Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Xoves, 16 de novembro de 2000 Páx. 15.353

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2000 pola que se lle dá publicidade ó acordo do consello de dirección deste instituto, que aproba as bases reguladoras do Instituto Galego de Promoción Económica previstas no convenio de financiamento subscrito o 29 de maio de 2000 entre a Xunta de Galicia e as entidades financeiras partícipes do fondo de desenvolvemento Inesga para o financiamento de proxectos de investimento empresarial de especial interese para Galicia.

En novembro de 1994 constituíuse a sociedade Investimentos Estratéxicos de Galicia, S.A. (Inesga), así como un fondo de desenvolvemento, que ten como finalidade facilitar financiamento a proxectos de investimento que, ó tempo de seren viables desde unha perspectiva privada, resulten de especial interese para a economía galega. O 29 de maio de 2000, a Xunta de Galicia renovou o convenio de financiamento coas entidades partícipes do dito fondo co fin de habilita-las ditas liñas crediticias.

Considerando a conveniencia de apoiar aquelas iniciativas empresariais de especial interese para Galicia que reúnan, basicamente, as seguintes características: que se trate de proxectos de investimento de certa envergadura, capaces de inducir unha cadea de investimentos complementarios; que esteamos en presencia de proxectos viables económica, financeira e tecnicamente, que sexan proxectos promovidos por empresarios ou grupos empresariais consolidados, e por último, proxectos nos que o impacto socioeconómico incida en Galicia.

O mencionado convenio de financiamento inclúe a previsión de que o Igape subvencione a comisión de apertura dos créditos ou préstamos que se formalicen con cargo ós ditos fondos, subsidie en 0,25% o tipo de xuro deles e preste un aval subsidiario sobre o 30% do seu principal.

Mentres non se pronuncie a Comisión Europea acerca da compatibilidade coa normativa comunitaria do novo decreto de incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, as bases de axudas e subvencións deberán axustarse

ás directrices tanto horizontais como sectoriais dictadas pola Comisión Europea, así como ós límites de intensidade autorizados a Galicia no mapa rexional de axudas de España para o período 2000-2006.

En consonancia con todo o anterior, o Consello de Dirección do Igape adoptou, na súa reunión, do día 28 de setembro de 2000, aproba-las bases reguladoras das axudas do Igape previstas no convenio de financiamento subscrito o 29 de maio de 2000 entre a Xunta de Galicia e as entidades financeiras partícipes do fondo de desenvolvemento Inesga para o financiamento de proxectos de investimento empresarial de especial interese para Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único.-Publica-las bases reguladoras das axudas do Igape previstas no convenio de financiamento subscrito o 29 de maio de 2000 entre a Xunta de Galicia e as entidades financeiras partícipes do fondo de desenvolvemento Inesga para o financiamento de proxectos de investimento empresarial de especial interese para Galicia, que figuran como anexo I á presente resolución.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2000.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

ANEXO I

BASES REGULADORAS DAS AXUDAS DO IGAPE PREVISTAS NO CONVENIO DE FINANCIAMENTO SUBSCRITO O 29 DE MAIO DE 2000 ENTRE A XUNTA DE GALICIA E AS ENTIDADES FINANCEIRAS PARTÍCIPES DO FONDO DE DESENVOLVEMENTO INESGA PARA O FINANCIAMENTO DE PROXECTOS DE INVESTIMENTO EMPRESARIAL DE ESPECIAL INTERESE PARA GALICIA

Cláusula 1ª.-Obxecto.

As presentes bases regulan a concesión de axudas dirixidas a minora-los custos financeiros daqueles créditos que, cumprindo os requisitos aquí sinalados, se destinen ó financiamento de proxectos de investimentos empresariais de especial interese para Galicia tramitados en aplicación do convenio de financiamento subscrito entre a Xunta de Galicia e as entidades financeiras partícipes no fondo de desenvolvemento Inesga.

Cláusula 2ª.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas financeiras as empresas domiciliadas en Galicia e que realicen o seu proxecto investidor nesta Comunidade Autónoma, ou ben que este resulte necesario para procesos de expansión e/ou comercialización.

2. Tamén poderán ser beneficiarios outras empresas que non teñan o domicilio en Galicia, sempre que realicen o proxecto investidor na dita Comunidade.

Cláusula 3ª.-Condicións dos proxectos de investimento.

Os proxectos de investimento deberán reuni-las seguintes condicións:

1. Teren unha dimensión e características capaces de favorece-lo desenvolvemento endóxeno, contribuíndo a facilitar investimentos complementarios.

2. Posuíren unha viabilidade técnica, económica e financeira suficientemente acreditada, así como o seu crecemento futuro.

3. Seren promovidos por empresarios ou grupos empresariais de acreditada solvencia.

4. Causaren un impacto socioeconómico de interese especial para Galicia.

Cláusula 4ª.-Conceptos de investimento subvencionable.

1. Os conceptos de investimento subvencionable polo Igape serán exclusivamente os que se materialicen en:

a) Inmobilizado material.

b) Inmobilizado inmaterial, que non poderá supera-lo 25% do importe do investimento subvencionable.

2. O total do investimento subvencionable determinarase excluíndo o IVE e outros impostos do custo de adquisición.

Cláusula 5ª.-Características da operación de crédito.

1. O importe mínimo do crédito non poderá ser inferior a 500 millóns de pesetas e non poderá exceder do 40% do investimento subvencionable. Excepcionalmente, logo de xustificación, poderá aplicarse unha porcentaxe de financiamento superior.

2. O prazo de vixencia e carencia da operación de crédito será o que se estableza na proposta que se formule tendo en consideración os seguintes criterios:

a) O período necesario para a execución material do proxecto así como o de posta en marcha.

b) O tempo previsto para a súa implantación e consolidación nos mercados a que vai destinado.

c) A capacidade de xerar recursos que o propio proxecto presente.

3. O tipo de xuro será sempre o que corresponda ó euríbor a 3 meses máis 0,25 puntos; ademais, a comisión de apertura será fixa e equivalente ó 0,50% do importe do crédito.

4. En ningún caso o importe subsidiado do crédito superará o importe do investimento subvencionable pendente de pagamento á data de presentación da solicitude de financiamento.

Cláusula 6ª.-Axuda financeira do Igape.

A axuda financeira do Igape poderá consistir en:

1. Subsidiación do tipo de xuro do crédito subvencionable en 0,25 puntos. Para cada exercicio de liquidación, a subvención calcularase de acordo coa seguinte fórmula:

St= Ct x d/D x 0,25%

En onde:

St = subvención no período de liquidación.

Ct = capital vivo no momento t.

d = número de días de liquidación.

D = días do ano comercial.

O prazo da subsidiación no poderá excede-los sete primeiros anos de vixencia da operación financeira subsidiada.

2. Subvención do importe da comisión de apertura do 0,50% sobre o principal do crédito.

Cláusula 7ª.-Tramitación.

1. As solicitudes de axuda financeira presentaranse ante Inesga, acompañadas, por duplicado exemplar, da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa das circunstancias persoais do solicitante.

b) Memoria descritiva do investimento proxectado, que deberá conter:

-Sector de actividade económica segundo C.N.A.E.

-Localización dos investimentos.

-Orzamento detallado e valorado (excluído o IVE), partida a partida, dos investimentos en inmobilizado material e inmaterial. No caso de que parte do investimento estea pago, deberán indicar no detalle anterior qué partidas están pagas ou cal é a parte paga de cada unha das partidas (excluído o IVE). Se non estivese paga ningunha delas, deberá indicarse expresamente que está na súa totalidade pendente de pagamento.

-Data prevista de inicio dos investimentos e prazo previsto de execución do proxecto.

-Esta memoria deberá estar datada e asinada polo solicitante.

c) Declaración xurada doutras axudas solicitadas para o mesmo proxecto, especificando o organismo ó que a solicitou, normativa legal que a ampara, data de presentación, contía solicitada, situación administrativa e, se é o caso, importe concedido.

d) Declaración xurada de que o beneficiario se atopa ó día no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais e de que non ten pendente de pagamento, por ningún concepto, débeda ningunha coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Inesga comprobará que tódalas solicitudes estean debidamente formalizadas e analizará a adecuación da solicitude ás condicións e finalidade previstas, solicitando maior documentación e información cando sexa necesario.

3. Unha vez concluídos os estudios e análise precisos para avalia-lo proxecto en tódalas súas dimensións e trala aprobación da súa comisión executiva, Inesga remitirá ó Igape a solicitude de axuda financeira, acompañada da documentación completa sinalada no epígrafe anterior e dun informe proposta respecto á solicitude de financiamento presentada.

4. Á vista de dito informe-proposta, o director da área de financiamento e o director xeral do Igape elevarán proposta de acordo ó Consello de Dirección do Igape, que resolverá sobre a axuda solicitada, notificándollo ó interesado e comunicando a Inesga a concesión ou denegación dela.

5. O prazo para resolver será de tres meses desde a data de entrada da solicitude no Igape, e poderase entender desestimada transcorrido aquel.

6. Contra a resolución, que esgotará a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte á notificación ó interesado, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses desde o día seguinte á notificación ó interesado.

7. a) O crédito formalizarase entre as entidades financeiras partícipes no fondo de desenvolvemento Inesga e o beneficiario, mediante escritura pública ou póliza intervida por fedatario público, e deberá recolle-la característica de estar acollido a estas axudas, o tipo de xuro máximo da operación e o sistema de variación para exercicios futuros, así como a obrigatoriedade de destinalo ó pagamento dos investimentos aprobados.

b) No documento de crédito deberá figurar, tamén, o compromiso de aplica-lo importe da subsidiación ó tipo de xuro, no momento que se reciba, á amortización anticipada do crédito.

c) O prazo máximo para a formalización do crédito será de 6 meses, contados desde o día seguinte á data de notificación da concesión da axuda ó interesado. Se, rematado o dito prazo, non se tivese formalizado o crédito, dictarase resolución tendo o solicitante por renunciado e ordenando o arquivo do expediente, salvo que, precedendo solicitude razoada de prórroga deste presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da entidade financeira, o Igape autorizase a dita prórroga.

Cláusula 8ª.-Pagamento das axudas.

1. Pagamento da comisión de apertura.

a) Unha vez formalizado o crédito e satisfeita a comisión de apertura, o beneficiario presentará en Inesga a solicitude de cobranza da dita comisión, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia de contrato de crédito.

-Certificación da entidade financeira que acredite o pagamento da comisión de apertura indicando data e importe.

-Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira que acredite que o solicitante é titular da conta, segundo modelo que se anexa.

-Declaración actualizada doutras axudas solicitadas para o mesmo proxecto de acordo co establecido na cláusula 7.1.

-Certificado de que o beneficiario se atopa ó día das súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social, emitidos polos organismos competentes.

-Certificación acreditativa de que o beneficiario non ten contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia.

b) Unha vez comprobado por Inesga que a solicitude de cobranza está debidamente formalizada e vén acompañada de toda a documentación sinalada anteriormente, remitiraa ó Igape para o seu pagamento.

c) A liquidación practicada será á conta mentres o Igape non verifique o cumprimento das finalidades para as que se concederon as axudas, que se realizará no momento en que se presente a xustificación da execución do proxecto.

2. Pagamento da subsidiación ó tipo de xuro de crédito.

a) Os beneficiarios destas axudas, unha vez rematado o proxecto de investimento subvencionado e nun prazo que non superará os dous anos desde

a formalización do crédito, deberán xustificar a Inesga:

I. A realización dos investimentos do proxecto investidor, así como o seu pagamento. A xustificación realizarase por medio de facturas, contratos, certificacións de obra, etc., que acrediten a execución do total do investimento, non só a que corresponde ó crédito subsidiado senón ó proxecto global, así como os documentos de pagamento pertinentes. O pagamento do investimento tamén poderá ser xustificado mediante unha certificación da súa materialización, emitida conforme as técnicas de auditoría xeralmente aceptadas.

II. Declaración actualizada doutras axudas solicitadas para o mesmo proxecto de acordo co establecido na cláusula 7.1.

III. Certificado de que o beneficiario se atopa ó día das súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social, emitido polos organismos correspondentes.

IV. Certificación acreditativa de que o beneficiario non ten contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia.

V. Solicitude de transferencia bancaria.

b) Inesga revisará a documentación xustificativa, podendo solicitar á entidade financeira ou ó beneficiario calquera documentación e información adicional que considere oportuna para os efectos dunha correcta análise da xustificación da realización do proxecto.

c) Inesga, unha vez revisada a documentación xustificativa da execución do proxecto, remitirá ó Igape esta documentación, acompañada dunha «certificación de xustificación do investimento». Esta certificación deberá conter, polo menos, os seguintes datos: importe do investimento subvencionable xustificado, desagregado por partidas, e a porcentaxe que representa respecto da totalidade do investimento aprobado; importe e datas dos pagamentos do investimento; así mesmo, deberase certificar que o proxecto sexa realizado na súa totalidade e de conformidade coa finalidade prevista ou, en caso contrario, indica-las incidencias que puideran ter xurdido coa súa execución.

d) Inesga remitirá a solicitude de cobro de subsidiación ó Igape que, unha vez verificados os datos, procederá ó pagamento da subvención dunha soa vez mediante ingreso na conta bancaria que se indicase na ficha de solicitude de transferencia bancaria.

e) O importe total da subvención que se aboará será o valor actual da subvención calculada para cada período de liquidación conforme o establecido na cláusula 6ª.a) anterior e utilizando para iso os tipo de xuros da curva cupón cero vixente no momento do pagamento da subvención.

f) A subvención irá destinada á amortización anticipada do principal do crédito. O beneficiario, no prazo de trinta días desde a data de pagamento da subvención, deberá presentar certificación da entidade financeira acreditativa da amortización do principal do crédito na contía subvencionada.

Cláusula 9ª.-Compatibilidade.

1. A concesión das axudas queda supeditada ó cumprimento da normativa vixente e, en especial,

a da Unión Europea. Nos ditos termos serán compatibles con calquera outra axuda pública, pero en ningún caso illadamente ou en concorrencia con outras poderán supera-los límites establecidos pola Unión Europea.

2. En todo caso, serán de aplicación os límites de axuda previstos no Mapa Rexional de Axudas 2000-2006 aprobado para Galicia.

Cláusula 10ª.-Perda da subvención.

1. Procederá a perda da subvención e o reintegro total ou parcial da axuda concedida e os xuros de demora devengados desde o seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere a porcentaxe de subvención máxima permitida pola Unión Europea.

Cláusula 11ª.-Vixencia.

As presentes bases entrarán en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terán vixencia indefinida ata que non se publique a súa derrogación expresa. Anualmente, o Igape publicará a reserva de crédito dispoñible con cargo a elas. Para o exercicio 2000, a dita reserva é de 16.000.000 de pesetas, que se financiarán con cargo á partida 02.01/01/09/687 dos seus orzamentos.