Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 17 de novembro de 2000 Páx. 15.416

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dicta a normativa para a pesca da lamprea no río Ulla e se fixa o período e condicións para presentar solicitudes para a súa adxudicación no vindeiro ano 2001.

De conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 20 de xaneiro de 2000 pola que se fixan as normas xerais de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia, na que se faculta o delegado provincial de Medio Am-

biente de Pontevedra para dictar cantas normas sexan necesarias para a regulación da pesca da lamprea no río Ulla, e co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado desta pesqueira, establécese un réxime especial de pesca da antedita especie para o vindeiro ano 2001 nos tramos e coas limitacións que a seguir se indican, ás que se deberán ate-las persoas autorizadas como titulares así como as autorizadas para pescar nelas:

-Nas pesqueiras de Areas e Vellas deberán deixar libre a canal central do río, e non poderán faenar na denominada Vea.

-O período de pesca será: desde o lugar de Areas (Herbón) ata a paraxe denominada Vellas, ambos inclusive, do día 8 de xaneiro ó 30 de marzo; e no tramo comprendido desde o canal de Herbón ata o lugar de Sinde do 12 de febreiro ata o 27 de abril.

-A pesca só poderá practicarse desde as pesqueiras tradicionais, detalladas no anexo, debendo empregar redes que no causen dano a outras especies piscícolas.

-As redes só poderán estar colocadas desde as 20 ata ás 8 horas.

-Prohíbese a realización dos labores de pesca, debendo levantarse as redes das pesqueiras, desde as 8 horas dos sábados ás 20 dos luns.

-Toda persoa que faene nas pesqueiras deberá estar en posesión da correspondente licencia de pesca e do permiso de 4ª categoría para cada día e pesqueira, documentos que deberán levar consigo xunto do DNI durante a práctica desta actividade.

-Serán devoltos ás augas ou entragados ós axentes que o soliciten, todos aqueles exemplares piscícolas que non sexan as lampreas capturadas nas pesqueiras.

-En todo momento, deberán colaborar cos axentes de MAN da Consellería de Medio Ambiente, seguindo as súas instruccións.

-O mesmo día en que remate o réxime especial, procederase a retira-las artes de pesca.

As infraccións contra esta regulación serán sancionadas de conformidade co establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial. Polo uso indebido da pesqueira responderá o seu titular; se nun mesmo posto hai varios titulares, responderán conxuntamente e solidariamente.

Os permisos para toda a temporada estarán á venda unicamente do 21 de decembro de 2000 ata o 5 de xaneiro de 2001 para as pesqueiras de Areas ata as Vellas, ambas inclusive, e do 25 de xaneiro ata o 9 de febreiro de 2001 no tramo comprendido desde o canal de Herbón ó lugar de Sinde, e non se despacharán máis permisos transcorrido o dito prazo.

No caso de que a pesqueira a traballe unha persoa distinta do seu titular, aquel, para a obtención dos citados permisos, deberá acreditar no Servicio de

Medio Ambiente Natural estar autorizado polo titular desta.

Prazo para presenta-las solicitudes.

Co obxecto de adxudica-las pesqueiras para a pesca da lamprea, acordo abri-lo prazo para que os titulares das pesqueiras do río Ulla presenten a súa solicitude:

-O dito prazo estará aberto desde a publicación da presente resolución ata as 14 horas do día 11 de decembro de 2000.

-Coa solicitude deberán presentar copia do DNI e a documentación que acredite a titularidade da pesqueira no Servicio Provincial de MAN, r/ Benito Corbal, 47-5ª planta, Pontevedra.

-As pesqueiras solicitadas serán as que se relacionan no anexo.

Pontevedra, 6 de novembro de 2000.

José Luis Díez Yáñez

Delegado provincial de Medio Ambiente