Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 13 de novembro de 2000 Páx. 15.180

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de outubro de 2000 pola que se lle concede autorización definitiva ó centro privado Luis Vives, de Barbadás (Ourense), para impartir bacharelato das modalidades de ciencias da natureza e da saúde, humanidades e ciencias sociais, e tecnoloxía.

Examinado o expediente instruído por instancia do titular do centro privado Luis Vives de Barbadás (Ourense), solicitando autorización definitiva para impartir bacharelato das modalidades de ciencias da natureza e da saúde, humanidades e ciencias sociais, e tecnoloxía.

Resultando que o dito centro conta con autorización para 12 unidades de educación secundaria obrigatoria segundo Orde do 30 de xaneiro de 1997 (Diario Oficial de Galicia, do 26 de febreiro), e que pretende reduci-las 8 unidades para posibilita-la autorización do bacharelato das modalidades mencionadas no parágrafo anterior.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Ourense, que se remite cos informes correspondentes.

Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4), de ordenación xeral do sistema educativo, Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias, Decreto 133/1995, do 10 de maio (Diario Oficial de Galicia, do 22), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia, do 15 de decembro) que o desenvolve.

Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-lo centro privado Luis Vives de Barbadás (Ourense) para impartir bacharelato das modalidades de ciencias da natureza e da saúde, humanidades e ciencias sociais, e tecnoloxía, segundo se especifica no anexo desta orde.

Segundo.-Antes do inicio das ensinanzas que se autorizan, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe da Inspección educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta docencia no dito centro.

Terceiro.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente y a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.

Cuarto.-Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo do dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: Ourense.

Concello: Barbadás.

Localidade: Barbadás.

Enderezo: Aira de Fonsillón, 4.

Código do centro: 32008471.

Denominación específica: Luis Vives.

Titular: Luis Vives-Ourense, Sociedade Cooperativa Limitada.

Ensinanzas que se autorizan: bacharelato das modalidades de ciencias da natureza e da saúde, humanidades e ciencias sociais, e tecnoloxía.

Composición resultante:

a) Centro de educación infantil: 6.

b) Centro de educación primaria: 12 unidades.

c) Centro de educación secundaria:-8 unidades de educación secundaria obrigatoria.-6 unidades de bacharelato das modalidades de ciencias da natureza e da saúde, humanidades e ciencias sociais e tecnoloxía.

d) Centro de educación especial: 1 unidade.