Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Luns, 27 de novembro de 2000 Páx. 15.779

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 13 de novembro de 2000 pola que se particulariza para o exercicio orzamentario 2001 o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

A Orde do 17 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura (DOG nº 149, do 2 de agosto) establece no seu artigo 4 que nos exercicios sucesivos da vixencia do actual Programa Operativo IFOP 2000-2006 as axudas se outorgarán con cargo ás aplicacións orzamentarias que para esta mesma finalidade se determinen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma do ano correspondente.

Por outra banda, o seu artigo 15 establece que o prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación no DOG da correspondente convocatoria.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes para o exercicio 2000 ó abeiro da referida orde e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para o vindeiro exercicio orzamentario, procede establece-las condicións particulares para a concesión destas axudas no exercicio 2001.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Para o exercicio orzamentario 2001, as axudas ó abeiro da Orde do 17 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura (DOG nº 149, do 2 de agosto), outorgaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.722A.770.0, que figura dotada no proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001 e ata un importe máximo de 5.096.090.000 pesetas.

En todo caso e de conformidade co disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 33, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, o gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001.

Artigo 2º

Para a concesión de axudas ó abeiro da devandita Orde do 17 de xullo de 2000 con cargo ó exercicio orzamentario 2001, o prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Única.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2000.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura