Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Martes, 14 de novembro de 2000 Páx. 15.216

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2000 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 26 de outubro de 2000, polo que se modifica a relación de postos de traballo da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde, referente ó persoal da Lei 4/1988, do 26 de maio.

Para lle dar cumprimento ó disposto na sentencia 1144/1999, do 3 de novembro, dictada pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, créase na relación de postos de traballo da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, referente ó persoal da Lei 4/1988, do 26 de maio, o centro de destino Hospital Nicolás Peña en Vigo.

O Decreto 339/1994, do 27 de outubro, que regula a integración voluntaria do persoal laboral fixo e persoal funcionario do Hospital Psiquiátrico Dr. Cabaleiro Goás de Toén (Ourense) nos correspondentes réximes estatutarios da Seguridade Social, establece na súa disposición adicional segunda, parágrafo 2, que as vacantes que se produzan, no futuro, do persoal que non optara pola integración nos referidos réximes estatutarios, se declarasen a extinguir para a súa amortización ou, se é o caso, substitución por prazas de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde.

Así mesmo, para adecua-lo cadro de persoal da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde, as súas necesidades de funcionamento, realízase unha modificación puntual da relación de postos de traballo da devandita consellería.

En consecuencia, por proposta da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, oídas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación da Comunidade Autónoma e a Comisión de Persoal, o Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinteseis de outubro de dous mil, adoptou o seguinte,

ACORDO:

1. Modifica-la vixente relación de postos de traballo da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde, referente ó persoal da Lei 4/1988, do 26 de maio, nos termos que se sinalan no anexo ó presente acordo.

2. Ordena-la publicación de dita modificación no Diario Oficial de Galicia para efectos da súa entrada en vigor a partir do día seguinte a ela.

Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinteseis de outubro de dous mil, relativo á modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde, coa finalidade de cumpri-lo dito acordo, dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública