Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Xoves, 09 de novembro de 2000 Páx. 15.097

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2000 pola que se lle dá publicidade ó acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba a modificación das bases para a xestión económico-financeira do Igape.

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, na súa reunión do día 30 de marzo de 2000, aprobou as bases para a xestión económico-financeira do instituto, feitas públicas mediante Resolución do 11 de abril de 2000 (DOG nº 81, do 27 de abril).

A salvagarda do equilibrio entre os principios de xerarquía e eficiencia na tramitación dos expedientes xustifican reserva-la función do Consello de Dirección á toma de razón daqueles expedientes de subvencións a fondo perdido cun investimento subvencionable superior ós 500 millóns de pesetas, quedando nestes casos delegada a facultade de resolver tódolos expedientes no presidente do Igape.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único.-Publica-la modificación das bases para a xestión económico-financeira do Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, acordada polo Consello de Dirección do Instituto na súa reunión de data 3 de novembro de 2000, as cales figuran como anexo I á presente resolución.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2000.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica

ANEXO I

Modificación das bases de xestión económico-financeira do Igape aprobadas mediante acordo do 30 de marzo de 2000.

Primeiro.-Modifícanse os puntos 1 e 2 da letra b) Órganos competentes, do punto III Xestión económica da actividade do Igape, da base 4ª Procedementos de xestión, que pasarán a te-la seguinte redacción:

«1) O Consello de Dirección do Igape, sen prexuízo das facultades establecidas no artigo 9 da Lei 5/1992, do 10 de xuño,

a) Terá que ser informado logo da resolución de concesión das subvencións e axudas a fondo perdido cun volume de investimento subvencionable superior a 500 millóns de pesetas.

b) Resérvase a competencia para resolve-los procedementos de concesión e incumprimento das subvencións ó tipo de xuro cun volume máximo de préstamo subsidiable superior a 500 millóns de pesetas.

2) Acórdanse delegacións específicas de competencias, respecto dos órganos e materias que se detallan:

2.1.) No presidente do Igape:

-Acorda-la contratación de persoal de alta dirección.

-Resolve-los procedementos de concesión de subvencións e axudas, agás aquelas especificamente delegadas no director xeral, e cos seguintes límites cuantitativos:

-Subvención ó tipo de xuro: ata un volume máximo de préstamo subsidiable de 500 millóns de pesetas.

-Resolve-los procedementos de incumprimento incoados con respecto a subvencións e axudas das que as facultades de concesión están atribuídas ó presidente do Igape.

-Acordar e formalizar convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas para o mellor cumprimento dos obxectivos do Igape, sen prexuízo de que o Consello de Dirección do Igape poida autorizar específicamente o director xeral para a suscrición de convenios concretos.

-Acorda-la contratación de obras que impliquen a construcción de bens inmobles ou a realización de traballos que modifiquen a forma ou substancia do terreo ou subsolo, así como a celebración de todo tipo de negocios xurídicos de disposición sobre bens inmobles».