xeral do comercio e dos consumidores, procédese á fixación dos 9 domingos e festivos que, para os efectos do exercicio da actividade comercial, terán a condición de hábiles durante o ano 2001,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os domingos e festivos nos que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ó publico

cun horario máximo de 12 horas diarias durante o ano 2001 son:

7 de xaneiro.

12 de abril.

8 de xullo.

7 de outubro.

1 de novembro.

2 de decembro.

9 de decembro.

16 de decembro.

23 de decembro.

Artigo 2º

O disposto no artigo anterior entenderase sen prexuízo das normas xerais que, en materia de horarios comerciais, establece o artigo 43 do Real decreto lei 6/2000, e o Decreto 365/1996, do 26 de setembro, no que non se opoña ó citado Real decreto lei.

Disposición transitoria

Mentres non se proceda a adapta-lo Decreto 365/1996, do 26 de septembro, polo que se regulan os horarios comerciais na Comunidade Autónoma de Galicia, ó disposto no Real decreto lei 6/2000, os mínimos que fixa o artigo 43.un.2 do citado real decreto lei terán a consideración de límites máximos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio