Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Venres, 10 de novembro de 2000 Páx. 15.135

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2000 sobre aprobación definitiva do expediente complementario ó proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos necesarios para a ampliación da estrada de Eirís, no concello da Coruña.

Antecedentes:

1. O Concello da Coruña remitiu o expediente complementario ó proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para a ampliación da estrada de Eirís no Concello da Coruña e que foi aprobado definitivamente por resolución do director xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda o 5 de abril de 2000.

O expediente complementario ó proxecto de expropiación tramitouse ó amparo do disposto no punto 3 do artigo 210 do Regulamento de xestión urbanística, aprobado por Real decreto 3288/1978, do 25 de agosto, todo isto motivado por unha reclamación presentada ante o concello con data do 10 de maio de 1999; da que resultou comprobado que unha parcela de 301 m, da que forman parte dous predios rexistrados distintos, non se incluía no proxecto de expropiación para a realización das obras da estrada de Eirís.

2. O Concello da Coruña, con data do 4 de xullo de 2000 acordou aprobar inicialmente o expediente complementario ó proxecto de expropiación e sometelo a información pública polo prazo dun mes anunciándose nos xornais La Voz de Galicia e El Ideal Gallego do 21 de xullo de 2000, no DOG do 15 de setembro e no BOP do 26 de xullo.

3. A taxación foi notificada individualmente ós que aparecían como titulares de bens e dereitos no expediente, dándolles traslado literal da correspondente folla de aprecio e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formularan alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación, tal e como sinala o artigo 145.4º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, presentándose alegacións ó proxecto expropiatorio inicialmente aprobado.

4. O Concello da Coruña, de conformidade co artigo 145.6º da Lei do solo de Galicia, e remitiu o expediente de expropiación forzosa a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

Fundamentos xurídicos:

Primeiro.-O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta de conformidade co disposto no artigo 145 da Lei do solo de Galicia.

Segundo.-No Concello da Coruña está vixente o Plan xeral de ordenación municipal aprobado o 19 de outubro de 1998. O terreo que se pretende expropiar está clasificado como solo urbanizable coa cualificación de rede viaria.

En virtude do disposto polos artigos 33 da Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións, e os artigos 54, da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia resulta acreditada a declaración da utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens afectados.

Terceiro.-O expediente tramitado conta coa documentación preceptiva esixida polo artigo 145.1º da Lei 1/1997, do solo de Galicia:

-Determinación do seu ámbito territorial, cos documentos que o identifican en canto a situación, superficie e lindeiros.

-Fixación de prezos coa valoración razoada do solo, segundo a súa cualificación urbanística.

-Follas de prezo xusto individualizado de cada predio.

-Follas de prezo xusto que corresponden a outras indemnizacións, se é o caso.

Cuarto.-Os criterios de valoración incorporados polo Concello da Coruña ó expediente complementario de expropiación son os que están no expediente de expropiación para a ampliación da estrada de Eirís que foi aprobado definitivamente o 5 de abril de 2000, no que se aplicaron os criterios da Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións.

Quinto.-A competencia para aproba-lo expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta correspóndelle por delegación ó director xeral de Urbanismo, de acordo co artigo 1 da Orde do 30 de decembro de 1999, do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (DOG do 10 de xaneiro de 2000) pola que se delegan atribucións en materia de urbanismo.

Na súa virtude, vista a Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, a Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións, e as demais disposicións aplicables, proponse adopta-la seguinte

Resolución:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o expediente complementario ó proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para a ampliación da estrada de Eirís, no Concello da Coruña, para os efectos previstos polos artigos 145 e 146 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Esta aprobación definitiva do expediente de taxación conxunta implicará a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación de conformidade co establecido no artigo 146.1º da Lei do solo de Galicia.

En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos núms. 6, 7 e 8 do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación de prezo xusto (artigo 146.2º da Lei do solo de Galicia).

Segundo.-Notifica-lo contido desta resolución aprobatoria do expediente ó Concello da Coruña e de xeito individualizado a tódolos que aparezan como titulares de bens ou dereitos afectados que figuran no expediente, ós que se lles xuntará a correspondente folla de valoración, conferíndolles un prazo de vinte días durante os cales poderán manifestar por escrito ante esta Dirección Xeral de Urbanismo a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado, conforme dispón o artigo 145.7º da Lei do solo de Galicia, advertíndolles que transcorrido o citado prazo de vinte días sen que se formule oposición á valoración, entenderase aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expe

diente, entendéndose determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade (artigo 145.8º da Lei do solo de Galicia).

Terceiro.-Publica-la presente resolución, así como a seguinte relación dos bens e dereitos afectados pola expropiación, no Diario de Galicia e no taboleiro de edictos do concello:

Nº de predio: 30.

Propietarios: Hros. Juan González Mosquera e Emilia Mosquera Villaverde:

1º. Flora Fernández García, Juan Antonio e Mª Flora González Fernández.

2º. Julia González Fernández.

3º. Teresa Barba González e Mª Teresa González Barba.

4º. Mariano Borrego González.

Superficie (m): 301.

Valoración (ptas.):1.327.410

Xuros (ptas.): 502.388

Total:1.829.798

Así mesmo, a publicación e exposición no taboleiro de edictos do concello servirá de notificación ós propietarios descoñecidos, ós que se ignore o lugar de notificación, ou ben, tramitada a notificación, non se puidese realizar. Todo isto de acordo co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ó da notificación, segundo o artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa (LXCA). Así mesmo, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución (artigo 116, 117 e 48 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro); para o caso de que se interpoña o recurso potestativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se producira a desestimación presunta, non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo

(artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

No suposto de que o interesado sexa unha Administración pública, no lugar do recurso de reposición poderá dirixir ó órgano competente no prazo de dous meses o requirimento previo previsto no artigo 44 da LXCA.

Todo isto sen prexuízo de que, no caso de desconformidade coa valoración establecida, os interesados dispoñen dun prazo de vinte días para manifestaren a súa desconformidade como se indicou no punto 2 desta resolución, nos termos establecidos polo artigo 145.8º da Lei do solo de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2000.

José Jesús Cudeiro Mazaira

Director xeral de Urbanismo