Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Martes, 28 de novembro de 2000 Páx. 15.817

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 17 de novembro de 2000, conxunta da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establece o procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos membros da Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario.

A Orde do 11 de novembro de 1999 creou e regulou a Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario.

No artigo 5 da citada orde establécese que a Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa determinarán mediante resolución conxunta o procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos directores na xunta autonómica.

Na súa virtude, esta Secretaría Xeral e a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa

RESOLVEN:

Primeiro.-A elección dos directores que formarán parte da Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario efectuarase a continuación do proceso de renovación das xuntas provinciais de directores, nas datas fixadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo.-O proceso de elección dos membros da Xunta Autonómica iniciarase na reunión de constitución de cada xunta provincial de directores do seguinte xeito:

1. Darase lectura ás normas contidas nesta resolución relativas ó procedemento de elección dos membros da Xunta Autonómica de Directores.

2. Os membros da xunta provincial que así o desexen presentarán a súa candidatura.

3. Proclamaranse os candidatos.

4. Fixarase a data de realización da reunión, de carácter extraordinario, que terá como único punto da orde do día a elección dos representantes na xunta autonómica de directores que lle correspondan, de acordo co disposto no artigo 3 da orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de novembro de 1999.

Contra as decisións das xuntas provinciais de proclamación de candidaturas á xunta autonómica de directores poderase presentar, por un prazo de tres días, reclamación perante o director xeral de Centros e Inspección Educativa.

Terceiro.-Son electores e elixibles tódolos directores que formen parte de cada Xunta Provincial de Directores de Centros de Ensino non Universitario.

Os representantes de cada unha das xuntas provinciais de directores que vaian formar parte da xunta autonómica, no número establecido, serán elixidos polos seus membros respectivos. O voto será directo, secreto e non delegable.

Cuarto.-Na sesión extraordinaria da xunta provincial de directores constituirase unha mesa electoral integrada polo seu presidente ou persoa en quen delegue e dous directores, de entre os que non se presenten como candidatos, o de maior e menor idade, actuando este último como secretario. No caso de imposibilidade do nomeamento destes dous directores, constituirase cos inspectores que integran a xunta provincial correspondente.

Quinto.-Cada director membro da xunta provincial fará constar na súa papeleta un máximo de catro nomes, dous por cada un dos colectivos de directores que figuran como vocais, de conformidade co disposto no artigo 3 da orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de novembro de 1999.

Sexto.-A mesa electoral de cada xunta provincial, unha vez finalizada a votación correspondente, procederá ó escrutinio dos votos. Efectuado este, redactarase unha acta, que asinarán tódolos membros da mesa, na que se fará consta-los representantes elixidos en función do maior número de votos, co número dos acadados por cada un, e os nomes de tódolos non elixidos, coa especificación dos votos obtidos en cada caso, para efectos de posibles substitucións futuras dos candidatos proclamados.

Os empates que se puidesen producir no número de votos, dentro de cada un dos dous colectivos, dirimiranse en favor dos que posúan maior antigüidade na xunta provincial de directores, maior número de anos de permanencia continuada como director dun centro educativo ou por sorteo.

A mesa electoral proclamará no mesmo acto os candidatos elixidos e trasladará a súa proposta, no primeiro día hábil inmediatamente posterior ó da data de elección en reunión extraordinaria, ó director xeral de Centros e Inspección Educativa, quen resolverá o seu nomeamento.

Contra este nomeamento poderase presentar recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes.

Sétimo.-A xunta autonómica de directores constituirase dentro dos dez días seguintes ó da proclamación de candidatos, mediante convocatoria do seu presidente ou persoa en quen delegue.

A falta de todos ou parte dos representantes dunha ou varias xuntas provinciais de directores, por causas imputables a elas, non invalidará a constitución da xunta autonómica de directores.

Oitavo.-O mandato dos directores elixidos para a xunta autonómica será polo tempo que lles reste como membros da respectiva xunta provincial de directores, sen que poida exceder de catro anos. Non obstante o anterior, poderase exceder este límite como resultado dun novo proceso de elección.

Noveno.-As baixas de representantes das xuntas provinciais na xunta autonómica que se produzan antes do remate do período de tempo para o que foron elixidos, por deixaren de cumpri-los requisitos establecidos ou por calquera outra circunstancia, serán cubertas polos candidatos seguintes, do mesmo colectivo e xunta provincial, segundo a orde establecida en función do maior número de votos que obtiveran no último proceso de elección.

No caso de que non houbese candidatos, a vacante quedaría sen cubrir ata o seguinte proceso de elección.

As baixas temporais producidas no caso de enfermidade ou de ausencia por causas de forza maior, debidamente xustificadas ante o presidente, poderán ser cubertas temporalmente polo procedemento sinalado con anterioridade.

Disposición transitoria

Única.-Os directores elixidos membros da xunta autonómica, en virtude do proceso establecido con carácter excepcional na disposición transitoria primeira da Resolución do 16 de novembro de 1999 (DOG do 10 de decembro), conxunta da Secretaría Xeral e da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establece o procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos membros da Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario, seguirán desempeñando as súas funcións ata que remate o proceso electoral do ano 2000.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrógase a Resolución do 16 de novembro de 1999 (DOG do 10 de decembro), conxunta da Secretaría Xeral e da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establece o procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos membros da Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario.

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2000.

Severino Somoza GómezMáximo García Serrano

Director xeral de CentrosSecretario xeral da Consellería

e Inspección Educativade Educación e Ordenación

Universitaria