Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Luns, 20 de novembro de 2000 Páx. 15.434

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 6 de novembro de 2000 pola que se modifica a Orde do 29 de febreiro de 1996 pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a competencia exclusiva en materia de asistencia social consonte o disposto no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía. Con base na referida atribución competencial, aprobouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais (DOG nº 76, do 23 de abril) que ordena e regula os aspectos básicos dun sistema integrado de protección social, establecendo no seu artigo 26.3º a competencia para a regulamentación dos centros e servicios, públicos e privados, con ou sen ánimo de lucro, que presten servicios sociais, establecendo as condicións para a súa apertura e funcionamento, modificación, capacitación do seu persoal e peche.

No exercicio desta competencia, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de auto

rización e acreditación de centros de servicios sociais e no que se establecen os requisitos xerais que deben cumpri-los ditos centros para a súa creación, apertura e posta en funcionamento. En cumprimento da disposición derradeira primeira do referido decreto, facúltase as consellerías de Sanidade e Servicios Sociais e de Familia, Muller e Xuventude para dictaren, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións sexan precisas para o seu desenvolvemento e aplicación. Así, no exercicio da dita competencia, con data do 20 de marzo de 1996, publícase a Orde do 29 de febreiro de 1996 pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e de atención á infancia.

A demanda na sociedade de cambios substanciais no ámbito da protección e reforma do menor determinou a promulgación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabiliade penal dos menores (BOE nº 11, do 13 de xaneiro). Na súa disposición derradeira sétima establece que as comunidades autónomas con competencia respecto da protección e reforma de menores, adaptarán a súa normativa para a adecuada execución das funcións que lles outorga a presente lei. En aplicación do exposto, e na consecución da salvagarda do interese superior do menor, xorde a necesidade de revisar e perfila-las as tipoloxías e os requisitos específicos e organizativos dos centros de menores establecidos na antedita orde dentro da área competencial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consonte o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica, modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.

A presente orde ten por obxecto a modificación da Orde do 29 de febreiro de 1996, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia.

Os artigos 3º, 5º.2 e o anexo I, no seu apartado I. Centro de menores, son obxecto das modificacións que a continuación se relacionan:

Un.-O artigo 3º «Centros de menores», queda redactado como segue:

«Son centros de menores aqueles equipamentos destinados á atención de menores de idade de ámbolos dous sexos en situación de risco, desamparo ou conflicto social, nos que se desenvolven con regularidade programas e actividades dirixidos a este sector da poboación. Estes centros poden ser de carácter residencial ou diurno.

Son centros residenciais de menores aqueles equipamentos creados pola iniciativa pública ou privada para facilitar unha atención especializada a aqueles nenos e mozos que, por distintas circunstancias sociofamiliares, necesitan ser separados temporalmente do seu núcleo familiar ou internados baixo a aplicación de medidas xudiciais. Os centros deben reproduci-las condicións de vida do menor da forma máis próxima á dunha familia normalizada, desde o formato da vivenda ata a súa atención integral e compensadora das súas deficiencias.

Son centros de carácter diurno os que lles proporcionan ós menores diversas atencións durante o día prestando servicios complementarios de soporte e apoio ás familias e contribuíndo a palia-las súas carencias e a mellora-lo seu proceso de normalización socio-familiar».

Dous.-Modifícase o número 2, do artigo 5º como segue:

2.:«As solicitudes tramitaranse conforme os procedementos establecidos nos artigos 13 e seguintes do Decreto 243/1995, do 28 de xullo, e dirixiranse á Secretaría Xeral da Consellería, que tramitará e resolverá os expedientes, todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro».

Tres.-Modifícase o anexo I, no seu número I «Centro de menores», que queda redactado como segue:

-«AnexoI. I.Centros de menores.

1. Centros residenciais.

Os centros residenciais de menores clasifícanse nas seguintes tipoloxías: casas de primeira acollida, casas de familia, minirresidencias, residencias, centros con fogares, centros de reeducación, vivendas tuteladas, pisos asistidos e centros de atención específica.

Así mesmo, en función da idade dos nenos e nenas atendidos, poderán clasificarse en:

-Infantil: cando atende preferentemente a nenos e nenas de 0 a 3 anos.

-Xuvenil: cando a atención se dirixe principalmente a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos, e de conformidade coa normativa de responsabilidade de menores vixente.

-Infanto-xuvenil: cando o centro atende preferentemente nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 18 anos.

Son características comúns a tódolos centros residenciais de menores:

a) Usuarios.

Menores de ámbolos dous xéneros e de diferentes idades que se atopen en situación de desamparo ou baixo medidas xudiciais, ben que poderá haber determinados centros específicos que acollan meno

res dun tipo de xénero e/ou dun determinado tramo de idade cando así fose imprescindible polas atencións diferenciais que estes van requirir.

b) Situación.

Os centros residenciais de menores estarán situados, preferentemente, en núcleos de poboación ou lugares de fácil acceso, e cunha rede de transportes públicos adecuados, así como estar próximos a equipamentos sanitarios, educativos e de servicios comunitarios para a súa atención.

c) Prestacións.

Tódolos centros deberán proporcionar unha atención integral baseada nas seguintes prestacións: aloxamento, mantenza, apoio psicosocial e educativo, seguimento escolar, promoción da saúde, animación planificada do tempo libre, formación nas habilidades sociais básicas e colaboración no apoio e orientación ás familias dos menores.

d) Requisitos materiais.

-Os espacios destinados a dormitorios serán específicos para tal fin e non poderán ser paso obrigado a outras dependencias. Terán unha capacidade máxima de 4 prazas e unha superficie mínima de 6 m máis 2 m por praza, debendo dispor de ventilación e luz natural. Cada dormitorio terá espacios individualizados para garda-las pertenzas persoais.

-Contarán cunha zona de estar, diferenciada da zona de aloxamento, cunha superficie mínima de 2 m por menor.

-Disporán de cociña, servicio de lavandería e botica de urxencia para primeiros auxilios.

-Posuirán espacios con condicións adecuadas para o estudio, ben nos mesmos dormitorios ou nunha sala específica para este fin.

-O comedor deberá dispoñer dun mínimo de 1,5 m por menor. Non obstante, nas casas de familia, nas vivendas tuteladas e pisos asistidos, a zona de estar poderá prestar este servicio.

e) Requisitos de persoal.

Os centros de menores contarán cun persoal axeitado ás características que definen a súa actividade.

Tódolos cargos directivos dos centros de menores (directores e subdirectores) deberán estar en posesión dunha titulación mínima de grao medio, preferentemente nas áreas psicolóxica, pedagóxica ou socioeducativa.

1.1. Casas de primeira acollida.

a) Definición.

Son establecementos de carácter residencial non permanente, destinados a acoller menores en situacións de urxencia nos casos en que se vexan privados do seu domicilio debido a situacións extremas causadas por problemas familiares, malos tratos, abandono e outros supostos análogos.

b) Requisitos materiais.

Ademais dos requisitos materiais correspondentes a tódolos centros residenciais, deberán reuni-los seguintes requisitos específicos:

-A capacidade máxima destes equipamentos será de 15 prazas, debendo contar cunha superficie mínima de 15 m por praza.

-Deberán dispor dun despacho de dirección/administración e outro para o equipamento técnico/educativo.

-Contarán, como mínimo, con dous baños completos e, ademais, unha ducha por cada 5 prazas.

c) Requisitos de persoal.

-O número de persoal será tal que permita a presencia, como mínimo, dun traballador, proposto polo director na quenda de noite e, polo menos, un educador nas quendas de día.

-Disporán dun equipo técnico formado alomenos por psicólogo e un asistente social.

d) Prestacións.

Ademais das prestacións comúns a tódolos equipamentos, realizarán un estudio multidisciplinar dos menores que comprenda observación, diagnóstico e orientación.

1.2. Casas de familia.

a) Definición.

Son equipamentos residenciais destinados a menores, cunhas dimensións reducidas e instalados en vivendas normalizadas sen distinción do seu contorno e cunha capacidade máxima de 8 prazas.

b) Requisitos materiais específicos.

Serán requisitos específicos deste tipo de equipamentos os de:

-Ter unha capacidade máxima de 8 prazas, cunha superficie mínima útil de 112 m.

-Disporán como mínimo dun baño completo e un aseo con ducha, inodoro e lavabo.

c) Requisitos de persoal.

O número de persoal será tal que permita a presencia de polo menos 1 educador na quenda de día e dun traballador proposto polo director na quenda de noite. Se a casa de familia atendese exclusivamente menores de entre 0 e 3 anos, a ratio mínima será dun traballador por cada 4 menores nas quendas de día e un traballador proposto polo director na quenda de noite.

1.3. Minirresidencias.

a) Definición.

Son minirresidencias de menores os equipamentos residenciais de dimensións reducidas, instalados en vivendas normalizadas, cunha capacidade entre 9 e 15 prazas.

b) Requisitos materiais específicos.

Serán requisitos materiais específicos:

-Contar cunha superficie mínima útil de 150 m.

-Deberán dispor dun mínimo de 2 baños completos e unha ducha por cada 5 prazas.

c) Requisitos de persoal.

O número de persoal será tal que permita a presencia, como mínimo, dun traballador proposto polo director nas quendas de noite e polo menos 1 educador nas horas do día en que os menores estean no centro.

Se o equipamento fose exclusivamente para menores de entre 0 e 3 anos, a ratio mínima será dun traballador por cada 4 menores nas quendas de día, e un traballador proposto polo director nas quendas de noite.

1.4. Residencias.

a) Definición.

Son residencias de menores os establecementos de carácter asistencial e educativo, cunha capacidade entre 16 e 25 prazas.

b) Requisitos materiais específicos.

Deberán reuni-los seguintes requisitos materiais específicos:

-A súa superficie útil mínima será de 300 m.

-Disporá dun despacho de dirección/administración e outro para o equipo educativo, ademais dunha sala de reunións.

-Posuirán unha sala de estudio con capacidade polo menos para a metade dos menores, agás que os dormitorios dispoñan de espacio e condicións axeitadas para estas tarefas.

-Deberá dispoñer de dous baños completos, ademais dunha ducha por cada 5 prazas.

c) Requisitos de persoal.

A ratio de persoal será tal que permita a presencia, como mínimo, dun traballador, proposto polo director na quenda de noite e polo menos 1 educador cada 8 menores nas horas do día en que estes permanezan nos centros.

1.5. Centros con fogares.

a) Definición.

Son centros con fogares os equipamentos residenciais cunha capacidade de entre 26 e 40 prazas distribuídas en unidades de convivencia que permitan a adecuación dos espacios e ritmos de vida autónomos dentro da organización xeral.

b) Requisitos materiais específicos.

Deberán reuni-los seguintes requisitos materiais específicos:

-A capacidade máxima destes equipamentos será de 40 prazas divididas en unidades de convivencia

dun máximo de 10 prazas cada unha e cunha superficie mínima útil de 500 m.

-Contarán cun despacho de dirección/administración, un despacho do equipo educativo e unha sala de reunións.

-Cada unidade de convivencia deberá dispoñer de zona de estar de, como mínimo, 4 m por menor, un baño completo e un aseo con ducha, inodoro e lavabo; de espacios acondicionados para o estudio nos mesmos dormitorios ou nunha sala específica para este fin e de cociña e comedor.

c) Requisitos de persoal.

A ratio de persoal será tal que permita a presencia, como mínimo, dun traballador no centro na quenda de noite, proposto polo director; e, polo menos, 1 educador en cada unidade de convivencia nas horas do día en que os menores permanezan no centro.

1.6. Centros de reeducación.

a) Definición.

Son centros de reeducación os equipamentos residenciais de carácter educativo destinados a menores de ámbolos dous sexos que presenten problemáticas conductuais ou estean sometidos a medidas xudiciais de internamento e requiran dun apoio especializado. Os centros estarán divididos en unidades de convivencia adecuados á idade, madureza, necesidades e habilidades sociais dos menores internados.

O réxime de atención destes centros pode ser:

1. Réxime aberto: a atención en réxime aberto supón a obriga do menor de residir no centro, participando na vida cotiá del, e realizando as actividades escolares ou laborais fóra del. Os menores e mozos en réxime aberto poderán, ademais, saír tódalas fins de semana e períodos vacacionais en que sexa posible.

2. Réxime semiaberto: a atención en réxime semiaberto supón a obriga do menor ou mozo de residir no centro, participando na súa vida cotiá e realizando as actividades escolares ou prelaborais xeralmente dentro del, agás nos casos en que se considere que a súa realización fóra do centro non prexudica a aplicación da medida. Os menores en réxime semiaberto poderán desfrutar de permisos de fins de semana e vacacións, agás as limitacións que se poidan establecer por resolución xudicial ou decisión do equipo educativo do centro en aplicación do regulamento de réxime interno.

3. Réxime pechado: a atención en réxime pechado supón a obriga do menor ou mozo de residir no centro permanentemente, realizando tódalas actividades no interior del. Os menores en réxime pechado soamente poderán saír do centro con autorización xudicial e, neses casos, farano acompañados dun educador.

Aqueles menores que, aínda non sendo obxecto de medidas xudiciais, presenten unha personalidade conflictiva pola que necesiten de medidas de educación especiais, poderán ser tamén usuarios deste tipo de centros, pero só poderán ocupa-las insta

lacións e/ou dependencias habilitadas para os menores suxeitos a medidas de internamento en réxime semiaberto ou aberto.

b) Requisitos materiais.

-A capacidade máxima deste equipamento será de 40 prazas, divididas en unidades de convivencia con funcionamento autónomo en función dos distintos réximes de atención. Segundo a súa capacidade e estructura terá os requisitos materiais específicos que correspondan ós distintos equipamentos residenciais de menores (casa de familia, minirresidencia, residencia ou centro con fogares).

-Contarán cun despacho de dirección/administración, outro para o equipo educativo e unha sala de reunións.

-Cada unidade de convivencia deberá dispoñer de zona de estar, dun baño completo e un aseo con ducha, inodoro e lavabo; de espacios acondicionados para o estudio nos mesmos dormitorios ou unha sala específica para este fin; e de cociña e comedor.

-As unidades de réxime pechado contarán ademais con medidas arquitectónicas de contención que garantan a permanencia dos menores neles, debendo contar con espacios ó aire libre que permitan o esparexemento dos menores.

c) Requisitos de persoal.

A ratio de persoal será a seguinte: deberá estar presente, como mínimo, 1 educador por cada 8 menores nas horas do día en que estes permanezan no centro; nas unidades de réxime semiaberto ou pechado a ratio mínima será de 1 educador por cada 5 menores durante as quendas de día. En tódolos casos deberá garantirse a presencia no centro de polo menos un traballador, proposto polo director na quenda de noite.

1.7. Vivendas tuteladas.

a) Definición.

Son vivendas tuteladas os equipamentos residenciais instalados en vivendas normalizadas dirixidos a menores de idades en torno á maioría de idade que debido á súa situación socio-familiar necesitan apoios para alcanzaren a súa autonomía definitiva, funcionando en réxime de autoxestión baixo supervisión técnica dos educadores.

b) Requisitos materiais específicos.

Deberán reuni-los seguintes requisitos específicos:

-A capacidade máxima deste equipamento será de 8 prazas, cunha superficie mínima útil de 112 m.

-Contarán, como mínimo, cun baño completo e un aseo con ducha, inodoro e lavabo.

c) Requisitos de persoal.

As vivendas tuteladas contarán coa presencia dun educador en tódalas quendas.

d) Prestacións.

Estes equipamentos ofertarán, ademais das prestacións comúns a tódolos centros residenciais, apoio

á integración socio-laboral e supervisión técnica ó desenvolvemento da autonomía persoal dos menores.

1.8. Pisos asistidos.

a) Definición.

Son pisos asistidos os equipamentos residenciais instalados en vivendas normalizadas dirixidos a mozos que debido á súa situación sociofamiliar necesitan apoios para alcanzaren a súa autonomía definitiva, funcionando en réxime de autoxestión baixo supervisión técnica externa dun educador.

b) Requisitos materiais específicos.

Deberán reuni-los seguintes requisitos específicos:

-A capacidade deste equipamento será de 4 a 6 prazas, cunha superficie mínima de 90 m.

-Contarán, como mínimo, cun baño completo.

b) Requisitos de persoal.

Os pisos asistidos disporán dunha supervisión externa que será realizada por un educador pertencente a calquera outro equipamento da rede residencial de menores.

1.9. Centros de atención específica.

a) Definición.

Terán este carácter os centros nos que se realiza unha atención educativa especializada ou tratamento específico dirixido a menores suxeitos a medidas xudiciais que padezan anomalías ou alteracións psíquicas, un estado de dependencia de bebidas alcohólicas, drogas tóxicas ou substancias psicotrópicas, ou alteracións na percepción que determinan unha alteración grave da conciencia da realidade.

Así mesmo, aqueles menores que, aínda non sendo obxecto de medidas xudiciais, estean en situación de tutela ou garda pola Administración e adoezan das anomalías ou alteracións referidas con anterioridade, poderán ser tamén usuarios destes centros.

b) Requisitos materiais específicos.

Deberán reuni-los seguintes requisitos específicos:

-A capacidade destes centros será dun máximo de 20 prazas, cunha superficie mínima de 500 m.

-Deberá estar dividido en seccións, en función dos diferentes tipos de usuarios que se dispón a acoller.

-Contarán cun despacho de dirección/administración, outro para o equipo educativo e unha sala de reunións.

-Disporá de sala de enfermería e de tódolos diferentes despachos necesarios para dar cabida ós diferentes especialistas cos que deba contar para desenvolve-la súa actividade.

-Cada unidade de convivencia deberá dispor de zona de estar de, como mínimo 4 m, un baño completo e un aseo con ducha, inodoro e lavabo; de espacios acondicionados para o estudio nos mesmos dormitorios ou dunha sala específica para este fin; e de cociña e comedor.

-A edificación contará con medidas arquitectónicas de contención que garantan a permanencia dos menores nel, debendo contar con espacios ó aire libre que permitan o esparexemento dos menores.

b) Requisitos de persoal.

-Deberá haber un educador por cada 4 menores no momento en que se dea o máximo desenvolvemento das actividades diurnas; nas quendas nocturnas garantirase a presencia dun traballador proposto polo director por cada 10 menores.

-Contará coa presencia de alomenos un especialista por cada 10 menores en cada unha das áreas de intervención do centro.

2. Centros diurnos.

2.1. Centros de atención de día.

a) Definición.

Son centros de atención de día os equipamentos que lles proporcionan durante o día a menores en conflicto social ou pertencentes a familias en situación de necesidade, unha serie de servicios de apoio socioeducativo e familiar, co obxecto de favorece-lo seu proceso de normalización. Poden funcionar como centros específicos de atención de día ou como unidades de atención de día integradas en centros residenciais de menores.

b) Requisitos materiais.

-Nos centros de atención de día a capacidade máxima será de 20 prazas, mentres que nas unidades integradas en equipamentos residenciais, a capacidade non poderá exceder do 75% das prazas de residencia. A superficie mínima será de 8 m por praza.

-Contarán, como mínimo, cun baño completo e, ademais, unha ducha por cada 20 prazas.

-Instalaranse en vivendas normalizadas situadas en núcleos poboacionais ou en equipamentos residenciais, en lugares de fácil acceso e cunha rede de transportes públicos adecuados e próximos a equipamentos sanitarios, educativos e servicios comunitarios.

c) Requisitos de persoal.

-Os centros de atención de día terán un director con titulación mínima de grao medio, preferentemente nas áreas psicolóxica, pedagóxica ou socioeducativa. Nas unidades integradas en equipamentos residenciais, o director da unidade de día poderá se-lo do equipamento residencial.

-A ratio de persoal será a seguinte: nos centros de atención de día haberá un mínimo dun educador para cada 8 menores; nas unidades integradas en centros, haberá un educador específico para a atención de día por cada 10 menores.

d) Prestacións.

As prestacións serán distintas segundo se trate dunha atención de día básica ou atención de día integral.

1. Atención de día básica.

Este servicio concrétase nas seguintes prestacións:

Aloxamento diurno en instalacións adecuadas; atención durante o curso lectivo; horario de atención flexible dependendo das necesidades dos menores; alimentación: xantar e merenda e, en casos puntuais que así o requira, o almorzo; apoio e seguimento escolar, incluíndo materiais funxibles; financiamento do transporte de proximidade, de ida e volta ó domicilio familiar; participación nas actividades extraescolares organizadas pola propia institución ou polo centro escolar ó que acuda o menor; colaboración na normalización da dinámica familiar.

2. Atención de día integral.

Ademais das prestacións de atención básica, a atención integral concrétase en:

Atención en unidades con funcionamento autónomo dun máximo de 20 prazas, e que contan, alomenos, coa presencia constante dun educador por unidade; atención durante todo o ano, incluíndo fins de semana e vacacións; horario de atención mínimo de 8 da mañá a 8 da tarde; alimentación: almorzos, xantares, merendas e ceas; hixiene e educación nos hábitos de saúde, incluíndo materiais educativos e didácticos; animación planificada do tempo libre e os materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades; financiamento do transporte de proximidades de ida e volta ó domicilio familiar; roupa e calzado; servicio de titorías: orientación psicoeducativa.

2.2. Preobradoiros.

a) Definición.

Son preobradoiros os equipamentos que ofrecen durante o día un servicio de actividades e diversos apoios dirixidos a mozos, co obxectivo de previr situacións de marxinación derivadas do fracaso ou absentismo escolar e proporcionarlles unha asistencia orientada ó desenvolvemento da autonomía persoal e á adquisición das habilidades necesarias para a súa incorporación ó mundo laboral, compensando os seus déficits formativos a través da aprendizaxe teórico-práctica dun oficio que lles facilite a devandita incorporación.

Estes equipamentos poden ser autónomos ou estar integrados en centros de atención de día ou centros residenciais.

b) Requisitos materiais.

-Deberán dispor de sala-obradoiro polivalente con material e utensilios axeitados ás especialidades que se impartan.

-Contarán cun aseo cun inodoro, lavabo e ducha por cada 15 prazas.

-Estes centros situaranse en núcleo urbano, ou en medio rural se desenvolven tarefas agropecuarias, en lugares de fácil acceso e cunha rede de transportes públicos adecuados.

c) Requisitos de persoal.

-Terá un director, cunha titulación mínima de grao medio, cando o preobradoiro estea situado nun equi

pamento independente. Se o preobradoiro está integrado noutro equipamento, o director poderá se-lo mesmo.

-A ratio de persoal será de 1 monitor/educador cada 15 prazas.

d) Prestacións.

Os preobradoiros prestarán, ademais das actividades ocupacionais e rehabilitadoras, o necesario apoio psicosocial, orientación laboral e realizará outras actividades de tipo cultural e recreativas.

Disposición derradeira

A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude