Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Venres, 10 de novembro de 2000 Páx. 15.119

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Aguas de Mondariz Fuente del Val, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Aguas de Mondariz Fuente del Val, S.A., con nº de código 3600051, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 21-9-2000, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 12-9-2000. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto

refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 21 de setembro de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo é de aplicación obrigatoria á empresa Aguas de Mondariz Fuente del Val, S.A., dedicada á explotación e envasado de augas minerais naturais. Igualmente afectará ás factorías, dependencias, sucursais ou delegacións ó seu servicio incluídos na nómina da empresa.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Estarán afectados por este convenio tódolos productos da empresa comprendidos no ámbito de aplicación deste.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

Este convenio entrará en vigor o día da súa aprobación sen prexuízo do cal as condicións económicas aplicaranse a partir do 1 de xaneiro de 2000 ata o 31 de decembro de 2000. Non obstante, permanecerá en vigor ata a aprobación do convenio correspondente ó ano 2001.

Ambas partes comprométense a inicia-la negociación dun novo convenio un mes antes de finaliza-la súa vixencia.

Artigo 4º.-Comisión paritaria.

En cumprimento do disposto no artigo 85, punto 2 e) do Estatuto dos traballadores do 24 de marzo de 1995, no prazo de 10 días, contados desde a aprobación, crearase unha comisión paritaria, integrada por tres representantes e dous suplentes, por cada unha das partes que subscriben o convenio.

As funcións da comisión paritaria serán:

a) A de mediación, arbitraxe e conciliación nos conflictos individuais ou colectivos que lle sexan sometidos.

b) A de interpretación na aplicación do pactado.

c) As de seguimento da aplicación do conxunto dos acordos.

A comisión paritaria reunirase cando fora convocada por calquera das partes asinantes do convenio, mediante comunicación escrita na que se expresarán os puntos que se van tratar, dentro dos sete días seguintes á recepción da convocatoria.

Se cumprido o prazo sinalado a comisión non se reunira, entenderase esgotada a súa intervención e o interesado pode exerce-las accións que considere pertinentes.

A comisión entenderase validamente constituída cando asista a maioría simple de cada representación, levantándose acta de cada reunión que será asinada por ambas partes.

As partes asinantes do convenio obrígasen a someter á comisión paritaria as cuestións de interese xeral que xurdan, con carácter previo a calquera medida de presión ou vía xudicial administrativa, sen prexuízo do exercicio posterior dos dereitos individuais ou colectivos, cando non houbera acordo.

Sempre se actuara ou negociara sobre o principio de boa fe.

Artigo 5º.-Condicións de compensación de melloras.

As condicións deste convenio establécense con carácter de mínimas. Tódalas melloras que se implantan por normas legais serán absorbibles ata onde alcancen as deste convenio de forma individualizada e en cómputo anual.

Artigo 6º.-Categorías.

Durante a vixencia deste convenio a clasificación do persoal de Aguas de Mondariz será a que figura no anexo I, non obstante, respectaranse aquelas categorías establecidas con anterioridade e que figuran no anexo III.

Para o cambio de categoría, créase unha comisión cualificadora integrada polos membros da comisión paritaria.

Artigo 7º.-Período de proba.

O período de proba que se fixa a todo o persoal de novo ingreso e admisión na empresa será da seguinte duración:

Persoal técnico con título superior: 6 meses.

Persoal técnico con título medio: 6 meses.

Persoal administrativo, mercantil, subalterno e obreiro cualificado: 3 meses.

Persoal non cualificado: 15 días.

Artigo 8º.-Ascensos dos auxiliares administrativos.

Os auxiliares administrativos que alcancen seis anos de permanencia nesta categoría ascenderán automaticamente a oficial de 2ª, estando obrigados a realizar indistintamente calquera dos traballos correspondentes a unha e outra categoría profesional.

Retribucións

Artigo 9º.-Aumento salarial.

a) Os soldos e xornadas e complemento de antigüidade vixentes quedan substituídos pola táboa de soldos base e complementos antigüidade nos anexos II e III deste convenio. Nos ditos anexos, desde o 1 de xaneiro de 2000 figura incrementado o salario ou soldo de tódolos traballadores nun 3,75% sobre as táboas vixentes en 1999.

b) Horas extraordinarias.

Establécense dous tipos de horas extraordinarias para o persoal:

1. Hora extraordinaria normal.

É a que se realiza fóra da quenda normal de traballo sempre que se produza entre as 7 horas e as 23 horas, desde as 7 horas do luns ata as 23 horas do venres. Tamén se incluirá neste tipo as horas que faga extrusión en calquera momento, administración, control de calidade e as de clasificado e limpeza. Para calquera categoría pagarase a 1.186 pesetas/hora.

2. Hora extraordinaria especial:

É a que se realiza en sábados, domingos e festivos a calquera hora, ou de luns a venres entre as 23 horas e as 7 horas. Tamén se incluirá neste tipo a segunda e sucesivas horas que superen a xornada de calquera quenda da liña de envasado, realizado de luns a venres. Para calquera categoría pagarase a 1.661 pesetas/hora.

Quedan excluídos deste acordo todos aqueles postos de traballo ou persoas que pola súa responsabilidade teñen acordos particulares ou que foran contratados especificamente para traballos nocturnos ou en sábados, domingos ou festivos, como pode ser: extrusión, vixilantes, etc.

Artigo 10º.-Gratificacións extras de xullo e Nadal.

O importe de cada gratificación será dunha mensualidade de soldo base e complemento de antigüidade respectándose a título persoal o maior importe que tivera recoñecido o productor.

Os productores que ingresaran ou cesaran no transcurso do ano percibirán as gratificacións en proporción ó tempo traballado.

Artigo 11º.-Participación en beneficios.

Os traballadores percibirán unha paga de beneficios anual e de importe igual a 103.000 pesetas, que se fará efectiva fraccionalmente e anticipada por meses no transcurso do ano a que se refire.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Queda establecido o trienio no 3% igual para todos sobre o soldo base do convenio que corresponda a cada un segundo a súa categoría profesional, de acordo coas táboas anexas II e III deste convenio.

Artigo 13º.-Complemento de distancia.

Todo o referente a esta materia queda supeditado á lexislación vixente sobre traslados do persoal e cambio de situación dos lugares de traballo, non

obstante a empresa negociará co comité de empresa calquera situación relacionada con este tema.

Artigo 14º.-Complemento de asistencia e productividade.

Permanecerá o incentivo por asistencia total e productividade adecuada para o persoal das plantas de embotellado o cal se establece en 6.210 pesetas cotizables á Seguridade Social. Este complemento quedará reducido a 4.655 pesetas en caso de falta de asistencia ó traballo calquera dos días laborables do mes correspondente e deixara de percibirse na súa totalidade se as faltas son máis de unha, excepto, en ámbolos dous casos, que a falta de asistencia sexa debida a accidente laboral ocorrido nas dependencias da empresa e así se xustifique. Así mesmo o comité de empresa e o xefe de planta conxuntamente determinarán que productores deixan de percibi-lo dito complemento por baixo rendemento laboral.

Cando un traballador non faltara ó traballo por causas distintas a accidente laboral ocorrido nas dependencias da empresa ou vacacións anuais legais artigo 21 deste convenio, máis de 5 días ó ano, a empresa aboaralle o complemento de asistencia non percibido. Esta compensación farase unha vez rematado o ano natural.

Sempre que un traballador cause baixa despois do día 25 do mes en curso e a súa alta anterior ó día 6 do mes seguinte, non se poderá descontar máis dun mes de complemento de asistencia e puntualidade, por esta circunstancia.

Para efectos do complemento de asistencia e productividade non se computarán como faltas de asistencia e sempre que estean previa e debidamente xustificadas, incluso para acompañar a fillos menores de 15 anos, fillos maiores discapacitados ou familiares maiores ó cargo (avós, pais, tíos).

* Asistir á consulta do médico de Mondariz ou Mondariz-Balneario por tempo inferior a dúas horas.

* Asistir á consulta do médico de cabeceira fóra de Mondariz ou Mondariz-Balneario po tempo inferior a tres horas.

* Asistir á consulta do médico especialista por tempo inferior a catro horas.

* Realización de funcións sindicais ou representación do persoal nos termos establecidos, legal ou convencionalmente.

* En casos plenamente xustificados polo traballador, a empresa aplicará un criterio amplo na aplicación do número de horas disposto na visita ó médico.

Artigo 15º.-Paga de retribucións.

As retribucións devengadas poderán ser aboadas por períodos mensuais o último día laboral do período.

O pagamento das liquidacións das retribucións poderán ser efectuados pola empresa mediante ingreso en conta corrente de banco ou caixa de aforros da que sexa titular o productor.

Artigo 16º.-Premios de xubilación.

O persoal que se xubile en idade comprendida entre os 60 e 65 anos con máis de 10 anos de servicio continuado na empresa percibirá un premio de xubilación de acordo coa seguinte escala.

a) De 10 a 15 anos de antigüidade, tres mensualidades de soldo base e antigüidade.

b) De 15 a 25 anos de antigüidade, cinco mensualidades de soldo base e antigüidade.

c) Con máis de 25 anos de antigüidade, nove mensualidades de soldo base e antigüidade.

A idade de xubilación obrigatoria establécese en 65 anos, excepto que, por disposición legal, se fixe unha idade distinta. En todo caso, a xubilación obrigatoria quedará condicionada, para a súa esixencia, ó feito de que o traballador afectado reúna os requisitos regulamentariamente establecidos para ser beneficiario da prestación de xubilación da Seguridade Social.

En caso de falecer un productor en activo en idade comprendida entre os 60 e os 65 anos, o premio de xubilación que lle correspondera, en caso de que non se producira o óbito, será aboado ós seus herdeiros legais ou á persoa que o empregado designara por escrito entregando unha copia ó comité.

Para garantir en calquera circunstancia o pagamento do premio de xubilación, a empresa buscará a fórmula conveniente cunha compañía aseguradora.

Artigo 17º.-Subsidio de defunción.

Ó falecer un productor en activo, por causa non cuberta polo seguro de accidentes individuais contratado pola empresa, esta aboaralles ós seus herdeiros legais dúas mensualidades de soldo base e antigüidade por unha soa vez, dobrándose este importe se ademais deixa fillos nas condicións de idade e de incapacidade expresadas no artigo anterior.

Este subsidio será incompatible coa percepción das mensualidades aboables cando o productor faleza antes de xubilarse, de acordo do indicado no parágrafo anterior.

Artigo 18º.-Seguro de accidentes individuais.

A empresa contratará un seguro para todo o cadro de persoal para caso de morte ou invalidez total como consecuencia de accidente ocorrido durante o traballo ou na súa vida privada durante o tempo que permaneza de alta na empresa.

Os capitais garantidos son:

-Caso de morte por accidente: 4.000.000 de pesetas.

-Caso de invalidez total permanente por accidente: 5.000.000 de pesetas.

A indemnización entregarase ó propio traballador en caso de invalidez permanente por accidente, e ós seus herdeiros legais ou á persoa que o empregado designara por escrito entregando unha copia ó comité en caso de falecemento.

Artigo 19º.-Traballadores enfermos ou accidentes.

Nos casos de accidente de traballo ocorridos na fábrica in itinere ou en acto de servicio, a empresa aboaralle unha indemnización complementaria da Seguridade Social pola diferencia entre o importe desta última e o cen por cento do soldo base e antigüidade correspondente á xornada seguinte á do accidente.

Nos casos de accidente non laboral, enfermidade profesional ou común, unicamente a primeira vez, a empresa aboaralle un complemento ó percibido da Seguridade Social ou mutualidade para alcanzar o 75 % do soldo base e antigüidade polos primeiros 4 días de baixa e o 100% a partir do 5º día. As segundas veces ou sucesivas completarase os tres primeiros días o 50%, o cuarto, quinto e sexto o 75% e a partir do sétimo día o 100%.

No suposto de producirse baixa por enfermidade encontrándose o productor na localidade distinta á do domicilio habitual (vacacións, permisos, etc.) contarase como data da baixa para efectos de indemnización complementaria o día que se reintegre ó seu domicilio.

A percepción da indemnización complementaria cesará ó extinguirse a situación de incapacidade laboral transitoria.

Para percibi-la indemnización complementaria será preciso que a baixa estea acreditada co parte médico da Seguridade Social e que este documento fora entregado na empresa dentro das 24 horas seguintes, salvo demora debidamente xustificada debendo o productor someterse a cantas comprobacións e recoñecementos médicos acorde a empresa.

Realizarase un recoñecemento médico anual a cargo da empresa.

Artigo 20º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo na empresa comprendida no presente convenio será de 40 horas efectivas á semana, en xornada partida, repartidas de luns a venres, en períodos de 8 horas.

A empresa poderá establecer quendas de traballo cando as necesidades de organización do traballo así o aconsellen, sen que isto supoña variación ningunha na retribución do persoal afectado. O comité de empresa participará no establecemento de horarios de quendas de traballo.

Calquera cambio na composición das quendas debe ser coñecido polos interesados o último día laborable da semana anterior. Nas liñas de embotellado, cando se realice xornada continuada a súa duración será de 7 horas 30 minutos diarias.

Para evitar que unha enfermidade de final de ano prive a un traballador das súas vacacións, establécese que cando o período de vacacións desfrutadas máis os días que por calquera causa estivera de baixa sexan menos de 26 días laborables, os días

de vacacións que lle quedan pendentes ó remata-lo ano, desfrutaranse no seguinte.

O persoal de distribución e reparto, mentres estea adscrito a estes servicios, será excluído da xornada normal, sempre que de común acordo coa empresa se fixen as compensacións económicas para posibles prolongacións de xornada e a súa función de distribución e venda.

Teñen carácter destas compensación económicas as primas de venda, incentivos, comisións, etc., que normalmente desfruta o persoal mencionado neste artigo.

Na organización das quendas, teranse en conta as circunstancias persoais de cada empregado sempre que non deterioren a organización do traballo.

Artigo 21º.-Vacacións.

Todo o persoal comprendido neste convenio terá dereito a 22 días laborables de vacacións durante o ano 2000.

As vacacións serán convidas de acordo coas necesidades do servicio pero sempre durante os meses comprendidos entre xaneiro e maio, ambos incluídos, ou entre setembro e decembro, ambos incluídos.

Desfrutaranse aténdose ó seguinte programa:

-Tres semanas seguidas nos meses sinalados anteriormente.

-Desde o 23 ó 31 de decembro, ambos incluídos.

-Os tres días restantes pactaranse entre a empresa e o comité entre os días: 24 de xullo, 14 de agosto, 13 de outubro, 7 de decembro.

O desfrute de 22 días laborables vai unido á forma de desfrutarse sinalada neste artigo. Para o seguinte convenio, debe terse en conta que o cambio desta forma de desfruta-las vacacións suporá a volta ós 30 días naturais habituais.

Artigo 22º.-Licencias retribuídas.

O persoal afectado por este convenio terá dereito a solicitar licencia retribuída nos casos seguintes:

* Quince días naturais en caso de matrimonio.

* Tres días nos casos de nacemento dun fillo, enfermidade grave ou falecemento de parentes en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade.

* Dous días nos casos de enfermidade grave ou falecemento de parentes en segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

* Un día nos casos de enfermidade grave ou falecemento de parentes en terceiro e cuarto grao de consanguinidade ou afinidade.

* Cando nestes casos o traballador teña que desprazarse fóra da Comunidade Autónoma engadiranse dous días máis.

* As licencias retribuídas nos casos mencionados, sempre e cando o nivel de parentesco sexa de 1º e 2º e 3º grao de consanguinidade ou afinidade, se o empregado traballou máis de media xornada empézase a conta-lo día seguinte.

* Un día por traslado de domicilio habitual.

* Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal comprendido o exercicio do sufraxio activo.

* Realizacións de funcións sindicais ou representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

* As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, por vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai en caso de que ambos traballen.

* Asistir á consulta do médico de cabeceira ou especialista incluso para acompañar a fillos menores de 15 anos, fillos maiores discapacitados ou familiares maiores a cargo (avós, pais, tíos), obrigándose a entregar xustificante deste nos seguintes supostos:

-Médico de cabeceira en Mondariz ou Mondariz-Balneario sempre que non supere as dúas horas.

-Médico de cabeceira fóra de Mondariz ou Mondariz-Balneario sempre que non supere as tres horas.

-Médico especialista sempre que non supere as catro horas.

* En casos plenamente xustificados polo traballador, a empresa aplicará un criterio amplo na aplicación do número de horas disposto na visita ó médico.

Artigo 23º.-Excedencias.

Todo o persoal afectado por este convenio terá dereito a unha excedencia máxima de 6 meses en caso de gravidade de familiares de 1º grao.

Así mesmo terá dereito a excedencia, de acordo coas normas establecidas no Estatuto de traballadores.

Artigo 24º.-Vestiario.

A empresa subministrará ós traballadores fixos dous equipos de traballo ó ano, podendo opcionalmente e en caso necesario subministrar un máis complementario. Os traballadores eventuais recibirán un ou dous equipos en función do tempo de duración de contrato.

É obriga dos empregados coida-los equipos de traballo e preocuparse da súa limpeza e correcto uso.

A peza de roupa para a cabeza debe obrigatoriamente utilizarse polo persoal de control, liñas de embotellado e fabricación de botellas.

Artigo 25º.-Seguridade e hixiene no traballo.

Aplicaranse as normas actualmente vixentes.

Artigo 26º.-Plan de nocturnidade.

Todo traballador que realice a súa xornada de traballo entre as dez da noite e as seis da mañá, terá dereito a un complemento do 25% do salario establecido nas táboas do convenio naquelas horas comprendidas neste período. Este incremento quedará

absorbido polos posibles pactos particulares xa existentes. Serán nulas as cláusulas contractuais que limiten este dereito.

Artigo 27º.-Axudas de custo e quilometraxe.

Terán dereito a elas os traballadores que se vexan obrigados a realizar asuntos ou traballos de carácter profesional por conta e baixo dependencia da empresa con desprazamento a lugares distantes ó centro de traballo que lle imposibiliten o seu regreso e sexa preciso efectua-las comidas fóra do seu propio domicilio ou tomar aloxamento.

As axudas de custo xustificaranse debidamente. Estas serán as seguintes:

-Axuda de custo: 8.950 pesetas.

-Comida: 1.800 pesetas.

-Cea: 1.500 pesetas.

-Almorzo: 350 pesetas.

-Quilometraxe: 32 pesetas/km.

-Hotel: 4.500 pesetas.

-Axuda de custo fixa: 800 pesetas.

Artigo 28º.-Dereitos sindicais.

A empresa respectará o dereito de tódolos traballadores a sindicáren libremente, admitirá que os traballadores afiliados a un sindicato poidan celebrar reunións, recadar cotas e distribuír información sindical fóra de horas de traballo e sen prexuízo das actividades normais da empresa, non poderán suxeita-lo emprego dun traballador á condición de que se afilie ou renuncie á súa afiliación sindical e tampouco despedir a un traballador ou prexudicalo de calquera outra forma a causa da súa afiliación ou actividade sindical.

Os sindicatos poderán remitir información a todas aquelas empresas nas que dispoñan de suficiente e apreciable afiliación co fin de que esta sexa distribuída fóra das horas de traballo.

Nos centros de traballo que posúan un cadro de persoal superior a cen traballadores, existirán taboleiros de anuncios nos que os sindicatos debidamente implantados poderán inserir comunicacións de materia sindical en nome do sindicato que realice a comunicación, para este efecto dirixirán copias simultaneamente á dirección ou titulares do centro.

Por requirimento dos traballadores ás centrais ou sindicatos que teñan representación, a empresa descontará nas nóminas mensuais dos traballadores o importe das cotas sindicais correspondentes. O traballador interesado na realización de tal operación remitirá á dirección da empresa un escrito no que expresará con claridade a orde do desconto, a central ou sindicato, así como o número da conta corrente ou caderno da caixa de aforros á que debe ser transferida a correspondente cantidade.

Sen prexuízo dos dereitos e facultades concedidas polas leis, recoñécense ós delegados de persoal as seguintes funcións.

-Anualmente coñecer e ter á súa disposición o balance, a conta de resultados, a memoria e en caso

de que a empresa revista a forma de sociedade por accións ou participacións, de cantos documentos se dean a coñecer ós socios.

-Con carácter previo á súa execución pola empresa, sobre a reestructuración de cadro de persoal, peches totais ou parciais definitivos ou temporais e as reduccións de xornadas sobre o traslado total ou parcial das instalacións empresariais.

-O empresario facilitará ós membros do comité o modelo ou modelos de contrato de traballo que habitualmente utilice, estando lexitimado o comité para efectua-las reclamacións oportunas ante a empresa e, se é o caso, a autoridade laboral competente.

Sobre as sancións impostas por falta moi grave e en especial en supostos despedimentos.

Garantías: ningún membro do comité poderá ser despedido ou sancionado durante o exercicio das súas funcións nin dentro do ano seguinte, salvo que este se produza por revogación ou dimisión e sempre que o despedimento ou sanción se fundamente na actuación do traballador no exercicio legal da súa representación. Posuirá prioridade de permanencia na empresa ou centro de traballo respecto ós demais traballadores, nos supostos de suspensión ou extinción por causas tecnolóxicas ou económicas.

Disporán do crédito de horas mensuais retribuídas que a lei determine.

A empresa está obrigada a informar ó comité de empresa das vacantes producidas e postos de nova creación.

Artigo 29º.-Relacións laborais.

Todo o que non se cita neste convenio rexerase polas normas xerais do Estatuto dos traballadores, e a normativa vixente de embotelladores de augas minerais naturais.

Artigo 30º.-Revisión salarial.

No caso de que o índice de prezos ó consumo (IPC) establecido polo INE rexistrara o 31 de decembro de 2000 un crecemento superior ó 2,75% respecto a 31 de decembro de 1999 efectuarase unha revisión salarial polo exceso sobre a indicada cifra.

O incremento resultante aboarase con carácter retroactivo con efecto 1 de xaneiro de 2000 servindo como base de cálculo para as negociacións de convenio do ano 2001. O posible importe da revisión salarial aboarase nunha soa paga durante o primeiro trimestre de 2001.

Artigo 31º.-Selección de traballadores eventuais non especializados.

Na selección deste tipo de traballadores, o comité de empresa participará propoñendo á empresa os seus candidatos de acordo coas necesidades que a empresa manifeste en cada momento.

Artigo 32º.-Empregados procedentes da antiga oficina en Vigo.

Ós empregados que ata o 1989 prestaron servicios na antiga oficina en Vigo, e cando empezaron a traballar en Mondariz pactouse un horario especial para

compensa-lo traslado, consistente en: entrada na oficina de Mondariz ás 8 horas e saída do posto de traballo ás 15 horas.

Este horario é aplicable tódolos días laborables.

Para o seu traslado de Vigo a Mondariz a empresa porá á súa disposición un automóbil para ser conducido por un deles.

Artigo 33º.-Formación.

Aguas de Mondariz facilitará e organizará cursos para o persoal de perfeccionamento. A asistencia a estes será voluntaria e gratuíta.

Artigo 34º.-Denuncia do convenio.

Este convenio será denunciado por escrito con tres meses de antelación ante a autoridade laboral e a outra parte.

Artigo 35º.-Comisión negociadora.

De acordo co artigo 85, punto 2 do Estatuto dos traballadores, este convenio foi asinado por Javier Solano Rodríguez-Losada, en representación da empresa e na súa calidade de administrador solidario desta e por Domingo Tato Vázquez, Álvaro Andión Tato, Constantino Lage Reboreda, Modesto Carrera Abad, César Ojea Vilas, Francisco A. Tato Tellado, María Cruz Grela Fernández e Luz Divina Isla Avión e Pedro Alonso Sotelino, como membros do comité de empresa en representación dos traballadores.

ANEXO I

Clasificación laboral do persoal de

Aguas de Mondariz Fuente del Val, S.A.

O persoal desta empresa, excluído o directivo, clasificarase nun dos cinco grupos profesionais seguintes:

I. Técnico.

II. Administrativo.

III. Comercial.

IV. Subalternos.

V. Obreiros.

Grupo I. Persoal técnico. É o que realiza traballos que esixan unha adecuada competencia ou práctica exercendo funcións de tipo facultativo, técnico ou de dirección especializada. Quedan comprendidos dentro deste grupo:

1. Titulados:

a) De grao superior.

b) De grao medio.

2. Non titulados:

a) Xefe de departamento.

b) Encargado de grupo.

1. Técnicos titulados.

a) De grao superior: son aqueles que posuíndo un título superior universitario ou de escola técnica superior se encontran unidos á empresa en virtude de relación laboral concertada en razón do título posuído, para exercer función específica para as que

este os habilita e sempre que exerzan o seu cometido dunha maneira normal e regular.

b) De grao medio: con análogas circunstancias ás especificadas no parágrafo anterior, quedan comprendidos neste punto os enxeñeiros técnicos, así como os axudantes técnicos, os graduados sociais e os mestres industriais.

2. Técnicos non titulados.

a) Xefe de departamento: é aquel que baixo as ordes inmediatas da dirección, coordina e controla varias seccións, desenvolvendo os correspondentes plans, programas e actividades ordenando a execución dos oportunos traballos con ou sen persoal ás súas ordes, tendo ó seu cargo, se é o caso, a preparación e disciplina do persoal. Responderán ante a empresa da súa xestión.

b) Encargado de grupo: é o que realiza as funcións de encargado de sección, limitado a un grupo de persoas ou funcións, ocupándose de aplicar e facer aplica-las normas de traballo para consegui-los obxectivos sinalados nos plans xerais da empresa, velando polo exacto cumprimento destes e informando en todo momento ós seus inmediatos superiores de canto sexa de interese no desenvolvemento das funcións dos seus subordinados.

Encargarase do adestramento do persoal do seu grupo.

Grupo II. Persoal administrativo.

Comprenderán as categorías seguintes:

a) Oficial de primeira: é o empregado que con iniciativa e responsabilidade das funcións asignadas ó seu cargo, con ou sen empregados ás súas ordes, todos ou algúns dos traballos propios de administración, contabilidade, xestión de persoal, facturación e administración de vendas.

b) Oficial de segunda: é a persoa que, con iniciativa e responsabilidade restrinxida, auxilia ó oficial de primeira nas funcións deste ou ben desempeña algunha delas. Un oficial de segunda terá dereito a ser promocionado a oficial de primeira cando reúna as seguintes condicións:

1. Teña un coñecemento práctico profundo do funcionamento do departamento de administración en conxunto.

2. Demostre responsabilidade e interese no desempeño do seu traballo.

3. Teña unha antigüidade como oficial de segunda de polo menos 5 anos.

c) Auxiliar: é a persoa que, sen iniciativa propia, se dedica a operacións elementais administrativas e, en xeral, ás puramente mecánicas, inherentes ó labor administrativo.

Un auxiliar administrativo terá dereito a ser promovido a oficial de segunda cando reúna as seguintes condicións:

1. Teña un coñecemento práctico profundo dalgún dos temas propios de administración que esixa criterio propio e responsabilidade.

2. Demostre responsabilidade e interese no desempeño do seu traballo.

3. Teña unha antigüidade como auxiliar de polo menos 5 anos.

Grupo III. Comerciais.

a) Inspector.

b) Vendedor.

c) Promotor.

d) Repoñedor.

a) Inspector: é aquel que, baixo as ordes do xefe de departamento comercial ou de quen el delegue desenvolve habitualmente sobre unha determinada zona territorial unha dobre función: por un lado, é o transmisor ós distribuidores dos plans e actuacións comerciais concretas da compañía e responsabilízanse ante esta de que os ditos plans sexan executados fielmente polos distribuidores. Por outro lado, realiza funcións directas de venda e promoción respecto a minorías, ben por accións directas da compañía ou ben para facilitar e apoia-lo labor dos distribuidores.

b) Vendedor: é aquel que baixo as ordes do xefe do departamento comercial ou de quen el delegue, ou incluso dun inspector, realiza funcións de venda e promoción con retallistas, ben de hostalería como de alimentación. Coñece perfectamente ben os productos e condicións de venda e promoción da compañía, e domina o procedemento da venda. Pode desenvolve-lo seu labor ben con clientes directos da compañía, ou ben por conta desta para un distribuidor ou almacenista.

c) Promotor: é aquel que realiza as mesmas funcións e coa mesma dependencia que un vendedor, pero con menos experiencia e dominio dos procedementos de venda, ou ben é contratado para un programa concreto, normalmente limitado no tempo.

d) Repoñedor: é aquel que baixo as ordes directas do xefe de departamento comercial ou de quen el delegue, ou dun inspector, ocúpase de que os establecementos de venda ó público que ten asignados teñan perfectamente expostos os productos da compañía, da súa colocación física adecuada nos estantes ou exposición e no almacén do establecemento, da marcaxe de prezos ou etiquetaxe e limpeza de producto e tamén de perseguir que nunca falte producto de reserva no establecemento e de que os acordos de prezos e exposición sexan cumpridos polo establecemento.

Grupo IV. Persoal subalterno: son os traballadores que desempeñan funcións que implican xeralmente absoluta fidelidade e confianza para as que non se require, salvo excepcións, especialización ningunha, pero asumindo en todo caso as responsabilidades inherentes ó cargo.

Como tales figuran:

a) Ordenanza: é o traballador que ten ó seu cargo o coidado dos locais de oficina durante as horas de traballo, a execución de recados e encargos que se lle encomenden dentro e fóra dos locais da empre

sa, copiar documentos a prensa, recollida e entrega de correspondencia e aqueloutros traballos elementais que se lle encomenden.

b) Porteiro ou vixilante: é o traballador que, de acordo coas instruccións recibidas dos seus superiores, coida dos accesos ás dependencias da empresa, exercendo funcións de vixilancia e custodia, tanto no interior como no exterior dos repetidos locais, tomando nota do movemento de persoas e vehículos que se produzan a través dos accesos encomendados ó seu cargo. O vixilante, logo dos trámites pertinentes, poderá ser nomeado garda xurado.

c) Persoal de limpeza: é o que se ocupa do aseo e limpeza dos locais da empresa e aqueloutros que por costume non se realicen polo persoal non especializado.

Grupo V. Persoal obreiro: inclúe a este grupo o persoal que executa fundamentalmente traballos de orde material e mecánica, comprendendo as seguintes categorías:

a) Capataz de quenda: é a persoa que, tendo encomendada a realización de funcións propias e específicas colabora ademais co seu inmediato superior na organización do traballo doutros traballadores, ata un máximo de trinta, con mando sobre eles e a responsabilidade conseguinte.

b) Oficial de primeira: é o traballador que con gran dominio do seu oficio ou profesión practícao e aplica con tal grao de perfección que non só lle permite levar a cabo os traballos xerais deste, senón tamén aqueles que supoñen especial empeño ou delicadeza.

b-1) En fabricación: terá ó seu cargo, con responsabilidade, unha ou varias máquinas dunha mesma liña de fabricación ou envasado, pero coñecendo con detalle e podendo desempeña-lo mesmo traballo con calquera máquina desa mesma liña.

