Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Martes, 05 de decembro de 2000 Páx. 16.141

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 28 de novembro de 2000 sobre delegación de atribucións nos delegados provinciais para tramitar e subscribi-los contratos laborais que se realicen con cargo ás subvencións concedidas pola Administración do Estado para programas de fomento do emprego.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de políticas activas de emprego, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados pola Constitución española, e os reais decretos de transferencia como así o recolle o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica, modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril, e polo Decreto 202/2000, do 2 de xullo.

Con data do 10 de novembro de 2000 asinouse un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fundación Santa María la Real-Centro de Estudios del Románico e o Instituto Nacional de Emprego para o desenvolvemento dos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego que realizarán actividades de restauración, conservación e mellora do patrimonio histórico, artístico, cultural e ambiental ó longo do Camiño de Santiago. A súa execución leva consigo a necesidade de realizar contratación de persoal laboral.

Así pois, a acumulación de funcións na titular da consellería e a conveniencia de imprimir unha adecuada axilización administrativa en beneficio tanto

da Administración como dos administrados, sen mingua da necesaria garantía xurídica e do obrigado respecto ós principios que informan a actividade administrativa que recolle a nosa Constitución no artigo 103.1º, aconsellan delegar novas funcións en materia de contratación laboral nas delegacións provinciais.

Na súa virtude e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, segundo a redacción que lle foi dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse nos delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no seu respectivo ámbito territorial, as competencias para tramitar e subscribi-los contratos laborais que se realicen con cargo ás subvencións concedidas polo Instituto Nacional de Emprego para programas do fomento do emprego reguladas nas ordes do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 3 de agosto de 1994, modificada o 6 de outubro de 1998, e do 9 de marzo de 1999.

Artigo 2º

A conselleira poderá, en calquera momento, revogar e avoca-lo exercicio das competencias delegadas nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción

do Emprego, Muller e Xuventude