Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Xoves, 23 de novembro de 2000 Páx. 15.622

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Samyl, S.L. (mantemento do Centro Residencial Docente do Meixoeiro).

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Samyl, S.L. (mantemento do Centro Residencial Docente do Meixoeiro), con nº de código 3602921, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 6-10-2000, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa en data 27-9-2000. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 13 de outubro de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Samyl, S.L.

para o seu Centro Residencial Docente

do Meixoeiro (servicio de mantemento)

Anos 2000-2001

Artigo 1º.-Ámbito persoal e territorial.

O presente convenio colectivo afectará por igual a tódalas empresas que poidan resultar adxudicatarias do servicio de mantemento do Centro Residencial Docente do Meixoeiro e a tódolos traballadores do dito servicio adscritos á empresa contratista do dito servicio, Samyl, S.L.

Artigo 2º.-Vixencia e denuncia.

O período de vixencia será do 1 de xuño de 2000 ó 31 de decembro de 2001.

De conformidade coa lexislación vixente, o convenio deberá de ser denunciado con tres meses de antelación á data da súa finalización; de non ser así, entenderase prorrogado tacitamente. A súa denuncia non significará ningunha modificación do seu texto articulado, que continuará vixente ata a súa substitución polo novo, nos termos que as partes establezan.

Artigo 3º.-Descansos.

1. O persoal desfrutará de 30 minutos de descanso, computado como tempo efectivo de traballo, en horario de 10 a 10.30 na quenda da mañá, de 17.30 a 18 horas na quenda do serán.

2. Descanso semanal: os traballadores terán dereito a un descanso mínimo semanal de 2 días ininterrompidos que, como regra xeral, abranguerá sábado e domingo.

O desfrute do descanso semanal é obrigatorio e non acumulable, agás naqueles casos nos que, a pedimento do traballador e por causa xustificada, se autorice a súa acumulación.

O persoal afectado por este convenio e logo de autorización poderá desfruta-los días de asuntos persoais e os de exceso de xornada cando o desexe, podendo acumulalos para os días de pontes do centro (Entroido, Semana Santa, Nadal, etc.).

Os días que queden sen desfrutar por causas imputables á empresa poderanse desfrutar dentro do mes de xaneiro do ano seguinte. A valoración destas situacións farase conxuntamente entre a dirección e o comité da empresa ou delegados de persoal, sendo tamén informadas as seccións sindicais.

Artigo 4º.-Xornada de traballo.

a) Como regra xeral, a xornada de presencia e traballo efectivo será de 37 horas e 30 minutos sema

nais, de luns a venres, de forma continuada en termos xerais en quendas de mañá e tarde. A xornada máxima anual será de 1.665 horas.

b) Respectarase o dereito adquirido legalmente dos traballadores que teñan un horario o unha xornada semanal laboral inferior á fixada neste artigo.

Artigo 5º.-Domingos e festivos.

A xornada de traballo e fin de semana e días festivos farase de maneira rotatoria e pola orde establecida polos traballadores.

Para os servicios que haxa que prestar necesariamente en sábados, por substitución, establécese un descanso adicional dun día.

Para os servicios que haxa que prestar necesariamente en domingos e festivos establécese un descanso adicional dun día, e de 2 días para os que haxa que presta-lo servicio por substitución.

Todo o persoal vinculado a este convenio desfrutará como descanso os días 24 e 31 de decembro. Se por necesidades do servicio non se puidesen desfrutar eses días, facilitarase un descanso equivalente no mes de xaneiro seguinte, cunha compensación adicional igual á que teñen os domingos e festivos.

Os días de descanso computaranse como xornada efectiva de traballo.

Artigo 6º.-Antigüidade.

A cantidade establecida como antigüidade consolidada (quinquenios) revisarase na mesma porcentaxe que estableza o convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta.

Por outra banda, o persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por ano de servicio, consistentes no aboamento de trienios de idéntica contía á establecida nos cadros retributivos do persoal laboral da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Artigo 7º.-Horas extras.

As partes asinantes do presente convenio acordan suprimi-las horas extraordinarias, excepto as de forza maior; tamén acordan compensalas con descansos de 2 días por día traballado extra.

As horas extraordinarias que se traballen de dez da noite a seis da mañá compensaranse con 2 días e œ de descanso ou a parte proporcional. Os días de descanso computaranse como xornada efectiva de traballo.

O traballador que realice dobre xornada non poderá comezar outra xornada sen descansar 1 día como mínimo, salvo acordo das partes e logo de comunicación ó delegado de persoal.

A realización de horas extraordinarias rexistrarase día a día e totalizaranse semanalmente, entregando copia do resumo semanal ó traballador no parte correspondente.

Ós representantes legais faráselles entrega da dita copia semanalmente.

Cada traballador non poderá realizar máis de 20 horas ó mes e 80 ó ano.

Artigo 8º.-I.T.

O persoal afectado por este convenio que se encontre en situación de I.T. derivada de accidente laboral percibirá o 100% do salario desde o primeiro día de baixa.

Igualmente, o persoal que cause baixa con hospitalización calquera que sexa o seu motivo percibirá o 100% do salario desde o primeiro día de baixa.

No caso de baixa de I.T. derivada de enfermidade común ou accidente non laboral, percibira así mesmo o 100% desde o primeiro día de baixa.

Artigo 9º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio colectivo percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes ós meses de xullo e decembro na contía, cada unha delas, de 30 días de salario base máis antigüidade.

Estas gratificacións serán concedidas en proporción ó tempo traballado, rateándose cada unha delas por semestres naturais do ano no que se outorguen.

A paga correspondente ó primeiro semestre aboarase entre os días 10 e 25 de xullo; polo que respecta á do segundo semestre, será aboada entre o 10 e o 20 de decembro.

Artigo 10º.-Promoción interna.

No caso de vacante nunha categoría superior, o acceso a ela sería por orde de antigüidade, dependendo do posto de traballo que se vaia cubrir e da capacitación profesional do afectado.

Artigo 11º.-Pagamento de nóminas.

Farase efectivo este pagamento o derradeiro día de cada mes, dando un prazo por motivos burocráticos ou de forza maior ata o día 2 do seguinte mes.

Artigo 12º.-Subrogación do persoal.

Ó remate da concesión da contrata de mantemento, os traballadores da empresa contratista saínte, pasarán a estar adcritos á nova titular da contrata, que se subrogará en tódolos dereitos e obrigas da anterior adxudicataria con respecto a tódolos traballadores, calquera que sexa a situación na que se encontren e a modalidade do seu contrato de traballo, coa única excepción daqueles traballadores que foran incorporados dentro dos catro últimos meses se a dita incorporación non se debe a ampliación da contrata ou a unha esixencia expresa do cliente.

Nun prazo de 3 días hábiles, a empresa saínte deberalle facilitar á entrante a seguinte documentación:

-Certificado do organismo competente de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopias dos TC1 e TC2 de cotizacións á Seguridade Social dos últimos catro meses.

-Relación de persoal na que se especifique:

-Nome, apelidos, enderezo, nº de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, moda

lidade da súa contratación e data de desfrute das vacacións.

O empresario saínte estará así mesmo, obrigado a lle liquidar ó entrante as partes proporcionais dos conceptos retributivos dos traballadores, co obxecto de que estes poidan desfrutar completas as súas vacacións e cobrar integramente as pagas correspondentes.

O contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores só se extingue no momento no que se produza a súa subrogación por parte da nova adxudicataria.

A aplicación deste artigo seralles de obrigado cumprimento ás partes as que vincula, empresa cesante, nova adxudicataria e traballador. Sen que desapareza o seu carácter vinculante por efecto de que a empresa adxudicataría do servicio suspenda este por un período inferior a dous meses.

Artigo 13º.-Seguridade e hixiene.

A empresa obrigarase ó cumprimento inescusable das normas de seguridade e hixiene no traballo en materia de aseos, vestiarios, dotacións sanitarias, duchas etc...,de conformidade coa Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 14º.-Excedencias.

Os traballadores cunha antigüidade na empresa de polo menos un ano, terán dereito a que se lles recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un período non inferior a dous anos nin superior a cinco. Dos dous anos de excedencia ata os cinco poderase solicitar ano a ano a prórroga da excedencia cun mes de antelación ó vencemento de cada prazo. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador cando transcorresen catro anos desde o remate da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo, contado desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que viñese desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Poderán, así mesmo, solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

O traballador que solicite unha excedencia voluntaria terá dereito á reserva do seu posto de traballo. No non disposto neste artigo, observarase o disposto na normativa citada no artigo de lexislación subsidiaria.

Artigo 15º.-Recoñecemento médico.

A empresa está obrigada a solicitar do gabinete técnico provincial, servicio social de hixiene e seguridade no traballo de Rande ou outro centro asistencial similar, un recoñecemento anual como mínimo para todo o persoal. O tempo empregado no reco

ñecemento será aboado pola empresa, que facilitará os medios de transporte para este desprazamento.

Artigo 16º.-Licencias retribuídas.

Todo o persoal vinculado por este convenio, logo de aviso e posterior xustificación (agás os asuntos propios), poderá desfrutar das seguintes licencias:

a) Dezaseis días naturais no caso de matrimonio do traballador.

b) Tres días laborables no caso de nacemento dun fillo.

c) Cinco días naturais no suposto de morte ou enfermidade grave de cónxuxe, pais, fillos.

d) Dous días naturais no suposto de morte ou enfermidade grave ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando haxa convivencia do traballador ou precise facer un desprazamento, o prazo será de dous días máis.

e) Un día laborable no suposto de traslado de domicilio sen cambio de residencia, en caso de ter cambio de residencia, dous días.

f) O tempo necesario nos casos de asistencia a consulta médica de especialistas da Seguridade Social, cando coincida o horario de consulta co traballo, e prescriba a dita consulta o facultativo de medicina xeral, debendo presentar previamente o traballador na empresa o volante xustificativo da referida prescrición médica. Nos demais casos, ata o límite de 22 horas ó ano.

g) O tempo necesario para a realización de exames e demais probas definitivas de aptitude e avaliación, coa correspondente comunicación previa, durante os días da súa realización.

h) O tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, (renovación do DNI, asistencia a xuízos, etc.).

i) Un día natural no caso de matrimonio de fillos e irmáns.

j) Un día natural polo falecemento dun parente de terceiro grao, sempre que conviva no domicilio do traballador (tío, tío político, avó político, etc...).

k) Poderá dispoñerse de nove días ó ano de permiso para asuntos persoais sen xustificación.

l) Para realizar funcións sindicais de formación sindical ou de representación do persoal, nos termos legalmente establecidos.

Artigo 17º.-Licencias non retribuídas.

Os traballadores terán dereito a licencias non retribuídas pero que deberán ser debidamente xustificadas nos casos seguintes:

a) Enfermidade grave de parentes.

b) Acompañar fillos menores de idade ó médico.

c) Ata sete días naturais por necesidades persoais xustificadas, sempre e cando se esgotaran os días de libre disposición retribuídos.

d) Os traballadores que teñan unha antigüidade maior de cinco anos, poderán solicitar unha licencia

sen salario por un período máximo de 11 meses (tempo sabático), cando esta teña por obxecto a formación persoal ou o desenvolvemento profesional do traballador.

Artigo 18º.-Saídas, axudas de custo e viaxes.

Tódolos traballadores afectados por este convenio non poderán ser trasladados a outro centro de traballo ou localidade. En caso de traslado forzoso do traballador motivado por causas de forza maior (regulación de emprego, falta de traballo etc...), esta levarase a cabo sempre logo de acordo co representante legal dos traballadores.

Artigo 19º.-ETTs.

Calquera empresa que teña o servicio de mantemento no CRD, non poderá contratar a través das empresas de traballo temporal (ETT).

Artigo 20º.-Capacidade diminuída.

Todos aqueles traballadores que por accidente de traballo, enfermidade profesional ou común, con reducción das súas facultades físicas ou intelectuais, sufran unha capacidade diminuída, terán preferencia para ocupa-los postos máis aptos en relación coas condicións que existan na empresa, sempre que teñan aptitude ou idoneidade para o novo posto.

Artigo 21º.-Servicio militar.

O traballador que se incorpore a filas con carácter oficial ou voluntaria polo tempo mínimo de duración deste, terá reservado o seu posto de traballo durante o tempo que permaneza cumprindo o servicio militar e dous meses máis, compútandose todo este tempo para efectos de antigüidade na empresa.

Durante o tempo de permanencia no servicio militar o traballador terá dereito a percibi-las gratificacións extraordinarias de xullo e Nadal.

A non incorporación do traballador fixo ó seu posto de traballo, ó remate do servicio militar e dentro do prazo de reserva, dará lugar á rescisión do seu contrato de traballo.

Artigo 22º.-Vacacións.

Todo o persoal acollido a este convenio cun ano mínimo de servicio terá dereito a unhas vacacións retribuídas de duración igual ó mes natural en que se desfruten. De non levar un ano de servicio, desfrutaranse as vacacións en proporción ós días traballados, a razón de 2 días e medio por mes ou fracción de mes traballado. As vacacións desfrutaranse ininterrompidamente entre o 15 de xuño e o 15 de setembro. O calendario de vacacións fixarase con dous meses de antelación ó comezo do seu desfrute, para o seu coñecemento polos traballadores, e inserirase no taboleiro do centro de traballo coa sinatura da empresa e ó representante dos traballadores.

Cando por necesidades do servicio o persoal teña que desfrutar obrigatoriamente as súas vacacións fóra do período establecido, as vacacións serán de 25 días laborables.

O persoal poderá percibir como anticipo, na nómina correspondente ó mes anterior ó de desfrute, ata

o 50% do salario correspondente ó período vacacional, debendo solicitalo por escrito con antelación suficiente.

Todo o persoal que antes ou durante o período de vacacións estea en situación de I.L.T. terá dereito ó desfrute destas ou da parte pendente, sempre que cause alta antes do remate do ano natural.

Artigo 23º.-Pluriemprego.

As partes asinantes do presente convenio coidan conveniente contribuír á erradicación do pruriemprego, como regra xeral. Para estes efectos, estímase necesario que se apliquen co máximo rigor as sancións previstas na lexislación vixente nos casos de traballadores non dados de alta na Seguridade Social por estalo xa noutra empresa.

A empresa Samyl, S.L. non poderá contratar, en réxime de pruriemprego ou xornada reducida, aqueles traballadores que dispoñan doutra ocupación retribuída por xornada completa e non a tempo parcial.

Ámbalas dúas partes consideran como falta laboral de carácter moi grave o feito de que traballadores incluídos no ámbito funcional deste convenio, con xornada completa, presten os seus servicios por conta de terceiras empresas, colocándose en situación de pluriemprego, tanto se a nova empresa os dá de alta na Seguridade Social como no caso contrario.

Artigo 24º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará o persoal da roupa axeitada de traballo coa frecuencia necesaria para que esta se encontre en todo momento en perfecto estado. Entregaráselle así mesmo, anualmente un par de zapatos, e se algunha das actividades que se vaia realizar así o requerise, entregarase un par de botas de seguridade.

O traballador que realiza o seu labor con lentes graduados, terá dereito a que se lle proporcionen outras, sempre que en razón do traballado os seus sufran algunha deterioración, sempre que se adopten as medidas de seguridade de protección.

Artigo 25º.-Seguro colectivo.

Desde a data de entrada en vigor deste convenio, a empresa concertará un seguro colectivo de accidentes, aboando o importe integro das primas, debendo cubri-la póliza a seguinte contía mínina de indemnizacións:

a) Accidente laboral con resultado de morte: 2.500.000 pesetas.

b) Accidente laboral con resultado de invalidez permanente total, absoluta ou grande invalidez: 3.500.000 pesetas.

c) Unha copia da póliza inserirase no taboleiro de anuncios do centro de traballo, e outra será para os traballadores, onde se fará consta-lo nome do beneficiario.

Artigo 26º.-Xubilación.

A empresa e os traballadores poderán pactar, existindo acordo por ámbalas dúas partes, xubilacións

anticipadadas ós 64 anos de conformidade co disposto no Real decreto lei 14/1081, do 20 de agosto, e Real decreto 1194/1985, para o cal a empresa deberá contratar simultaneamente en lugar do xubilado outro traballador que sexa titular do dereito a calquera das prestaccións económicas de desemprego ou xove demandante de primeiro emprego e tal como dispoñen as normas citadas.

Artigo 27º.-Comisión paritaria.

No momento da sinatura do presente convenio constituirase a súa comisión paritaria, que quedará composta polos asinantes, tanto en representación da empresa como en representación dos traballadores.

As funcións desta comisión paritaria consistirán en vixiar e interpreta-lo cumprimento de cada un dos pactos que interveñen e constitúen a normativa do vixente pacto colectivo.

Artigo 28º.-Acción sindical.

Sen prexuízo do disposto na lexislación vixente, os traballadores desfrutarán das seguintes garantías sindicais.

A empresa dará conta das novas contratacións que haxa ós representantes dos traballadores.

A empresa disporá dun taboleiro de anuncios no que poderá inserirse propaganda sindical, a cal deberá axustarse ó disposto no Estatuto dos traballadores.

As seccións sindicais constituídas ó amparo deste convenio terán dereito a un delegado sindical cos mesmos dereitos e garantías que os delegados de persoal, sempre e cando no centro de traballo onde desenvolvan a súa actividade non haxa representación sindical.

Dentro das formalidades previstas nos artigos 77 e seguintes do Estatuto dos traballadores, a empresa facilitará o exercicio e reunións informativas dentro da xornada laboral empregando un máximo de dúas horas ó mes.

Cada representante sindical poderá dispor dun crédito de 30 horas mensuais e de 35 horas a partir do 1 de xuño de 2001, retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación, que poderán acumularse ata períodos de dous meses para reunións congresuais ou federais.

Non se computarán dentro deste crédito horario as reunións mantidas coa empresa.

Artigo 29º.-Delegado de prevención.

Nomearase un delegado de prevención de entre os compoñentes do cadro de persoal, conforme marca a Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 30º.-Non discriminación.

Homes e mulleres gozarán de igualdade de oportunidades en canto ó emprego, formación, promoción e desenvolvemento do traballo.

Non se pode discrimina-los traballadores por seren cargos sindicais, polo seu credo político, relixión ou cor da pel.

Artigo 31º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente regulado no convenio, observarase o disposto no III convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Táboa salarial para a vixencia do presente

convenio

Categorías

EncargadoGrupo IIICategoría 6

Oficiais de primeiraGrupo IIICategoría 70, 74 e 76

Salario anoSalario base

Encargado2.562.434183.031

Oficiais2.359.938 (*)168.567 (*)

(*) Este será o valor ano e mes nos sete primeiros meses da vixencia do convenio. Para os restantes cinco meses, e valor será o seguinte:

Salario anoSalario base

2.448.894174.921

O valor do trienio será de 4.169 pesetas para tódalas categorías.

A partir do 1 de xuño de 2001, o salario será o que estableza o convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia.