Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 17 de novembro de 2000 Páx. 15.389

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 271/2000, do 2 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Cambados, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de creación do polígono industrial de Setepías na Grenla-Oubiña.

O Concello de Cambados, en sesión que tivo lugar o día 30 de xuño de 2000, aprobou o proxecto de

creación do polígono industrial de Setepías, na Grenla-Oubiña e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O Concello de Cambados remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 16 de outubro de 2000.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 24 de outubro de 2000.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o Concello: «un dos eixes fundamentais da planificación municipal destes últimos anos é a creación de riqueza na zona a través dunha política de desenvolvemento industrial sostido, cunha trama de investimentos xerais, entre os que se encontran o citado polígono e, se non se levan a cabo, podería verse frustrado o intento de chegar a ter una zona industrial no municipio, cos evidentes prexuízos que isto supón para o desenvolvemento da zona que, ademais, quedaría privada dos tan necesarios postos de traballo e da conseguinte riqueza básica derivada do sector industrial».

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de novembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cambados, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de creación do polígono industrial de Setepías na Grenla-Oubiña.

Santiago de Compostela, dous de novembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais