Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Venres, 10 de novembro de 2000 Páx. 15.119

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 267/2000, do 26 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Carnota, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de saneamento integral de Carnota (fase I).

O Concello de Carnota, en sesión que tivo lugar o día 18 de maio de 2000, aprobou o proxecto das obras de saneamento integral de Carnota (fase I) e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data en entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 25 de maio de 2000.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 3 de outubro de 2000.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o concello, esta vén imposta por imperativo legal derivado da Directiva europea nº 271, do 21 de maio de 1991, na que se impón un prazo límite ata o 1 de xaneiro de 2001, para a instalación de sistemas de colectores en poboacións de máis de 15.000 habitantes, sendo o caso deste concello que ademais posúe financiamento da obra con cargo ós fondos europeos e cun prazo de execución que remata a finais do ano 2001.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de outubro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Carnota para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto para o saneamento integral de Carnota (fase I).

Santiago de Compostela, vinteseis de outubro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais