Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 01 de decembro de 2000 Páx. 16.008

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da ampliación da subestación da Grela 220/15 kV (A Coruña). (Expediente IN407A 99/132-1).

Examinado o expediente instruído a pedimento de Unión Fenosa Distribución S.A. con identificación fiscal A-82153834 e enderezo para efectos de notificación en Avda. de Arteixo, 15008 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 22 de xuño de 1953 o Ministerio de Industria e Comercio por resolución da Dirección Xeral de Industria autorizou a subestación de transformación na Grela expediente nº 6802 á empresa Sociedad General Gallega de Electricidad.

Segundo.-O día 24 marzo de 1999 a empresa Unión Fenosa Distribución S.A solicita a autorización administrativa da ampliación da subestación A Grela 220/15-kV e a aprobación do seu proxecto de execución.

Terceiro.-O día 14 marzo de 2000, a empresa promotora presentou o modificado nº 1 do proxecto oficial subestación A Grela 220/15-kV, como consecuencia da variación na implantación debida á aparición de rocha compacta e un alto nivel freático na situación da subestación, e solicita a autorización administrativa do citado modificado e a aprobación do seu proxecto de execución.

Xuntar á dita solicitude o preceptivo proxecto a que fan referencia os artigos 8 e 10 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente segundo o disposto na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 28 de novembro, do sector eléctrico.

A subestación eléctrica blindada subterránea constrúese en terreos adxacentes á actual subestación da Grela, as características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

Sistema de 220 kV.

-Dobre barra de 220 kV, en hexafluoruro, tres módulos de liña a 220 kV (Mesón, Cabana e Orzán); tres módulos de transformación con dous trafos de 50 MVA de potencia cada un e outro de 75 MVA todos de tensión 220/15 kV; un módulo de acoplamento e outro de medida.

Sistema de 15 kV.

-Dobre barra de 15 kV; tres celas de transformador.

-Dez celas con saída de liña e trece celas con dobre saída de liña, diversas celas de medida e acoplamento transversal e lonxitudinal de barras.

-Dous trafos auxiliares de 400 kVA de potencia e relación de transformación 15/0,4 kV, celas de batería e grupo electróxeno.

Terceiro.-O citado anteproxecto someteuse a información pública, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña de 7-4-2000, publicándose no DOG do 5 de maio e no BOP da Coruña de 6 de xuño.

Durante o período legalmente establecido non se recibiron alegacións.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial da Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 21 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os tramites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Autoriza-lo modificado nº 1 do proxecto oficial subestación A Grela 220/15-kV.

-Aproba-lo proxecto de execución da citada subestación.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria