Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Luns, 20 de novembro de 2000 Páx. 15.433

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 272/2000, do 2 de novembro, polo que se crea a Comisión de Seguimento do Plan de Acción Xove 2000-2003.

A Constitución española, no seu artigo 48, sinala que os poderes públicos promoverán as condicións para a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento político, social, económico e cultural, e o Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27.24º que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia na promoción do desenvolvemento comunitario. Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e do desenvolvemento comunitario.

Na consecución da política xuvenil, o Plan de Acción Xove 2000-2003 constitúe unha resposta ás necesidades e expectativas da xuventude do novo século, a través da necesaria coordinación dos departamentos da Xunta de Galicia, abrindo a posibilidade de participación ás entidades locais e ó movemento asociativo xuvenil. Preténdese, entre outros obxectivos, consolidar entre a mocidade os valores da democracia, combate-lo racismo e a violencia e fomenta-la solidariedade, facer posible o seu desenvolvemento persoal e laboral, fomenta-la integración social, mellora-la calidade de vida, promove-la formación e educación en tódolos seus ámbitos, potencia-la súa participación nos ámbitos da vida social e cultural e estimula-la súa creatividade. En definitiva, fomenta-la participación dos mozos nos ámbitos do emprego, vivenda, educación e formación, investigación, información e novas tecnoloxías, saúde e calidade de vida, ambiente, cultura e lecer e no ámbito asistencial.

Co obxecto de realiza-lo seguimento dos obxectivos e a avaliación dos programas do Plan de Acción Xove 2000-2003, xorde a necesidade de crear unha comisión de seguimento, que terá unha duración temporal determinada pola duración do Plan.

Por todo isto, e por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en virtude das competencias e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de novembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación e adscrición.

1. Créase a Comisión de Seguimento do Plan de Acción Xove 2000-2003, como órgano colexiado adscrito á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. Esta comisión ten carácter temporal e a súa duración vén determinada polo desenvolvemento do referido Plan de Acción Xove 2000-2003.

Artigo 2º.-Obxectivo.

O obxectivo da comisión é o seguimento e a avaliación das diversas actuacións levadas a cabo polos distintos departamentos da Xunta de Galicia recollidos no Plan de Acción Xove.

Artigo 3º.-Composición.

1. A Comisión de Seguimento do Plan de Acción Xove 2000-2003 estará composta por:

a) Presidente: a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

b) Vicepresidente: a directora xeral de Xuventude.

c) Vocais:

-Un representante por cada consellería e secretarías da presidencia con rango de director xeral, nomeado polo conselleiro respectivo.

-Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias, nomeado polo seu presidente.

-Un representante do Consello da Xuventude de Galicia nomeado polo seu presidente.

d) Secretario: o subdirector xeral de Programas da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. Por cada membro titular nomearase un suplente, que no caso do vicepresidente será un subdirector da Dirección Xeral de Xuventude, e no caso de directores xerais terá a categoría de subdirector xeral.

3. O secretario da comisión realizará as funcións reguladas no artigo 25 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Funcións.

Son funcións da Comisión de Seguimento do Plan Xove 2000-2003:

a) Seguimento das actuacións recollidas no Plan e avaliación dos programas que se están a desenvolver.

b) Realizar unha análise do desenvolvemento do Plan, así como a súa adecuación ás necesidades sociais e reais da xuventude.

c) Propoñer proxectos ou programas concretos nas distintas áreas do Plan.

d) Informa-las asociacións xuvenís dos acordos mantidos na comisión.

e) Formular, por iniciativa propia, propostas e recomendacións que supoñan unha mellora continua do Plan.

f) Recibir as propostas e suxestións das asociacións xuvenís co fin de debate-la súa posible inclusión.

g) Redactar unha memoria sobre os resultados da avaliación.

h) Calquera outra cuestión relacionada co seu ámbito de actuación.

Artigo 5º.-Réxime xurídico.

1. Sen prexuízo das peculiaridades previstas no presente decreto, o funcionamento da Comisión de Seguimento do Plan de Acción Xove 2000-2003 rexerase polo disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A comisión reunirase unha vez cada seis meses con carácter ordinario e tantas como sexa necesario con carácter extraordinario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2000.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude