Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Mércores, 22 de novembro de 2000 Páx. 15.575

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2000 pola que se convocan probas selectivas para ingreso na escala auxiliar, pola quenda de prazas afectadas polo artigo 15 da Lei de medidas para a reforma da función pública.

En cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 473/1997, do 28 de novembro, da Xunta de Galicia, coa finalidade de dar cumprimento á disposición transitoria novena da Lei da función pública de Galicia e de conformidade co acordo adoptado coa xunta de persoal funcionario,

O rector, no uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei de reforma universitaria en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, acorda convocar proceso selectivo para ingreso na escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela, pola quenda de prazas afectadas polo artigo 15 da Lei de medidas, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir vintecatro prazas da escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela pola quenda de prazas afectadas polo artigo 15 da Lei de medidas para a reforma da función pública.

1.2. As prazas convocadas e non cubertas non se poderán acumular a outras quendas de acceso.

1.3. O persoal que supere as probas de acceso quedará destinado nos mesmos postos de traballo que veñen ocupando.

1.4. Os postos de traballo de persoal laboral que, cumprindo os requisitos de admisión no presente procedemento, non participe ou non superen o proceso selectivo serán declarados a extinguir e así figurarán na correspondente relación de postos de traballo.

1.5. As presentes probas selectivas rexeranse polas bases desta convocatoria e, en canto lle sexa de aplicación, pola Lei 30/1984, do 2 de agosto, de

medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado; a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas leis 4/1991 e 3/1995, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, e con carácter supletorio o acordo do Consello de Ministros do 27 de marzo de 1991.

1.6. O sistema selectivo será o de concurso-oposición, coas valoracións e probas que se especifican no anexo I.

1.7. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas os/as aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou presenta-la condición de nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos os 18 anos.

c) Estar en activo prestando servicios como contratado laboral fixo nun posto de traballo clasificado como reservado a funcionario do grupo D (escala auxiliar) na correspondente relación de postos de traballo de persoal funcionario da Universidade de Santiago de Compostela.

d) Estar en posesión do título de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao, ou equivalente.

e) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

f) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

2.2. Tódolos requisitos enumerados nos puntos anteriores deberán posuírse no día da finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manterse ata a data da toma de posesión como funcionario.

3. Solicitudes.

3.1. Os/as que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán facelo constar en instancia que se axustará ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria. A instancia deberá ir acompañada de fotocopia do DNI.

A xerencia expedirá, de oficio, certificación acreditativa dos méritos que se valorarán na fase de concurso, que figuren no expediente persoal referida á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. A citada certificación engadirase á solicitude presentada polo/a aspirante.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Santiago de Compostela, sito no Colexio de San Xerome, Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela; no rexistro do Campus de Lugo, sito no edificio da Biblioteca Intercentros de Lugo, avda. Bernardino Pardo Ouro s/n, Augas Férreas, Polígono de Fingoi, Lugo; ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3.4. Os dereitos de exame serán de 2.500 pesetas, que se ingresarán en Caixa Galicia na conta «Oposicións» número: 2091-0388-90-3110000646. Para realiza-lo ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura no anexo IV.

En ningún caso, a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.5. Os/as aspirantes con minusvalidez poderán indicalo na solicitude, utilizando para isto o recadro número 4, así como solicita-la adaptación de tempo e medios para a realización dos exercicios, para o que utilizarán o recadro número 6.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Santiago de Compostela dictará resolución, no prazo máximo dun mes, declarando aprobada a lista de admitidos e excluídos na que constará o nome e apelidos dos excluídos, o número de DNI, así como as causas de exclusión e o prazo para reparalas. Esta resolución publicarase no taboleiro de anuncios do Rectorado.

4.2. Os aspirantes excluídos ou que non figuren na relación de admitidos, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para poder emenda-lo defecto que motivara a exclusión.

4.3. Os/as aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

4.4. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ós/ás aspirantes que sexan excluídos definitivamente destas probas selectivas e para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer consta-la entidade bancaria e o número de conta no recadro que figura na solicitude. De non incluírense estes datos, entenderase que renuncia á devolución dos dereitos de exame.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura no anexo III a esta convocatoria e terá a categoría cuarta das recollidas no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo (BOE do 19 de marzo), modificado pola Resolución do 22 de marzo de 1993 da Subsecretaría de Economía e Facenda e para as administracións públicas, pola que se revisan os importes das indemnizacións establecidas (BOE 26-3-1993) e no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño), modificado polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro (DOG do 14 de febreiro).

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da Universidade, cando concorran neles circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas nos ditos artigos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran algunha das circunstancias antes reflectidas.

5.3. Con anterioridade á iniciación das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituí-los que teñan perda a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.2.

5.4. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que lle correspondan de acordo co correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.5. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.6. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5.7. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Así mesmo, o tribunal poderá dispoñe-la incorporación con carácter temporal doutros funcionarios/as para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4º do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.8. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os/as aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios que ó resto dos/as participantes. Neste sentido, establecerase para as persoas con minusvalidez que o soliciten na forma prevista na base 3.5 as adaptacións posibles en tempo e medios para a realización dos exercicios.

5.9. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes. O tribunal excluirá aqueles/as opositores que consignen o seu nome nas follas de exame, trazos, marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.10. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade de Santiago de Compostela.

5.11. En ningún caso, o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes que ó de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra «Z», de conformidade co establecido na Resolución do 16 de marzo de 2000 da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

6.2. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. O tribunal será o encargado de publica-lo lugar, data e hora de realización dos exercicios da oposición. Esta publicación efectuarase no taboleiro de anuncios do Rectorado e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la máxima divulgación, con vintecatro horas, polo menos de antelación á sinalada para o seu inicio.

6.4. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos/as aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo de audiencia ó/á interesado/a, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da universidade, comunicándolle, así mesmo, as inexactitudes ou falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude de admisión ás probas selectivas para os efectos procedentes.

Contra a exclusión do aspirante, poderá interporse recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da súa exclusión.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluída a fase de oposición, o tribunal cualificador fará públicas, no lugar de celebración dos exercicios e naqueloutros que coide oportunos, as relacións de aspirantes que o superaran, con indicación da cualificación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I da presente convocatoria.

7.4. O tribunal fará pública a lista de aspirantes que fosen seleccionados, a cal en ningún caso poderá contar un número de candidatos/as superior ó das prazas convocadas.

7.5. Finalizado o proceso selectivo, o tribunal elevaralle ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados, na que constarán as cualificacións obtidas en cada unha das fases: oposición e concurso.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel no que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados no Rectorado da universidade, os/as aspirantes que figuren nelas deberán presentar no Servicio de Planificación e Programación de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova,

6 de Santiago de Compostela) a documentación necesaria para proceder ó nomeamento como funcionario de carreira da escala auxiliar, que non se atope suficientemente acreditada no seu expediente.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presenta-los documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións esixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado funcionario/a de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Nomeamento de funcionarios/as de carreira.

9.1. Concluído o proceso selectivo, os/as que o superasen serán nomeados/as funcionarios/as de carreira, mediante resolución rectoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. A toma de posesión destes aspirantes efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte o da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 10.1º a) da Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, aprobada por Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Non obstante, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que o dictou. Neste caso non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado en tanto non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ó abeiro dos artigos 116 e ss. da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2000.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: ESCALA AUXILIAR

Exercicios e valoración.

O sistema de selección será o de concurso-oposición, que constará das seguintes fases:

1. Fase de oposición: consistirá na superación dun curso selectivo de carácter obrigatorio, rematado o cal, os aspirantes deberán realiza-lo exercicio que se indica a continuación.

Primeiro exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá en contestar a un cuestionario de preguntas tipo test con tres respostas alternativas, das que só unha será a correcta, baseadas nos oito primeiros temas do programa que figura no anexo II.

O tempo máximo de duración desta proba será dunha hora.

Este exercicio valorarase coa cualificación de apto ou non apto, de acordo cos criterios que para tal efecto estableza o tribunal.

Segundo exercicio, proba de galego non eliminatoria: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego e do galego para o castelán, elixido por sorteo entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo de realización deste exercicio será dunha hora. A puntuación será de 0 a 10 puntos.

2. Fase de concurso: para os/as aspirantes que superen a fase de oposición, a valoración de méritos farase da seguinte forma:

2.1. Antigüidade: máximo 10 puntos. Valorarase a antigüidade recoñecida referida á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, a razón de 0,08 puntos por mes traballado.

3. A orde definitiva do proceso selectivo será determinada pola maior puntuación obtida na fase de concurso, sempre que os aspirantes superaran a oposición.

ANEXO II

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: ESCALA AUXILIAR

Programa.

1. Os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela: clases e réxime xurídico do persoal de administración e servicios (PAS). Do persoal docente e investigador.

2. O persoal ó servicio das administracións públicas. Selección, adquisición e perda da condición de funcionario.

3. O procedemento administrativo: iniciación, ordenación, instrucción e terminación.

4. Disposicións e actos administrativos. Requisitos dos actos administrativos. Eficacia. Nulidade e anulabilidade.

5. Procesos de admisión de alumnos e a súa xestión.

6. Prezos públicos: bolsas, axudas e subvencións. Expedición de títulos. Oferta de estudios.

7. O réxime económico e a programación plurianual da Universidade de Santiago de Compostela.

8. Procedemento de execución do orzamento de gastos.

9. Word: persoalizar Word. Autocorrección e autotexto. Modelos. Integración en Internet. Combinar correspondencia. WordArt e WordGraph.

10. Outlook: conceptos básicos. Bandexa de entrada. Calendario. Contactos. Tarefas. Diario. Notas.

11. Estructura e contido da información na web da USC.

ANEXO III

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: ESCALA AUXILIAR

Tribunal titular.-Presidente:

Xosé Antón Freire Ramos, funcionario da escala de xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

-Vocais:

Elena Iglesias Saco, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela.

Carmen Martí Fernández, funcionaria da escala de técnico de xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

María Reyes Fernández Zanca, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela.

Carmen Pazo Regueiro, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da xunta de persoal de PAS funcionario.

Blanca García Álvarez, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da xunta de persoal de PAS funcionario.

-Secretaria:

Obdulia Lareo Currás, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

Tribunal suplente:-Presidente:

Manuel Clavero Iglesias, funcionario da escala técnico de xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

-Vocais:

Josefa Recalde Fernández, funcionaria da escala de xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

José Manuel García García, funcionario da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela.

María Concepción Piñeiro Aranda, funcionaria da escala de xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

Ángel David Hernández de la Fuente, funcionario da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da xunta de persoal de PAS funcionario.

Josefa Vázquez Docampo, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da xunta de persoal de PAS funcionario.

-Secretaria:

María del Pilar Feros Carrasco, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.