Será responsable da limpeza, engraxamento, mantemento, posta a punto e vixilancia das máquinas que teña asignadas para consegui-la maior eficacia e rendemento.

b-2) En servicios complementarios ou auxiliares: encoméndaselle a realización dos traballos de tal carácter complementario ou auxiliar da industria propios de mecánicos de taller, axustadores, electricistas, carpinteiros, pintores, rotulistas, fontaneiros, albaneis, conductores de camión, etc. que executan o seu cometido coa soltura e perfección que acreditan o complexo coñecemento e práctica do seu oficio.

c) Oficial de segunda:

c-1) En fabricación: será responsable da limpeza, engraxamento, mantemento, posta a punto e vixilancia da maquinaria ou grupo de máquinas que constitúen o posto de traballo que teña asignado para consegui-la maior eficacia e rendemento.

c-2) En servicios complementarios e auxiliares: realizan os traballos que se lle encomendan nesta clase de servicios coa suficiente práctica, pero sen

alcanza-lo grao de perfección do oficial primeiro. Os carreteiros corresponden a este grupo.

O oficial segundo que cumpra coas seguintes condicións terá dereito a ser promovido a oficial primeiro cando segundo o número pactado en convenio haxa prazas libres:

1. Teña coñecemento práctico profundo do funcionamento, mantemento e limpeza de tódalas máquinas dunha liña de embotellado.

2. Demostrara habilidade e interese no desempeño da súa función.

3. Teña unha antigüidade como oficial segundo de polo menos 5 anos.

d) Oficial de terceira.

d-1) En fabricación: é o obreiro especializado que se ocupa dunha máquina ou grupo de máquinas que constitúen o posto de traballo. Para que un obreiro ocupe praza de oficial de terceira, é necesario que simultaneamente se dean as seguintes condicións:

-Que haxa praza libre na categoría, segundo convenio.

-Que demostre habilidade e interese no desempeño da súa función.

-Que teña unha antigüidade como axudante de polo menos 3 anos.

e) Axudante.

e-1) En fabricación ou en servicios complementarios e auxiliares: é o obreiro non especializado ou que sendo especializado non cumpre as condicións para ser oficial de terceira.

O número de prazas en fabricación establecerase anualmente, segundo o número de persoal fixo ocupado, segundo o seguinte criterio.

Oficiais de primeira: máximo 20% do cadro de persoal fixo de fabricación.

Oficiais de segunda: máximo 30% do cadro de persoal fixo de fabricación.

Oficiais de terceira: máximo 15% do cadro de persoal fixo de fabricación.

f) Peón: é o traballador que se ocupa de funcións que requiren unicamente a achega de esforzo físico sen necesidade de preparación ou formación especial.

ANEXO II

Táboa de soldos e complemento antigüidade mensuais

SoldoTrienio

Grupo I. Técnicos (salario mes)
1. Técnicos titulados
a) Grao superior131.7333.952
b) Grao medio118.7283.562

2. Técnicos non titulados
a) Xefe departamento110.7253.322
b) Encargado de grupo100.0503.001

SoldoTrienio

Grupo II. Administrativos (salario mes)
a) Oficial primeira99.7202.991
b) Oficial segunda92.5142.775
Auxiliar88.6972.661

Grupo III. Comerciais (salario mes)
a) Inspector104.6723.141
b) Vendedor100.0523.001
c) Promotor92.5142.775
d) Repoñedor88.6972.661

Grupo IV. Subalternos (salario día)
a) Ordenanza2.956,5688.69
b) Porteiro ou vixilante2.956,5688,69
c) Limpeza2.956,5688,69

Grupo V. Obreiros (salario día)
a) Capataz3.251,7097,54
b) Oficial de primeira3.251,7097,54
c) Oficial de segunda3.051,5491,54
d) Oficial de terceira2.982,5389,47
e) Axudante2.956,5688,69
f) Peón2.956,5688,69

ANEXO III

Categorías antigas

(Salario mes)

SoldoTrienio

Xefe administrativo de primeira110.7253.322

Xefe administrativo de segunda104.6723.140

Xefe de venda110.7253.322

Conductor mecánico107.6553.230

Conductor repartidor97.5512.927

ANEXO IV

Obxectivos.

A empresa aboará a todo o persoal desta, excepto o de vendas e calquera outro que teña incentivos por obxectivos específicos e proporcionalmente ó tempo traballado, unha cantidade en función do volume de caixas que saíra de planta no ano.

Para o cálculo do número de caixas seguiranse os criterios que historicamente se seguiran na empresa.

As cantidades correspondentes a cada tramo son totais e polo tanto non se acumularán ó tramo anterior:

Por alcanzar 5.750.000 caixas: 35.000 ptas.

Por alcanzar 6.000.000 caixas: 45.000 ptas.

Por superar 6.100.000 caixas: 60.000 ptas.

A conta destes incentivos por obxectivos, no mes de xuño percibiranse 35.000 ptas.