Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Venres, 10 de novembro de 2000 Páx. 15.128

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2000 pola que se convocan unhas Xornadas sobre arbitraxe de consumo.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2000 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración co Instituto Galego de Consumo, unhas xornadas sobre arbitraxe de consumo, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes

Bases:

1. Obxectivos.

O cidadán só pode afronta-lo exercicio dos seus lexítimos intereses desde o coñecemento. Para isto, os poderes públicos deben asumir no seu conxunto unha estreita colaboración cos órganos representativos dos intereses dos consumidores. Neste sentido é moi importante, á súa vez, formar-las persoas que informan, atenden ou asesoran o cidadán cando actúa como consumidor, para que poidan acceder ós bens e productos con plena conciencia.

Dentro do ámbito de consumo, tamén se fai necesario divulgar e fomenta-lo sistema arbitral de consumo, por ser un instrumento a través do cal se lle pode dar solución ás controversias xurdidas entre os empresarios e os seus clientes.

Neste sentido, creuse necesario organizar unhas xornadas sobre consumo, abertas a diversos colectivos, en especial ós funcionarios, profesionais da información ó consumidor, inspección, procedemento sancionador, mediación e arbitraxe de consumo, cadros técnicos de diversas administracións e organizacións de consumidores, así como a profesionais de dereito.

Coa dita finalidade cóntase coa presencia de destacados representantes do mundo xurídico, que achegarán tanto as súas experiencias coma os seus coñecementos en materia de consumo.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-O concepto de consumidor na normativa actual.

-A mediación previa á arbitraxe.

-Principios e funcionamento da Lei de arbitraxe.

-Funcións dos árbitros: independencia, responsabilidade.

-O arbitraxe de consumo: servicio ó cidadán e ó empresario.

-A constitución do colexio arbitral. O procedemento arbitral.

-Información ó consumidor: sistema xudicial ou sistema arbitral. A publicidade do logotipo.

-Principios esenciais dos órganos extraxudiciais. RED EJE. Situación en Galicia e norte de Portugal.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas terán lugar no salón de actos da EGAP (sito na rúa Madrid, 2-4, de Santiago de Compostela), os días 29 e 30 de novembro de 2000.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 27 de novembro de 2000.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4 - 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: (981) 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obte-la confirmación da súa posible admisión, chamando, o día 28 de novembro, por teléfono, de 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

8. Retransmisión por Internet.

As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento desta xornada por Internet, poden facelo a través da seguinte dirección: www.egap.xunta.es

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública