Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Xoves, 23 de novembro de 2000 Páx. 15.621

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 8 de novembro de 2000 pola que se adapta ós regulamentos (CE) 2603/99 e 1257/1999, a orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, que regula a protección integrada do viñedo mediante métodos biotecnolóxicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

No período comprendido entre os anos 1995 e 1999 veuse aplicando na Comunidade Autónoma de Galicia, a regulación da protección integrada do viñedo mediante métodos biotecnolóxicos, a través de normativa encadrada no marco do Regulamento (CEE) 2078/1992, do Consello, do 30 de xuño de 1992, sobre métodos de producción agraria compatibles coas esixencias da protección do ambiente e a conservación do espacio natural.

O programa de protección integrada do viñedo logrou, por parte daqueles viticultores que levaron a cabo a consecución total do dito programa, os obxectivos perseguidos de reducción de tratamentos químicos, a diminución de risco de residuos dos ditos productos na uva colleitada, ampla difusión e implantación en zonas de cultivo de viñedo de métodos biotecnolóxicos de control de pragas respectuosos co ambiente e a conservación do espacio natural, e en definitiva, unha mellor calidade da uva producida.

O 17 de maio de 1999, o Consello da Unión Europea publicou o Regulamento (CE) 1257/1999, sobre a axuda o desenvolvemento rural a cargo do FEOGA e polo que se modifican e derrogan determinados regulamentos. O citado regulamento, nos seus artigos 22, 23 e 24, mantén as medidas agroambientais como un elemento importante para o desenvolvemento rural no novo marco comunitario para o período 2000-2006.

Por outra banda, o Regulamento (CE) 2603/1999 da Comisión, do 9 de decembro de 1999, polo que se establecen as disposicións transitorias para a axuda ó desenvolvemento rural, prevista no Regulamento (CE) 1257/1999, dispón as normas para a exe

cución transitoria entre o réxime de medidas agroambientais aplicadas no período 1995 a 1999 e o novo réxime para o período 2000-2006.

Tendo en conta que actualmente aínda non foi aprobado pola Comisión da U.E. o novo programa de axudas para fomentar métodos de producción agraria compatibles coas esixencias da protección e conservación do espacio natural, así como o programa nacional de medidas de acompañamento derivadas do novo Regulamento (CE) 1257/99, descoñécense os compromisos que deberán cumpri-los beneficiarios destas axudas, e as primas que deberán pagarse debido ó cumprimento deste compromiso.

Neste sentido e vista a orde da Consellería de Agricultura do 28 de outubro de 1999 pola que se convocaban axudas para a protección integrada do viñedo mediante métodos biotecnolóxicos, dentro da aplicación, na Comunidade Autónoma de Galicia, do réxime de medidas agroambientais, é necesario modifica-la mesma no ano 2000, ó disposto no Regulamento (CE) 2603/1999, da Comisión, do 9 de decembro de 1999, pola que se establecen disposicións para a axuda ó desenvolvemento rural previsto polo Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello.

En consecuencia, vista a proposta da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e ó amparo do disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-Pola presente orde modifícase e adáptase ó disposto no Regulamento (CE) 2603/1999, da Comisión, do 9 de decembro de 1999, que establece as disposicións transitorias para a axuda o desenvolvemento rural, prevista polo Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, a Orde do 28 de outubro de 1999 (DOG nº 217, do 10 de novembro) pola que se convocan axudas para a protección integrada do viñedo mediante métodos biotecnolóxicos.

Artigo segundo.-Os beneficiarios da axuda citada no artigo primeiro, que ata a data non concluísen co seu período de cinco anos consecutivos destinados

ó cumprimento dos compromisos agroambientais ós que optaron no momento que fixeron a primeira solicitude da devandita axuda, deberán presentar nova solicitude de petición de pagamento da axuda, de acordo co disposto na normativa reguladora dela que se cita no artigo primeiro.

Artigo terceiro.-O prazo para presenta-las solicitudes citadas nos artigos segundo e terceiro desta orde rematará 20 días despois do día seguinte da publicación desta orde.

Artigo cuarto.-Financiamento das actuacións. As axudas con cargo á presente orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentario 09.50.712A.773.0 Apoio á eficacia dos sistemas productivos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o dito exercicio, dotado con 4.500.000 pesetas para esta finalidade.

Adicional única.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria